balidea-edificio

Fachada de Balidea, en Santiago.

A saúde das novas tecnoloxías

Balidea, creada para o sector da sanidade, factura 6,5 millóns de euros tras abrirse a campos como a xustiza ou o deporte

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

Hai 13 anos, os fundadores de Balidea desenvolvían programas de saúde pública para o Sergas. As tecnoloxías da información como negocio eran incipientes naqueles anos, polo menos en Galicia. Hoxe, daquel pequeno círculo de programadores e enxeñeiros creceu unha empresa que factura 6,5 millóns de euros anuais e con case 200 empregados, que vende a súa tecnoloxía en países como Dinamarca, Reino Unido ou Irlanda. E que crece a un ritmo do 30% anual, o que dá unha idea do potencial das TIC.

Balidea segue traballando para o Sergas, pero o seu círculo de clientes expandiuse a catro ministerios, cinco comunidades autónomas, catro deputacións provinciais, tres universidades e un bo número de entidades privadas, que configuran unha armazón, de colaboradores para os que elaborou máis de 200 proxectos: comunicación web corporativa, colaboración dixital, proxectos de e-Administración e e-Goberno, ferramentas de xestión, integración software-hardware, consultoría…

Unha aplicación da compañía permite determinar dose de sintrom sen acudir a un hospital

Cun equipo formado en máis dun 90% por enxeñeiros e un departamento de I+D -ao que destina 1,2 millóns de euros anuais– de ata 20 persoas, cinco delas de forma exclusiva, pouco a poucoBalidea foi diversificando unha actividade que naceu estreitamente vinculada á sanidade pública a través do Sergas. “Cando chegou o momento de crecer, pensamos en primeiro lugar noutras administracións sanitarias, pero non é moito o diñeiro que se destina a este apartado en España”, lamenta Carlos Segade, director de Operacións. A solución consistiu en saír do ámbito sanitario a explorar alternativas. E demostrouse acertada.

Balidea, con sedes en Santiago, Vigo, Lugo, Bilbao e Copenhaguen, abandonou tamén do concepto clásico de programadores, entendido como creadores de sistema de xestión, para xestionar a presenza en Internet dos seus clientes. Non só iso. Desenvolve intranets, firmas dixitais, xestiona contratacións e recursos humanos ou fai consultoría tecnolóxica e de procesos.

Un dos seus proxectos en curso dá idea da amplitude de miras das TIC. Se trata de adestrapp, unha aplicación para o ámbito da preparación deportiva, que serve tanto para perfeccionar os procesos de adestramento coma para retransmitir en directo a través de Internet eventos deportivos afeccionados. “Un pode ver o partido de fútbol dos seus fillos no teléfono ou no ordenador cunha calidade moi elevada, tanto en streaming como gravado, mediante un sistema moi económico. Sen necesidade de operadores, con cámaras fixas que custan uns 100 euros e cun sistema que fai a realización de forma automática. E coa posibilidade de mover a imaxe cara a diante e cara a atrás ao noso antollo”, resume Segade.

Balidea conta con case 200 traballadores e destina 1,2 millóns á área de I+D

Adestrapp naceu como proxecto do programa Conecta Peme convocado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), aínda que finalmente sairá adiante con recursos propios. Outros si prosperaron con axudas a través do organismo da Xunta, que xestiona os fondos FEDER en programas como Innterconecta ou o propio Conecta Peme. Por exemplo, CityApps -relacionado coas smart cities-, a xestión integral de calidade da normativa ISO na nube ou o desenvolvemento de oficinas económicas virtuais nos concellos. Tamén creou unha rede intelixente de electrolineiras para recarga de vehículos eléctricos ou un sistema de control da rede de frío en vacinas, por exemplo.

Pero as orixes pesan en Balidea, polo que as tecnoloxías relacionadas coa sanidade seguen tendo un peso fundamental na empresa. Un dos seus proxectos máis significativos ten como destinatarios aos coidadores informais, persoas sen experiencia que se teñen que facer cargo de familiares con alzhéimer ou patoloxías similares, e que encontran nesta plataforma asesoramento, teleformación ou axuda para o diagnóstico. Estámolo a desenvolver con universidades danesas e polacas, coas que compartimos non só tecnoloxía, senón tamén de investigación clínica, explica Segade.

fisiorobOutro proxecto do ámbito sanitario, xestionado a través da Gain, é o denominado Fisiorob, un robot que axudará a recuperación da movilidade das extremidades superiores entre pacientes que sufrisen un ictus ou un accidente de tráfico. O centro tecnolóxico Aimen, CIS Galicia, a Universidade de Vigo e o hospital Povisa participan no desenvolvemento deste sistema de asistencia que, mediante exercicios intensivos e coa axuda dun brazo robótico e dunha pantalla de realidade virtual, busca mellorar a eficacia do proceso de rehabilitación deste tipo de pacientes.

Tamén está relacionado coa saúde o proxecto de Innterconecta con Indra e Televés, para a creación dun sistema de xestión informática de crónicos. “A idea consiste permitir asistir a domicilio a enfermos crónicos, que na actualidade constitúen unha parte importante dos ingresos hospitalarios. Hai unha saturación de crónicos”, explica o directivo da empresa. Por exemplo, para unha persoa maior que vive lonxe do hospital,” ir semanalmente a picarse para establecer a dose de sintrom pode ser un trastorno moi importante que pode evitarse con esta aplicación.

Fóra do ámbito da saúde, Balidea creou unha aplicación paraAndroid, Casas Rurais Amigas, cun sistema de georreferenciaciónque sitúa ao usuario no mapa e indica as casas rurais máis próximas, coa súa correspondente información de utilidade. Ou un soporte informático que dá servizo a órganos xudiciais de toda España, para a resolución de incidencias en hardware e software.

É moi posible que nesa diversificación de sectores resida unha das claves do éxito desta auténtica fábrica de tecnoloxía da información.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.