Reunión dos investigadores de Lentimed coa doutora Yamakazi.

Reunión dos investigadores de Lentimed coa doutora Yamakazi.

Xapón interésase polas lentes de contacto con fármacos creadas en Santiago

Lentimed, empresa spin-off da USC, recibe a visita da legación dunha firma líder nipona

Os responsables da spin-off da USC Lentimed Medical Devices S.L. recibiron este martes na súa sede no edificio Emprendia á doutora Yamazaki, executiva da empresa Seed Co., un dos maiores produtores de lentes de contacto en Xapón, cunhas ventas anuais duns 188 millóns de dólares que actualmente abastecen a 19 países e rexións. A visita responde ao interese de ambas empresas en explorar posibles sinerxías e colaboracións.

Lentimed Medical Devices S.L., que actualmente usa a marca HGBeyond para darse a coñecer nun entorno internacional, xurde a partir dos resultados de investigación protexidos do grupo I+D Farma. Traballa no desenvolvemento dun novo material adecuado para a fabricación de lentes de contacto brandas preparadas para a liberación de compostos na superficie ocular de forma controlada e sostida no tempo. Os novos materiais, as lentes de contacto e o procedemento contan coas súas correspondente patentes para Europa, Estados Unidos e Xapón.

A spin-off galega Lentimed conta con patentes en Europa, Estados Unidos e Xapón

Os promotores da proposta empresarial, socios e responsables de I+D da empresa son os profesores Ángel Concheiro Nine e Carmen Álvarez Lorenzo, mentres que Susana Torrente é a project manager.

Os novos materiais de Lentimed están constituídos por compoñentes comúns a outras lentes de contacto. A innovación é que incorporan ciclodextrinas, compoñente empregado para outras especialidades farmacéuticas, que permiten cargar substancias nunha cantidade suficiente e cedelas en contacto coas bágoas do ollo nun proceso controlado. O proceso de incorporación destas ciclodextrinas tamén é novidoso e está especialmente deseñado para obter estes materiais.

Os novos materiais xa foron testados en laboratorio e tense comprobado a súa capacidade de cargar medicamentos como diclofenaco (antiflamatorios) e miconazol (antifúnxico) e cedelos no fluído lacrimal artificial de xeito controlado durante 14 días. Ademais, comprobouse que ten a dureza axeitada para soportar o pulido para preparar lentes de contacto brandas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.