David Conde, de Coinscrap. (foto remitida)

David Conde, de Coinscrap. (foto remitida)

CoinsCrap: o aforro a través do consumo

Unha aplicación para móbiles que te axuda a aforrar gardando o teu solto electrónico virtual

Nun mundo no que xa a maior parte dos intercambios monetarios que facemos cada día non son físicos, non tería sentido seguir a usar a hucha. CoinsCrap é o noso moedeiro no teléfono. A app vai gardando o cambio que nos queda tras cada pago, para que cumpramos os obxectivos de aforro que nos queiramos marcar. Como coas voltas que nos deixaba quedarnos a nosa nai cando nos mandaba á tenda.

Pantalla de Coinscrap.

Pantalla de Coinscrap.

“A idea nace ao ver á miña sogra, que metía todas as moedas que tiña nunha botella”, comenta o CEO de CoinsCrap Finance S. L., o ourensán David Conde, ao que xa coñecemos por outra aplicación de xestión económica, Senseitrade. “Queriamos xuntar planificación financeira co redondeo, para que a xente cumpra os seus soños”.

Para David Conde, o obxectivo principal deste produto é democratizar o aforro entre os millenials, cun proceso fácil e divertido. E sobre todo que non sexa unha molestia. O on boarding -rexistro- leva preto de 2 minutos. E comezar a encher a nosa hucha virtual tamén. Eliximos canto custa a nosa próxima adquisición, capricho ou necesidade, en canto tempo esperamos chegar á cifra que custe, e a cantidade de diñeiro a redondear por cada operación: a un, dous, cinco ou dez euros. Se o cinema cústanos 6,50 e redondeamos a 1€, CoinsCrap retira da nosa conta 50 céntimos e méteos na nosa hucha. Ademais poderemos facer unha achega fixa mensual, pois non sempre chega coas voltas.

“Fixemos un piloto en Portugal, e o aforro medio dos usuarios cada semana, só con redondeo, era de entre 12 e 15 euros”. Eses céntimos saen das operacións con cartón e dos recibos bancarios. A hucha virtual é un seguro de aforro de Caser, que aínda que nos ofrece moi baixa rendibilidade, a partir de 50€ podemos retirar todo o que aforrásemos, sen custo algún. “Eliximos este tipo de produto porque é o formato máis rápido de rexistrarse. Basta cubrir un formulario e enviar unha copia do DNI”.

Na fase actual da aplicación só podemos depositar o diñeiro nun seguro de aforro, pero en CoinsCrap están a implementar outras opcións. Algunhas delas podemos velas xa na pantalla de inicio, aínda que non estean operativas. Como un fondo de investimento de renda variable a medio prazo, que achega maior rendibilidade que o seguro de aforro. E tamén un fondo de xubilación.

Coinscrap quere ‘democratizar o aforro’ dun xeito doado e divertido

CoinsCrap calculará o aforro mensual que debería facer o usuario para no futuro poder completar a súa pensión. Aínda que deixan claro que é moi difícil saber canto cobraremos ao xubilarnos, pois dependerá da futura situación económica e do que coticemos ao longo da nosa vida.

E haberá máis cousas. Como é unha aplicación orientada ao modo de vida dos millenials, a intención é automatizar o proceso de aforro. “Poderás poñerche obxectivos, como camiñar 5.000 pasos ao día, e automaticamente engadiremos, por exemplo, un euro á túa hucha”. Ou tamén marcarche onde queres gastar menos e o mes que o consegues CoinsCrap ingrésache ese diñeiro. “Se gastas 20€ ao mes en Starbucks e este mes gastas 18€, pois che engadimos 2€ ao teu obxectivo”.

logo-coinscrap

A aplicación foi presentada no Finnovista Pitching Day de Madrid a finais de outubro e está dispoñible tanto en IOS como en Android. Pode ser utilizada con preto do 95% dos bancos que operan en España. Unha idea que se converte en proxecto a través das aceleradoras empresariais.

CoinsCrap levouse dous premios. O último, o de Xoven Emprendedor da Asociación de Novos Empresarios de Vigo, fíxolles alcanzar maior repercusión mediática. Con todo foi o concedido por Galicia Open Future, o centro de emprendemento de Telefónica, co que conseguiron o verdadeiro impulso. Grazas ao asesoramento e o financiamento de GAIN ( Axencia Galega de Innovación) puideron “ter un proxecto sobre a mesa”. Recoñecen que o apoio de Caser Seguros desde o comezo axudoulles moito, aínda que “traballar cunha gran empresa fai que o desenvolvemento algunhas veces retárdese, pero estámoslles moi agradecidos pola súa implicación”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.