El conselleiro Francisco Conde visitó Rozas en el mes de abril junto a la Secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, y el director del INTA, Ignacio Azqueta.

El conselleiro Francisco Conde visitó Rozas en el mes de abril junto a la Secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, y el director del INTA, Ignacio Azqueta.

Galicia quere voar á vangarda no sector dos drones

O proxecto do aeródromo de Rozas implicará a un gran número de investigadores e empresas galegas

A Xunta pretende que o Parque Tecnolóxico de Rozas, situado no municipio de Castro de Rei (Lugo) converta a Galicia nun polo de referencia mundial no sector das naves non tripuladas, tamén coñecidas como drones. O pasado mes de febreiro, o ente autonómico escolleu a proposta conxunta da multinacional española Indra e de Inaer, filial do grupo británico Babcock, para desenvolver este proxecto, no que se investirán, en conxunto, máis de 115 millóns de euros ata 2025, procedentes de fondos públicos e privados. Será o primeiro polo tecnolóxico e industrial deste sector en España. O pasado 13 de maio, presentouse o acordo entre a Xunta e as empresas encargadas de desenvolver as instalacións. Participaron no acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Indra, Fernando Abril-Martorell e o xerente de Inaer, Enrique Nogueroles, entre outros representantes das institucións e do sector aeronáutico. Está previsto que a partir deste mesmo mes se comecen a asinar os acordos coas subcontratas e, a partir de xullo, comecen a chegar a Rozas as empresas especializadas en cada unha das fases do proxecto. Tamén durante o verán comezará a construción do hangar e poranse en marcha os voos de proba.

“É un proxecto estratéxico; probablemente, o máis importante que se fixo en Lugo nas últimas décadas. Sen dúbida, é o máis importante feito pola Xunta na provincia”, afirmou no mes de febreiro Núñez Feijoo, cando deu a coñecer o nome das empresas que xestionarán o complexo.

Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación, cre que Galicia vai tomar

Manuel Varela, director da GAIN.

Nos mesmos termos se expresa, en conversa con GCiencia, Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria: “É unha aposta a medio prazo para que Galicia colla unha posición de vantaxe nun sector que ten moi boas perspectivas de futuro”, explica. Varela conta que o aeródromo de Rozas será o eixo deste proxecto por varias razóns, xa que “está situado nunha zona con pouca densidade de tráfico aéreo e de poboación, cunha saída ao mar relativamente próxima e nunha zona libre de obstáculos que permiten facer probas de voo sen dificultade. En Europa só hai tres ou catro aeródromos con estas características, coa desvantaxe de que se atopan en zonas próximas ao Polo Norte, onde as condicións climáticas son moito máis adversas”. Ademais, en Rozas tamén traballa desde hai anos o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), onde conta cun centro de ensaio con avións non tripulados, polo que xa hai experiencia previa neste eido.

A posta en marcha do parque permitirá o desembarco de numerosas empresas na provincia de Lugo. Desde a Xunta, calculan que o proxecto pode xerar uns 600 empregos. O primeiro paso é a construción do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR), que transformará as instalacións do aeródromo. O grao de execución das obras, nas que está previsto investir 10 millóns de euros, é xa cercano ao 50%. Arredor do CIAR medrará todo o complexo, que incluirá, segundo indica a Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha fábrica de drones, un centro tecnolóxico, unha oficina de deseño e certificación, unha unidade de instrución e formación de pilotos e outra de sensores, un centro de control de tráfico aéreo, un novo hangar e unha incubadora de empresas.

Xa hai asinados 33 acordos con empresas e investigadores galegos

No marco deste complexo, numerosas empresas galegas terán acceso a novos contratos. Esta foi, segundo afirma Manuel Varela, unha das razóns que inclinou a balanza para escoller a proposta de Indra e Inaer fronte a ofertas de xigantes mundiais como Airbus ou Boeing, porque “a oferta xa incluía 33 acordos con empresas e equipos de investigación galegos por valor de 40 millóns de euros, así como o compromiso de contratar a empresas galegas o proceso de fabricación dos avións non tripulados”. Haberá socios do clúster do naval (Aclunaga) e firmas como Sivsa, R-Cinfo, Sotwcare, Cablerías Auto, Coremain, Centum, Pildolab, Soldatec, Delta Vigo, Aeromedia, Ingeniería Insitu, Marine Instruments, Sixtema y Televés. Do mesmo xeito, seis compañías trasladarán as súas sedes sociais a Galicia: Acubens, Tecnam Aviation, S4A Solutions for Aviation e tres filiais de Indra.

Acordos con universidades e centros de coñecemento

Tamén que hai engadir a aportación dos centros de coñecemento das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, que acumulan unha dilatada experiencia no sector. Sumaranse as entidades Aimen, Lourizán, Cesga, Itmati, Gradiant, Citic, CTAG, Cetmar, CIAR e ITG.  “Non buscamos só un impacto económico directo —afirma Manuel Varela— queremos que se xere coñecemento en Galicia e que as empresas e os investigadores galegos poidan traballar nun proxecto pioneiro “. O acordo tamén inclúe a cesión das patentes á Xunta de Galicia para que poida aplicar a tecnoloxía desenvolvida en Rozas aos usos civís que sexan da súa competencia, tal e como recomenda a Unión Europea.” Desde a UE propoñen que todo o desenvolvemento que fagan Indra e Inaer poida aportarse a Galicia de xeito gratuíto”, comenta o director da GAIN.  E o compromiso de que as dúas multinacionais permanecerán en Rozas polo menos ata o ano 2026 abre unha fiestra de oportunidade en canto á comercialización. Se o sector progresa adecuadamente, o tecido empresarial e investigador de Galicia beneficiarase directamente del.

Os drones utilizaranse para emerxencias e xestión do territorio e dos recursos terrestres e acuáticos

Os traballos de I+D+I que se levarán a cabo en Rozas centraranse nas aplicacións de utilidade dos avións non tripulados no ámbito civil e na mellora dos servizos públicos. Para isto, a Xunta desenvolveu a Civil UAVs Initiative, que establece catro ámbitos de aproveitamento dos sistemas aéreos non tripulados (UAVs, nas súas siglas en inglés). Este traballo centrarase na utilización de drones para a prevención de incendios e o control dos recursos forestais e agrogandeiros, xestión de recursos acuáticos (control de vertidos e do furtivismo, por exemplo), xestión do territorio, do patrimonio cultural e do turismo (revisións catastrais, cartografía, conservación e localización de monumentos, elaboración de vídeos e visitas virtuais, etc.) e xestión de emerxencias (rescates, traslados de equipos, valoración de danos ou prevención de delitos).

O avión tripulado Targus, fabricado por Indra, vai ser transformado dron no parque de Rozas

O avión tripulado Targus, fabricado por Indra, vai ser transformado en dron no parque de Rozas

Para atender estas demandas, fabricaranse e distribuiranse desde Rozas o helicóptero Lumes, desenvolto por Inaer, duns 150 quilos de peso e unha capacidade de carga de 35 quilos, e o avión de ala fixa Targus, que realizará Indra, cun peso de 1.230 quilos e cunha carga máxima de 380 quilos. A maiores, pero xa sen compromiso previo de distribución, Indra tamén desenvolverá unha lancha non tripulada que incorpora un robot submarino con capacidade para recoller mostras.

Co proxecto xa en marcha, queda por ver cómo evolucionará a aposta por Rozas. O director da GAIN cre que hai dous factores principais dos que dependerá o éxito da iniciativa. “En primeiro lugar, depende de cómo evolucione o sector dos avións non tripulados; hai moi boas perspectivas, pero deben confirmarse. E, en segundo lugar, depende de que todos os implicados neste proxecto acertemos nos pasos a seguir, e estamos no bo camiño”. Ante isto, Varela cre que calquera goberno que estea á fronte da Xunta debe respaldar a iniciativa. “É un proxecto bo para Galicia e penso que calquera goberno galego, sexa da cor política que sexa, debe apostar por el”, conclúe.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.