Integrantes do Projeto Breogan na última xuntanza en Brasil

Integrantes do Projeto Breogan na última xuntanza en Brasil

Projeto Breogan: a administración electrónica chega de Galicia a Brasil

A empresa viguesa Imatia encabeza un consorcio internacional que traballa na dixitalización de diversas cidades brasileiras

O fenómeno imparable da dixitalización das administracións públicas comezou a facerse realidade en Galicia dende hai anos e agora a empresa galega Imatia encabeza un consorcio de compañías que están traballando en diversas prefecturas brasileiras co obxectivo de trasladar a tecnoloxía e metodoloxía empregadas en diversos concellos galegos ao país sudamericano.

A cidade de Valinhos, preto de Sao Paulo, é o primeira que está a experimentar os resultados desta dixitalización pero a empresa galega xunto ás demais que integran o Projeto Breogán xa están iniciando tamén os seus traballos nas cidades de Olinda e Campina Grande, que suman máis de 700.000 habitantes na zona do nordeste brasileiro.

En Valinhos xa se realizou a dixitalización de 50.000 fichas do catastro da cidade

Curiosamente o nome que lle deron ao proxecto non se debe a implicación da empresa galega no mesmo senón ao nome dunha das compañías brasileiras que participa no consorcio, Breogan Innovation. Imatia considera ao mercado brasileiro como prioritario dentro da súa estratexia de expansión internacional e por iso abriu en 2015 unha oficina en Sao Paulo.

Carlos Suárez, responsable de Marketing e Comunicación de Imatia, explica que en Valinhos xa se realizou o traballo de dixitalización de 50.000 fichas do catastro da cidade e no futuro se implantarán outras ferramentas dixitais para avanzar no proxecto de administración electrónica. A dixitalización do catastro é unha iniciativa fundamental para as prefecturas brasileiras, xa que hai moitos terreos que nin sequera están rexistrados e, polo tanto, non pagan impostos aos municipios.

Ademais da dixitalización das fichas catastrais, Imatia tamén participa na mellora de xestión da área de urbanismo e na sede electrónica da Prefectura de Valinhos, na que os cidadáns agora xa poden solicitar servizos on line e comprobar o estado da tramitación dos seus expedientes. O Projeto Breogan pretende trasladar estes logros a outras cidades do país para que cada vez sexan máis as prefecturas que podan achegarse ao modelo de smart city, que implantouse hai anos en moitas cidades europeas.

O software empregado nestes traballos é o mesmo que Imatia aplicou en institucións galegas

O software empregado para este tipo de traballos é o mesmo que Imatia xa aplicou en diversas institucións galegas como a Diputación de Pontevedra e os concellos de Vigo, Ourense, Ferrol e varios da comarca do Salnés. Deste xeito, segundo indica Carlos Suárez, o traballo de actualización e desenvolvemento do software realizase en Galicia e a oficina de Imatia en Sao Paulo ten sobre todo una función representativa e comercial.

O Projeto Breogan comezou a desenvolverse no ano 2013 e nel participan, ademais de Imatia, as empresas españolas AVA Arquitecto e Ofica e as brasileiras Breogan Innovation e SSR. Suárez apunta que as perspectivas de negocio para Imatia en Brasil son moi boas xa que hai moitas as administracións públicas que teñen a necesidade de mellorar os seus niveis de dixitalización.

Imatia, empresa viguesa que gañou o premio Galicia Spin-off na categoría de Selo de Calidade en 2015, conta con diversas liñas de negocio entre as que se atopa prover de tecnoloxía, servizos e solucións de software aos seus clientes para axudarlles a conseguir os seus obxectivos con menos esforzo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.