Equipo de Aistech Space, na Axencia Europea do Espazo.

Equipo de Aistech Space, na Axencia Europea do Espazo.

Aistech Space: a democratización do espazo

A creación dos cubesats ou nanosatélites abaratará o custo do acceso á tecnoloxía espacial

O primeiro satélite artificial que a Humanidade puxo no espazo era soviético, tiña 83.6kg de masa e estaba formado por unha bóla de aluminio de 58 centímetros de diámetro e catro antenas de 2,4 e 2,9 metros. O Sputnik 1 daba comezo o 4 de outubro de 1957 á conquista do espazo. Desde ese momento os satélites non fixeron máis que crecer: máis grandes, máis potentes e con máis ferramentas. E tamén moito máis caros.

Satélite de Aistech.

Satélite de Aistech.

Para os estudantes, tanto o prezo como a complexidade dos aparellos xeraban un problema á hora de desenvolver modelos propios, montalos e probalos.

Pero a finais dos 90 o profesor catalán da Universidade Politécnica de California, Jordi Puig- Sauri, e o da Universidade de Stanford, Robert «Bob» Twiggs presentaron unha solución: satélites cúbicos de 10 cm para estes fins académicos. Máis baratos e máis sinxelos que os tradicionais.

O primeiro é lanzado con éxito en 2003. “Nós seguimos de preto a evolución dos nanosatélites, e sobre todo das empresas de Silicon Valley que estaban a desenvolver esta tecnoloxía con fins comerciais”, explica Guillermo Valenzuela, CEO e cofundador de Aistech Space.

Con sede en Porto do Molle, Nigrán, trasladada en 2016 desde Barcelona polo apoio da Xunta, a súa empresa dedícase ao desenvolvemento de cubesats para uso civil. En 2015 nace a compañía, despois dun ano de estudo no que descobren un nicho de mercado no seguimento de avións, a comunicación bidireccional en zonas remotas e a captura de imaxes infravermellas e térmicas desde o espazo.

O new space fronte ao old space
A principal revolución que trae este novo tipo de satélites, que pertencen ao sector do alcumado new space, é debida ao baixo custo. Aparellos máis pequenos e por tanto máis fáciles de poñer en órbita. “Fai vinte anos era absolutamente impensable que unha PEME de 14 persoas como nós puidera lanzar un satélite”, comenta Valenzuela, “só estaba á altura de Boeing, Airbus ou Thales”. “Un nanosatélite o é unicamente polo tamaño porque os sistemas que trae integrados son os mesmos que un satélite grande”, explica. A diferenza está na redundancia e na potencia, que xera unha estrutura de traballo distinta.

Os nanosatélites crean un mercado máis económico que achega o espazo ás Pemes

Mentres un satélite do old space como o Galileo leva catro reloxos e dous computadores, unicamente por se en voo algún falla, nun nanosatélite a redundancia obtémola do nanosatélite que voa á beira. De aí a necesidade de ter no aire unha constelación, pois a taxa de fallo está nun 3-4%. “Para nós será un problema porque non poderemos facturar con eses satélites que morren anticipadamente, pero non é o mesmo perder 3 nanosatélites que un só satélite de 500 millóns de euros que se amortiza en 15 anos”.

“Todo ten o seu mercado”, di Valenzuela. E é que non poderemos utilizar cubesats para retransmitir televisión por satélite ou para obter imaxes de altísima resolución, algo que si faciamos cos aparellos tradicionais de maior potencia. “Hai quen esixe trinta centímetros por píxel nas súas imaxes e está disposto a pagar 3.000 euros por iso, e quen lle vale con 5 metros por píxel a 100 euros a fotografía”.

Patch de Aistech.

Patch de Aistech.

Pero está a aparecer un mercado en sectores que antes non podían pagalo. Como para a agricultura ou a xestión forestal, onde grazas á fotografía multiespectral poderemos saber que zonas dun campo deberán regarse ou abonarse máis ou menos, que zonas forestais están máis secas e onde pode haber risco de incendio. Aistech expón ademais a coordinación dos sistemas espaciais con equipos en terra, xa que “poderiamos ver onde hai un conato de incendio e enviar aos bombeiros ou un dron para verificalo”.

Unha constelación de satélites fabricados en Galicia
O obxectivo da empresa é ter cen satélites orbitando a Terra para 2022. Con iso conseguirían ter unha alta taxa de refresco de datos. “Cun só satélite como os nosos, que voan en órbita polar a pouca distancia, damos a volta ao mundo en 90 minutos e podemos ver todo o planeta”. O problema está en que o mercado require unha maior frecuencia de datos, así que necesitan máis satélites.

O calendario que se marcan é lanzar o primeiro en 2018, pero contan con ter 13 satélites en órbita a mediados do 2019 e a constelación completa de 100 para 2022. Aínda que para este último paso recoñecen que necesitan máis financiamento. O I+D de Aistech Space non está enfocado cara á estrutura dos nanosatélites. “Non pretendemos inventar a roda”, di Valenzuela, senón que se dedicarán ao desenvolvemento das cargas útiles: a cámara, o telescopio, ou equipos de comunicación. O que implica comprar unhas partes e fabricar outras. E así entra en xogo o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia ( CINAE), que será quen ensamble todo o aparello.

“CINAE ten moita experiencia integrando satélites, así que pechamos dous grandes proxectos con eles”, din desde Aistech. E recoñecen que viron a Galicia tamén polo coñecemento e a “expertise” non só do CINAE, senón ademais, da propia Escola de Telecomunicacións. E mesmo “pola oportunidade de captar xente formada da Universidade, ou de traer a titulados emigrados de volta a Galicia, o que para nós é un orgullo”.

O deseño dos cubesats continúa en Barcelona, pero a fabricación do primeiro satélite está agora en Vigo, na sala branca da universidade. Próximamente, Zona Franca abrirá a súa propia sala branca, polo que pronto trasladarán alí toda a fabricación. O lanzamento do primeiro cubesat da empresa será cun foguete de SpaceX desde California, e xa está programado para o próximo marzo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.