Reunión do patronato do CINAE en Porto do Molle, instalacións de Zona Franca de Vigo en Nigrán.

Reunión do padroado do CINAE en Porto do Molle, instalacións de Zona Franca de Vigo en Nigrán.

Un enxeñeiro da ESA dirixirá o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia

Antonio Castro García traballou no programa Galileo e tamén en misións espaciais no Jet Propulsion Laboratory da NASA

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, inicia unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral e a sinatura dos seus primeiros contratos con entidades públicas e privadas, ao tempo que agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que concorreu na procura de fondos. O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado da Fundación Cinae, Salustiano Mato, e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, deron conta destas novidades.

Antonio Castro García.

Antonio Castro García.

O elixido para dirixir o Cinae é o enxeñeiro barcelonés da Axencia Espacial Europea, ESA, Antonio Castro García, que se incorporará a tempo parcial as vindeiras semanas. Con 28 anos de experiencia profesional no sector aeroespacial Castro comezou traballando en comunicacións por satélite en Telefónica e posteriormente en misións de espazo profundo e interplanetarias no Jet Propulsion Laboratory da NASA en California e desde 1998 traballa na Axencia Espacial Europea, onde desempeñou o seu labor principalmente no centro tecnolóxico de ESTEC en Holanda, e tamén no ESRIN, en Roma, e no Centro Espacial de Toulouse da Axencia Espacial Francesa (CNES). Actualmente desenvolve a súa actividade no centro de operacións da ESA (ESOC) en Darmstadt, Alemaña.

Tras ser parte do equipo que deseñou o sistema de navegación Galileo, neste intre traballa na operación deste sistema, onde xestiona os dous centros de control (GCC) do sistema localizados en Munich e Roma. Castro, que colaborou co equipo do investigador e docente da Universidade de Vigo Fernando Aguado nos proxectos Xatcobeo e Humsat, “ten experiencia sobrada como tecnólogo e científico e é un luxo telo aquí para deseñar e desenvolver o plan estratéxico do centro”, asegurou Mato, que destacou o traballo realizado por Castro como xestor de proxectos e contratos de ámbito mundial por un importe de ata 200 millóns de euros, ao tempo que destacou que a súa experiencia e carteira de contactos permitirá “abrir internacionalmente o centro e dar músculo ao sector empresarial que se está a introducir no mundo aeronáutico e aeroespacial”.

O CINAE ten xa en marcha os primeiros proxectos de innovación aeroespacial

A sinatura do primeiro contrato cunha empresa privada e dun contrato programa coa Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, foron outros dos fitos destacados por Mato e Pedrosa en relación co Cinae. O Centro xa asinou un contrato coa empresa catalá Aistech co obxectivo de dar soporte e consultoría para o rexistro de frecuencias e a obtención de licencias para a misión Aistechsat2 e, neste intre, negociase outro contrato con esta mesma empresa para a integración dun satélite que se operaría desde o Cinae. Caso de materializarse este acordo, o importe de ambos os dous contratos con Aistech ascendería a 355.000 euros.

Doutra banda, o Centro asinaba recentemente coa Xunta un contrato programa para os anos 2016 e 2017 por un importe de 160.000 euros e que contempla a potenciación de liñas estratéxicas de investigación para promover a excelencia científico-técnica; formación, captación e retención de talento e programas nacionais e europeos de I+D+i e proxectos colaborativos con empresas e axentes de investigación. Un acordo, que en palabras do reitor da Universidade de Vigo, “supón un importante impulso para o centro”.

Mato tamén lembrou a participación do Cinae no proxecto Pinaet da convocatoria europea Poptec para a creación dun polo aeronáutico en Galicia e o Norte de Portugal, así como nos proxectos Kronos e Polares dentro do programa Feder Interconecta e a solicitude dunha convocatoria de Unidade Mixta coa empresa Aistech para a integración dun satélite demostrador que incorpora a recepción da posición de avións (ADS-B) e capacidade de comunicación bidireccional con terminais en terra, convocatorias cuxa resolución aínda non se produciu e que ascenden a preto de cinco millóns de euros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.