Marcos Curty, profesor da Universidade de Vigo

Marcos Curty, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de AtlantTic. | Duvi

Un sistema criptográfico garante a seguridade total en Internet

A revista 'Nature' faise eco dun artigo asinado por Marcos Curty, profesor da Universidade de Vigo, quen colaborou cun equipo internacional no desenvolvemento dun sistema 100% seguro

Secretos gobernamentais e de empresa, banca electrónica, compras en liña, datos privados… Con centos de millóns de dispositivos conectados a Internet en todo o mundo, os riscos de privacidade e seguridade nas comunicacións representan todo un reto, unha batalla continua entre criptografía informática e crackers. Porén, xa se puxo en marcha a primeira solución práctica que demostra que é posible construír sistemas de criptografía cuántica que garantan seguridade absoluta nas comunicacións, algo que na actualidade non se pode garantir ao 100%, tal e como se encargaron de demostrar WikiLeaks coas súas filtracións e denuncias ou o ex-técnico da CIA Edward Snowden no caso de espionaxe masivo e global da Axencia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos. A prestixiosa revista Nature faise eco nun dos seus últimos números deste importante avance científico cun artigo asinado por Marcos Curty, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de AtlantTic, quen avanza que hai xa varios grupos internacionais que o implementaron con éxito, demostrando así a súa viabilidade.

“Práctico e sinxelo”

“É un sistema práctico e sinxelo de implementar que é plenamente seguro”, subliña Curty, quen explica que a investigación se realizou en colaboración con investigadores das universidades de Toronto e Xenebra e a operadora xaponesa de telecomunicacións NTT, firma que amosou xa o seu interese en levalo á práctica, “aínda que non é a única”, explica o profesor da Universidade de Vigo, quen menciona tamén o caso de Toshiba. Porén, ao seu xuízo, aínda é difícil previr cando estarán dispoñibles este tipo de sistemas para o público en xeral, xa que isto depende de moitos factores, “cuestións de índole económico e comercial que nada teñen que ver coa ciencia”, aclara Curty, quen, pese a todo, ve “factible” a súa comercialización no mercado en cinco ou dez anos, informa D. Besadío no Duvi.

Estes sistemas poderían comercializarse en cinco ou dez anos
Na actualidade empréganse métodos criptográficos clásicos de clave pública, sistemas que basean a súa seguridade en suposicións non probadas sobre complexidade computacional e son, por tanto, “vulnerables fronte á nosa capacidade de cálculo”, explica Marcos Curty. Este é, precisamente, o principal motivo que provoca que estas técnicas non sexan plenamente seguras. Curty recoñece que nos últimos anos había gran pesimismo na comunidade científica sobre a posibilidade real de implantar un sistema de criptografía cuántica plenamente seguro, pero os resultados deste traballo publicado agora en Nature “desminten este pesimismo e demostra que si é posible”, salienta o profesor.

100% seguro

Este traballo culmina unha liña de investigación iniciada en colaboración tamén con investigadores da Universidade de Toronto. “Os resultados preliminares que acadamos en 2012, aínda que moi prometedores, desgraciadamente non eran aplicables aos sistemas reais”, comenta Curty en declaracións recollidas polo Duvi. Agora, o novo sistema é moi práctico e garante plena seguridade, mesmo se algún dos seus dispositivos máis sensibles non opera de forma correcta e, ademais, a demostración de seguridade é directamente aplicable aos sistemas reais e ao número de mensaxes que se deben transmitir. “O noso artigo demostra que as prestacións finais do sistema son moi boas”, salienta o investigador.

“O sistema garante plena seguridade, mesmo se algún dos seus dispositivos máis sensibles non opera de forma correcta”

Para exemplificar as características deste novo sistema de encriptado da información Curty utiliza o deseño dun coche. “Ti podes deseñar un automóbil para que funcione 300.000 km sen necesidade de ir ao taller, pero se durante a súa construción un dos operarios emprega por erro un carburador defectuoso, probablemente o coche terá que ir ao taller moito antes”, compara o profesor, quen leva o exemplo ao campo da criptografía cuántica: “Pódense deseñar sistemas que, sobre o papel, son plenamente seguros, pero se ao construílos non tes moito coidado e consegues garantir que todos os dispositivos do mesmo se comportan como deberían, pódense ter problemas de seguridade”. Co novo sistema desenvolto por Curty e os seus colaboradores, seguindo co mesmo exemplo, “sería como poder garantir que o coche funcionara correctamente os 300.000 km sen necesidade de ir ao taller aínda que varios dos seus dispositivos fosen deseñados incorrectamente e o operario que os construíu non tivese os coñecementos axeitados”.

Novos retos

Aínda que a posibilidade de cifrar información de forma plenamente segura é un dos retos fundamentais da criptografía actual, existen outros moitos servizos cuxa seguridade necesita tamén ser mellorada. A xuízo do investigador vigués isto inclúe, por exemplo, a posibilidade de autentificar usuarios ou mensaxes de forma segura nunha rede de comunicacións, sinaturas electrónicas, voto en liña, compartición de recursos computacionais entre varios usuarios que non necesariamente confían uns nos outros, etc. “En varios destes servizos, a utilización de técnicas cuánticas pode ser igualmente relevante para mellorar as prestacións dos métodos convencionais”, di Curty.

No caso concreto da encriptación de información con técnicas de criptografía cuántica, Curty recoñece que hai aínda moitos retos por resolver “e somos moitos os grupos de investigación que estamos a traballar nisto”. Entre estes retos inclúe o deseño de sistemas que ofrezan maiores taxas de transmisión e que poidan empregarse para transmisións a longa distancia ou comunicacións intercontinentais empregando satélites ou repetidores cuánticos, xa que na actualidade a distancia de transmisión neste tipo de sistemas está limitada a uns 250 km; o desenvolvemento a gran escala de redes metropolitanas de criptografía cuántica e a integración de forma sinxela deste tipo de sistemas nas redes de comunicacións ópticas actuais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.