O reitor da UVigo amosa unha das maquetas dos satélites. Foto: Duvi.

O reitor da UVigo amosa unha das maquetas dos satélites. Foto: Duvi.

Galicia enviará ao espazo 25 satélites antes do ano 2022

O Cinae e a empresa Aistech presentaron un proxecto que terá aplicacións na agricultura, a pesca ou o sector forestal

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) e a empresa Aistech Space presentaron en Nigrán unha unidade mixta para o deseño, fabricación, lanzamento e operación dunha rede de 25 nanosatélites. A inversión será de 2,3 millóns de euros, dos que 700.000 serán aportados pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e o resto por Aistech. Con esta iniciativa, que prevé despregar a constelación de satélites antes do ano 2022, Aistech pretende proporcionar datos e información exacta e de calidade e a baixo custo, de calquera punto do planeta cun tempo de refresco medio de 10 minutos, a compañías, organizacións ou gobernos, co obxectivo de ampliar o seu coñecemento sobre áreas de interese ou mellorar a toma de decisións.

Sectores como o pesqueiro, o agrícola e o agroforestal poden ser algúns dos máis beneficiados polo despregue da constelación, que proverá servizos como o seguimento de agricultura de precisión, verteduras no mar ou control de incendios, combinando medidas ambientais cun novo concepto de imaxes. Mentres Aistech se centra nas tarefas de integración das cargas útiles, Cinae actúa como socio tecnolóxico de nivel de misión e de plataforma, achegando a experiencia dos seus investigadores para crear a constelación de nanosatélites. Fernando Aguado, director técnico do proxecto e investigador de Cinae, lembrou o traballo realizado na Universidade de Vigo e en Cinae, que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que “no período 2019-2020 se lanzarán desde Galicia catro satélites adicionais co que Cinae terá deseñado e lanzado o 65 por cento dos satélites fabricados en España ata esa data.

O Cinae terá deseñado e lanzado en 2020 o 65 por cento dos satélites fabricados en España

Os cubesats de 6U que se están a deseñar neste proxecto teñen unhas dimensións de 30x10x10 centímetros e un peso duns 10 quilogramos, podendo realizar entre 14 e 15 órbitas ao día, o que implica unha cobertura total.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, puxo o acento na súa intervención en que “o futuro está ligado ao coñecemento, polo que cómpre cambiar o chip do ladrillo, porque a competitividade vén da man do coñecemento”. Un aspecto no que tamén incidiu a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, que lembrou a aposta do organismo que preside polo sector aeroespacial a avanzou que xa está en proceso de licitación a construción dunha sala limpa en Cinae, onde tamén se instalará un laboratorio tecnolóxico. “Desde Galicia para o mundo temos que poñer en valor o coñecemento” asegurou Pedrosa que tamén avogou por reter o talento.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, recordou que Cinae é a única unidade mixta centrada no sector aeroespacial co obxectivo de “situar a Galicia na vangarda do sector e transformar a economía de Galicia en economía do coñecemento”. Argerey, que cifrou en 84 millóns de euros a mobilización de capital das 24 unidades mixtas que existen neste intre, destacou os beneficios que para o sector primario galego implica un proxecto como o que están a desenvolver Cinae e Aistech, así como “o aproveitamento do coñecemento e a transferencia aos sectores produtivos galegos” que implica.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.