Venres 29 Marzo 2024

Egatel, a innovación como forma de vida

Hai ocasións en que a aposta pola innovación deixa de ser unha fórmula repetida sen moita convicción para converterse nunha feliz realidade. Este é o caso da empresa ourensá Egatel, unha compañía agora integrada na corporación COMSA, que desde a súa fundación en 1992 tivo que centrarse no desenvolvemento de produtos baseados na innovación para poder competir e situarse nos mercados internacionais. Non é casualidade que no último informe de Ardán esta compañía alcanzase a máxima cualificación entre as empresas innovadoras galegas dentro da categoría Ouro.

Microtransmisor de Egatel.
Microtransmisor de Egatel.

O director de proxectos de I+D de Egatel, Manuel Pozo, explica que a vocación innovadora da empresa está presente en toda a súa produción, xa que todos os equipos que venden son desenvolvidos integramente por Egatel e pasaron nalgún momento polo seu laboratorio de I+D. A compañía ourensá centra a súa actividade na venda de transmisores e reemisores para radio e televisión e os seus produtos están presentes en máis de 30 países dos cinco continentes. Isto tamén é unha proba palpable da capacidade da innovación para abrir novos mercados e facilitar a internacionalización das empresas. “Sen I+D non poderiamos sobrevivir, forma parte do noso ADN e instalouse como cultura na empresa”, conclúe Pozo.

Publicidade

Un 35% dos 62 empregados de Egatel están integrados no departamento de I+D  pero, como indica Pozo, a innovación alcanza a todos os recunchos da empresa xa que o desenvolvemento dos novos produtos acaba implicando a todos os departamentos. “Sen a aposta pola I+D non poderiamos sobrevivir. O feito de que os equipos que vendemos fosen integramente desenvolvidos por nós permítenos ofrecer un servizo técnico excepcional e adaptar con rapidez a fabricación ao que nos pide o cliente. Este é un dos aspectos que nos permite facer a diferenza e poder competir con empresas alemás, estadounidenses ou xaponesas que están presentes neste sector”, sinala Pozo.

A empresa galega está presente en 30 países dos cinco continentes

Un 16% dos ingresos obtidos por facturación se reingresan na empresa que, ademais, distínguese por implicarse en proxectos de investigación xunto a centros e institucións galegas como AIMEN, CTAG, Gradiant ou as tres universidades. Os produtos básicos para Egatel seguen a ser os transmisores e repetidores de televisión, antes analóxicos e agora dixitais, pero a variedade de estándares de televisión en cada zona do mundo fai que haxa que desenvolver produtos case únicos para cada país. Egatel, cuxa sede central está no Parque Tecnolóxico de Galicia, conta con delegacións en Madrid, Finlandia, Arxentina, Chile e México, que atenden o negocio nos países máis próximos á súa localización.

Pozo explica que aínda que a maioría de produtos de Egatel non se orientan ao consumidor individual é posible que no futuro se abran novas posibilidades de negocio nese sector. A prioridade para os próximos anos é consolidar a expansión internacional da empresa que seguirá a basearse na fabricación de equipos para a transmisión de radio e TV, aínda que tamén vai apostar por diversificar os seus produtos e explorar outros terreos nos que se poden aplicar este tipo de tecnoloxías, por exemplo a agricultura ou a sanidade.

Neste sentido, a longa experiencia de Egatel no eido de radio-frecuencia e as transmisións convértea nunha empresa privilexiada para seguir innovando neste campo. Por exemplo, en colaboración con Eutelsat, Egatel desenvolveu un dispositivo denominado ‘Smart LNB‘, que consiste nun terminal satélite de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica. Foi deseñado como unha solución de baixo custo e doada instalación para proporcionar servizos interactivos e aplicacións M2M a millóns de usuarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade