Reunión en Santiago do proxecto SOLA.

Reunión en Santiago do proxecto SOLA.

Santiago acolle o primeiro encontro europeo da rede SOLA de ‘spin-offs’

Participan universidades de Europa e América para a creación de empresas dende grupos de investigación

A primeira reunión do proxecto europeo SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) celébrase estes días en Santiago. O Kick-OffMeeting do programa desenvólvese ata o mércores 9 na USC con xornadas de formación intensiva nas que participan emprendedores universitarios e técnicos de incubadoras e centros de apoio ao emprendemento para mellorar os seus coñecementos en finanzas, internacionalización e desenvolvemento de negocios. 

O reitor da USC, Juan Viaño, o presidente de RedEmprendia, Senén Barro, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foron os encargados de inaugurar este primeiro encontro do proxecto SOLA, cuxo obxectivo é fortalecer as capacidades das universidades para acelerar spin-off e startups baseadas no coñecemento, que poñan en valor a I+D dos grupos de investigación universitarios.

O reitor Viaño subraiou os esforzos realizados polas universidades “para promocionar o espírito emprendedor” e solventar “as necesidades dos nosos emprendedores nas etapas temperás dos seus proxectos empresariais”. Non obstante, Viaño asegurou que “necesitamos articular programas de aceleración empresarial que fagan crecer a estas empresas e garantan a súa consolidación”. 

No proxecto internacional participan universidades de Europa e América

Pola súa banda, Senén Barro afirmou que con este proxecto RedEmprendia “fai de ponte entre Europa e América, buscando a colaboración e o afortalamento de lazos entre ambos lados do Atlántico”. SOLA é un “exemplo paradigmático desta visión, e así entendeuno tamén a Unión Europea co seu apoio ao proxecto”. “Apoiar a consolidación de empresas universitarias supón ademais –engadiu– axudalas a escalar e internacionalizar a súa actividade” e as universidades, “que xa cooperan no desenvolvemento de proxectos de investigación, deben aproveitar a oportunidade de facelo tamén en temas de emprendemento”.

Para o alcalde, “con este programa, as universidades toman a iniciativa para solucionar o que observamos como un grave problema para a nosa economía: o 80% das empresas de nova creación non sobreviven máis de tres anos”. Para Noriega, as empresas innovadoras “requiren un apoio extra, e non obtelo pode traducirse na famosa fuga de talentos”. 

SOLA é un proxecto internacional cofinanciado polo programa Erasmus+ que lidera RedEmprendia co apoio de Banco Santander. No consorcio participan dúas universidades españolas –a USC e a Autónoma de Madrid -, a Universidade do Porto (Portugal), a Universitá della Calabria (Italia) e a consultora europea Devalar. Desde América Latina están presentes dúas universidades brasileiras -a Estadual de Campinas e a de São Paulo- e as colombianas de Antioquia e EAFIT.

No marco do proxecto, de dous anos de duración, desenvolveranse diversas actividades para a posta en común e a análise de fortalezas e debilidades das universidades á hora de apoiar o emprendemento de alto impacto baseado no coñecemento, todas elas orientadas á elaboración dun itinerario formativo común que poda ser implantado nas universidades de Europa e América Latina.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.