Xoves 28 Marzo 2024

Os galegos consumen máis información en liña e participan máis nas redes que a media estatal

Galicia dixital progresa axeitadamente entre a sociedade galega. Os internautas da autonomía son máis activos que a media estatal: participan máis en redes sociais, comparten máis contidos propios, consumen máis información en liña de revistas e xornais, e consultan máis wikis (como Wikipedia). Así o reflicte o informe Cultura e Novas Tecnoloxías que fixo público o Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega. Os datos, porén, contrastan coa perda de protagonismo do galego en Internet, cuxa porcentaxe se reduciu á metade no último ano respecto ao total de linguas utilizadas na Rede.

Segundo este estudo, os agoiros da morte do email están aínda moi lonxe de cumprirse aquí. O correo electrónico mantense como o servizo en liña máis utilizado polos internautas galegos, se ben o seu uso caeu case tres puntos porcentuais entre 2011 (87,7%) e 2013 (85%). Respecto á media estatal, o uso do email en Galicia sitúase 1,6 puntos por debaixo.

Publicidade

No que máis destacan os internautas galegos respecto ao resto de usuarios do Estado é na consulta de medios de información como xornais e revistas. Estar informado do que acontece na actualidade é o segundo servizo máis empregado na rede polos internautas galegos (78,7%) e a porcentaxe supera en 8,5 puntos a media estatal. Esta porcentaxe é 3,7 puntos maior que en 2011 pero caeu 2,2 puntos respecto a 2012 (unha caída máis leve que no conxunto de España, onde diminuíu 5,6 puntos).

A participación en redes sociais creceu en Gaicia 12,7 puntos respecto a 2011 (o informe non ofrece datos do ano 2012). Esta tendencia á álza é maior que no resto de España, onde o uso das redes sociais en liña creceu un 10,8%. Así, os galegos sitúanse á cabeza neste apartado, superando en 0,9 puntos a media estatal.

Chama tamén a atención a preeminencia dos chamados wikis e enciclopedias en liña sobre as tan populares redes sociais, que malia que seguen crecendo, aínda están por detrás de todos estes servizos. Así, a porcentaxe de internautas galegos que consultan wikis (como Galipedia e Wikipedia) ou enciclopedias en liña para obter coñecementos sobre calquera tema é do 67,2% (5,1 puntos máis que a media española).

Os internautas galegos destacan tamén no uso de servizos relacionados co entretemento e a creatividade: colgar contidos propios (texto, fotos, música, vídeos, software, etc) nunha páxina web para ser compartidos. A porcentaxe galega (39,4%) supera en 1,2 puntos a media estatal. Porén, obsérvase una tendencia á baixa nestes usos, cunha caída de 8,9 puntos respecto a 2012 (1,5 máis que no conxunto de España).

Pola contra, Galicia perde vantaxe na creación de páxinas web ou blogs. Se no ano 2012, os galegos superaban a media do Estado en 0,8 puntos, cun 13%, en 2013 a porcentaxe caeu até o 12,5%, situándose 0,6 puntos por debaixo do conxunto de España.

uso servizos internet

Acceso e uso das redes sociais

O 76,9% dos internautas galegos acceden a algunha rede social de internet cunha frecuencia diaria, ocupando deste xeito, e en comparativa co resto das comunidades autónomas, o segundo lugar nesta práctica, case seis puntos porcentuais por riba da media estatal e só superados polos estremeños. Na cola sitúanse Asturias (42,9%), País Vasco (62,1%) e Ceuta e Melilla (64%). Tan só un 8,5% dos internautas non acceden nunca a este tipo de redes.

As redes sociais máis utilizadas polos internautas galegos son: Facebook, Twiter, Google+/Google plus, Linkedln, Instagram e Twenti. Segundo estes datos Galicia é, proporcionalmente, a comunidade con máis usuarios de Facebook de todo o Estado, xa que un 83,2% dos internautas galegos teñen conta nesta rede. O uso de Facebook ube por riba do 80% exclusivamente nas comunidades de Murcia, Cataluña, Valencia e A Rioxa.

As redes sociais como instrumento para manter as relacións cos amigos é o motivo fundamental esgrimido polo 72,2% dos navegantes galegos, seguido das relacións familiares (41,9%) e da busca de información sobre a actualidade (39,7%). En particular,Galicia sitúase por riba da media estatal nas no relacionado co mantemento das amizades.

O uso das redes sociais experimentou un ascenso moi importante nos últimos anos, cun incremento do 62% con respecto dos internautas que acceden con frecuencia a este tipo de  plataformas en Galicia.

Segundo o informe, “este auxe das redes sociais parece que afecta en certa medida a popularidade dos blogs, que semellan ter pasado polo seu momento de máis éxito”. Se no ano 2010, o 8,5% dos internautas dispuñan dun blog que actualizaban con frecuencia, en 2013 esa porcentaxe é de menos do 4,5%. Porén, máis do 67% dos internautas galegos accede a algún tipo de blog mensualmente. Desta porcentaxe o 41% faino con carácter profesional.

Usos redes sociais

Comercio electrónico

O uso do comercio electrónico para fins privados no fogar refírese neste informe á compra de produtos culturais (música, películas, libros ou revistas, entradas para espectáculos e material  informático e tecnolóxico). O produto que máis se comprou no ano 2013 por medio de Internet  foi entradas para concertos ou espectáculos, tanto en Galicia coma no conxunto de España. Se ben é certo que en Galicia aumentou 1,3 puntos con respecto a 2012, mentres que no conxunto de España diminuíu en 3,1 puntos, situando a Galicia 2,3 puntos por riba da media do Estado.

Outro dos produtos máis demandados no comercio electrónico son os libros, revistas e xornais electrónicos, chegando ao 21,1% no conxunto de España e ao 31,5% en Galicia. Hai que salientar a espectacular suba porcentual que tivo este tipo de consumo entre os galegos respecto a 2012: nada menos que 8,9 puntos, que contrastan co leve aumento no resto de España, de só 0,9.

No tocante ao cine e á música, en Galicia aumentou o seu consumo en liña en 2013 en case 13 puntos con respecto a 2012, acadando o 23,3%; porén no conxunto de España  mantense máis ou menos estable neste período, chegando ao 12,7% en 2013. A incorporación de consumidores ao comercio electrónico é moi destacada en Galicia, cun aumento do 22,7% entre 2011 e 2013.

Os sitios máis populares

As dez páxinas web máis visitadas polos internautas galegos son as seguintes e por esta orde.

  1. www.facebook.com
  2. www.google.es
  3. www.lavozdegalicia.es
  4. www.mundo-r.com
  5. www.marca.com
  6. www.elpais.com
  7. www.youtube.com
  8. www.live.com
  9. www.twitter.com
  10. www.farodevigo.es

Como se ve, destes dez sitios web máis visitados, tres son galegos: os xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo,  e a compañía de telecomunicacións R.

Os sitios web galegos máis populares entre os internautas galegos son, por orde:

  1. www.lavozdegalicia.es
  2. www.mundo-r.com
  3. www.farodevigo.es
  4. www.meteogalicia.es
  5. www.xunta.es
  6. www.elcorreogallego.es
  7. www.novagaliciabanco.es
  8. www.laopinioncoruna.es
  9. www.zara.com

Por último, o 85% dos usuarios galegos usa o WhatsApp como o servizo de mensaxería por excelencia, seguido de Facebook messenger/chat. Estes son os máis utilizados:

WhatsApp 85,6%
Facebook Messenger/Facebook chat  54,8%
Skype 34,3%
Line 30,8%
Google Talk / Hangouts 21,9%

 

O informe foi elaborado a partir de datos da Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de Información y Comunicación en los Hogares, elaborada anualmente polo Instituto Nacional de Estadística, e da enquisa realizada pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC).

Descarga o informe ‘Cultura e novas tecnoloxías’

1 comentario

  1. Me encanta GCIENCIA. Sois unos cracks, mas como vosotros hacen falta. A por todas Sr, Rolland y cía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.