Sábado 20 Abril 2024

Unha cervexa creada a partir de cogomelos

A comezos desta década, o economista belga Gunter Pauli publicou “A economía azul”, un libro no que se abordaba o aproveitamento dos residuos como nova fonte de riqueza. Este libro tivo gran parte de ‘culpa’ do nacemento de Resetea, unha empresa viguesa que comercializa diversos produtos baseados na reutilización de pousos de café e outros refugallos.

Ademais do seu produto estrela, a caixa para o autocultivo de setas ostra, Resetea colocou no mercado, en colaboración coa compañía cervexeira Vacaloura, a cervexa Edulis, unha bebida silvestre inspirada na tradición belga. A Edulis mestura maltas de cebada, centeo e espelta, o que lle proporciona unha entrada dulce e especiada que deriva despois cara un ton máis picante e seco. Ao final da degustación, acábanse apreciándose os sabores terrosos do Boletus edulis, a seta que dá nome a esta cervexa, e que é un dos fungos máis apreciadas da gastronomía galega polo seu sabor e textura.

Publicidade

A cervexa Edulis contén unha particular mestura de sabores.
A cervexa Edulis contén unha particular mestura de sabores.

Edulis é un dos proxectos destacados de Resetea, formada por Iñaki Mielgo (CEO), Cristian Suárez (CCO) e Luis López (CMO). Conta este último que, a finais de 2012, Iñaki comezou a madurar este proxecto. “El é biologo e estaba investigando sobre novas posibilidades de emprendemento nese sector. Atopouse cun estudio sobre a economía azul, onde se falaba de crear papel a partir de pedras ou de cultivar setas a partir dos pousos do café”, conta Luis.

Foi entón cando Mielgo comezou a realizar probas e a mesturar produtos, “pedindo os pousos de café nos bares”, como lembra López. Iñaki acabou obtendo unha mestura que daba resultados esperanzadores. Naquel tempo, Luis, que coñecía a Iñaki desde moitos anos atrás, traballaba en Madrid como deseñador gráfico. Xa sabía do proxecto do seu amigo, así que tomou a decisión de deixar o seu traballo, volver a Vigo e involucrarse no tema. Xunto a outros dous amigos, Beltrán Orío (informático) e Cristian Suárez (licenciado en ADE), crearon Resetea en agosto de 2014.

O outro produto estrela de Resetea é a caixa de autocultivo de setas

Sen deixar de lado a cervexa Edulis, a gran aposta de Resetea é a caixa para o autocultivo de setas ostra. “Todo o mundo pode vivir na súa casa a experiencia de cultivar setas”, conta Luis. O procedemento é sinxelo, Despois de mercar a caixa, a un prezo de 19,90 euros, faise un corte na bolsa que hai no interior e mergúllase en auga fría durante 24 horas. Logo de escurrir a bolsa, vólvese a introducir na caixa e comeza a pulverizarse con auga tres veces ao día. Aos dez días, as setas comezan a brotar. Con cada caixa poden obterse ata tres colleitas.

Para conseguilo, utilízase un sustrato que contén máis dun 80% de café. A caixa elabórase no propio obradoiro de Resetea, a través dun proceso absolutamente artesanal. Luis López sinala que este produto funciona moi ben como agasallo en épocas coma o Nadal. “Para os nenos é toda unha experiencia, eles pensan que é algo máxico”, conta o responsable de Resetea.

Desde o seu nacemento, segundo as estimacións da empresa, calcúlase que reciclaron máis de 620.000 tazas de café e cultivaron máis de 6.200 quilos de setas, xerando máis de 10.000 quilos de abono, o que evidencia a importante contribución do proxecto ao aproveitamento destes refugallos.

Van crear unha liña de accesorios a partir de táboas de monopatín e cortizas

Ademais da cervexa e da caixa de autocultivo, Resetea ten no mercado un kit de xerminación de herbas aromáticas (perexil, albáfega e coentro). De cara ao futuro, os impulsores de Resetea xa teñen na mente novos desafíos. Por unha parte, pretenden incluir novas variedades de seta para o autocultivo. E, por outra banda, están traballando na produción e venda de accesorios e obxectos de decoración para o fogar a partir de táboas de monopatín rotas. Tamén proxectan sacar ao mercado unha liña de accesorios a partir de cortiza.

Todos estes proxectos recibiron un importante pulo grazas ao apoio do certame VíaGalicia, que seleccionou a Resetea como un dos proxectos finalistas na súa última edición. Así, en breve trasladarán a súa sede desde Vigo a Porto do Molle, en Nigrán, xunto ao resto de empresas participantes na aceleradora. Na súa orixe, o proxecto tamén foi galardonado no concurso de ideas empresariais innovadoras organizado pola USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pegada do abuso dos praguicidas permanece décadas no solo

A pesar dos seus beneficios para a agricultura, moitos pesticidas demostraron ser prexudiciais para o medio ambiente e a saúde

Pode o consumo de café reducir o risco de ictus e demencia?

Un estudio sinala que o consumo diario de 4 a 6 cuncas desta bebida ou de té podería estar asociado a un menor risco de padecer ambas enfermidades

O que pasa no teu corpo cando bebes café

O autor analiza a relación do café con fenómenos como o sono, o insomnio, a dixestión, o cancro ou a capacidade de oxidación nas células

Un novo estudo confirma que consumir café alonga a vida

Investigadores do instituto CIBEROBN conclúen menor mortalidade consumindo varias tazas de café ao día