TORRES ELÉCTRICAS

A Xunta estima que o cambio de hora aforrará un 0,4% de electricidade

Este aforro só repercutirá nos fogares, xa que a industria non consume menos co cambio horario

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) calcula que o cambio de hora previsto para esta fin de semana –co comezo do horario de verán, na madrugada do sábado ao domingo deberanse adiantar os reloxos unha hora (ás 02.00 horas serán as 03.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1% para o sector doméstico, e do 3% para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia próximo ao 0,4%.

O aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial a estrutura de produción mantense de forma constante, con independencia do horario. Este cambio de hora permite, segundo o Inega, un maior aproveitamento das horas de luz, o que suporá empregar a luz solar para a realización de distintas actividades durante o día, reducindo deste xeito os consumos enerxéticos.

O cambio de hora é obrigatorio en toda a Unión Europea dende o ano 1981

O Inega recorda que, para alcanzar este potencial de aforro, é preciso levar a cabo un uso racional e responsable da enerxía a través de pautas sinxelas, como prescindir da luz artificial cando non é estritamente necesaria; utilizar tecnoloxías de aforro en iluminación de baixo consumo; instalar sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial; ou optar pola renovación de fiestras para evitar as fugas de calor. O Inega ten a disposición dos cidadáns a Guía práctica de aforro de enerxía, que se pode consultar na súa páxina web (http://inega.es/publicacions/guias) e na que se sinala a importancia de adoptar hábitos básicos, como aproveitar en maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía eficiente mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros mecanismos de regulación e control.

O cambio horario vén motivado pola novena directiva que rexe o denominado cambio de hora, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos. Esta medida de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.