Venres 19 Abril 2024

Pontevedra ultima o vestido que mide a contaminación

Unha serie de sensores que miden axentes externos como os niveis de monóxido de carbono, a radiación ultravioleta ou a contaminación sonora e dous módulos de resposta na parte superior, que achegan información á persoa usuaria das medicións a través de alertas luminosas ou de movemento, fan do Enviroment Dress moito máis que un vestido. Non en van, este proxecto de “vestido ambiental” no que os investigadores da Facultade de Belas Artes María Castellanos e Alberto Valverde veñen traballando nos últimos meses supón converter nunha realidade o proxecto co que o pasado mes de maio resultaron gañadores do concurso Next Things 2015, promovido por Telefónica I+D e o LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón.

Unha modelo luce o Enviroment Dress.
Unha modelo luce o Enviroment Dress.

Neste centro asturiano, Castellanos e Valverde, profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, traballaron durante tres meses no deseño do primeiro prototipo do Enviroment Dress, unha experiencia que Castellanos salienta como “moi gratificante”. De feito, o premio deste concurso dirixido a impulsar iniciativas que vinculen a creatividade coas novas tecnoloxías e ao que, na súa cuarta edición, presentáronse un total de 39 proxectos de diferentes países, era dotar aos gañadores dos medios económicos e técnicos necesarios para converter a súa idea en realidade, a través dunha estadía de seis meses no LABoral e no centro de I+D de Teléfonica en Barcelona.
“É un luxo recibir unha bolsa destas características e poder dedicarnos enteiramente a desenvolver un proxecto como Enviroment Dress”, sinala Castellanos dun concurso que os levou a centrarse desde hai tres meses creación dun wearable, unha prenda intelixente, “capaz de medir a agresividade do medio que nos rodea”, mediante a recollida de datos sobre contaminación lumínica ou sonora ou sobre os niveis de radiación ultravioleta, calidade do aire ou presión atmosférica. Unha idea na que comezou a cobrar forma no LABoral, onde estes dous investigadores, que integran o colectivo artístico uh513, traballaron “na formalización do vestido” coa cortadora láser e as impresoras 3d dos laboratorios deste centro como “ferramentas principais” de traballo.

O proxecto animará a crear software para este vestido tecnolóxico

O proxecto co que Castellanos e Valverde foron seleccionados polo xurado do Next Things 2015 implicaba tamén desde un principio abrir o proceso de elaboración do vestido a todas as persoas interesadas. Así, veñen dando conta na súa web dos diferentes pasos que están a levar a cabo nun proxecto que responde á “filosofía do código aberto”, como salienta Castellanos. “A idea é que os usuarios poidan crear os seus propios Environment Dress”, salienta esta investigadora, que anuncia que, unha vez completen o traballo, publicarán tanto os esquemas electrónicos como os planos das diferentes pezas. “Encantaríanos que alguén o fabricase ou mesmo que o versionara ou mellorara”, salienta.

Castellanos e Valverde, traballando no Enviroment Dress.
Castellanos e Valverde, traballando no Enviroment Dress.

Rematada esta primeira fase, Valverde e Castellanos trasladáronse hai unhas semanas a Barcelona para comezar a traballar, no centro I+D de Telefónica, na programación do software de código aberto co que se configurará o vestido e a través do que se realizará a recollida e almacenaxe dos datos obtidos polos sensores. “Crearemos unha web, que queremos que sexa moi visual e sinxela, onde se poderá configurar o vestido”, relata Castellanos, que explica que a súa idea é que o software no que actualmente traballan permita ás persoas usuarias “seleccionar os sensores que desexa utilizar e o tipo de resposta” que lle proporcionará a prenda ao alcanzar uns determinados niveis, pudendo elixir, por exemplo, entre unha serie de respostas luminosas de diferentes cores.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos