Marca Pescaenverde nun cartel dunha pescadería.

Marca Pescaenverde nun cartel dunha pescadería.

O peixe estrea etiqueta ecolóxica

Un equipo da Universidade de Santiago patenta Pescaenverde, unha marca que sinala o custe para o medioambiente de cada peixe

Nace Pescaenverde, unha ecoetiqueta desenvolvida polo grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC que achegará información ao consumidor sobre o impacto dos produtos pesqueiros no medio ambiente. Rexistrada pola USC como marca de garantía na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), ‘pescaenverde’ achega un valor engadido aos produtos que incorporan esta marca, favorecendo a súa venda no mercado actual.
Esta ecoetiqueta ten en conta o ciclo de vida da actividade pesqueira e é a primeira marca mundial que recolle o cumprimento de dous índices ambientais como son o da pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético. Mentres o primeiro alude á cantidade de gases de efectos invernadoiro producidos no proceso de captura do peixe, a taxa refírese ao cociente entre a enerxía proteica que proporciona o peixe e a enerxía consumida durante o proceso de captura.
Os investigadores desenvolveron un software que calcula o custe medioambiental
O grupo de investigación, a través de distintos proxectos de investigación, desenvolveu un software que permite calcular de xeito sinxelo tanto a pegada de carbono como a taxa de retorno enerxético e será empregado para validar os datos introducidos polos armadores de xeito que determinará se os produtos cumpren os criterios establecidos de sustentabilidade para a concesión do uso da marca ‘pescaenverde’.
As principais características de ‘pescaenverde’ presentáronas este martes 16 nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño, a quen acompañaron o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijóo; o xefe da División de Medio Ambiente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana Lagarón; o xefe do departamento de I+D+i da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, Jorge Romón; e a directora de Seguridade Industrial e Medio Ambiente de Bureau Veritas para Galicia, Estefanía Ibarra Castaño.

Taxa de retorno enerxético

Como explicaron os seus promotores na presentación, esta marca poderá empregarse naqueles produtos que teñan unha pegada de carbono inferior a un determinado valor e unha taxa de retorno enerxético maior que un certo valor. Na súa opinión, proporcionará información adicional ao consumidor de xeito que poida integrar nos seus criterios de compra a incidencia que o proceso de captura ten no ecosistema  e optar por mercar aqueles produtos que inclúan a marca de garantía ‘pescaenverde’. Neste senso, o profesor Gumersindo Feijoo adiantou que o peixe é candidato a ter unha taxa de reposición alta, comparada con outros alimentos.
O novo identificador está considerado como marca de garantía ao dispor dun regulamento de uso e un procedemento de funcionamento claro. Na actualidade, a súa implantación estase a desenvolver no porto de Vigo, pero atópase en disposición de ampliarse a outras localizacións que desexen participar desta iniciativa.

2 respostas a “O peixe estrea etiqueta ecolóxica”

  1. Gonzalo

    Y digo yo, para la presentación de pescaenverde, hacen falta 5 personas? No llegaria con una, la que lo desarrolló y quizás algún representante oficial, para justificar sus sueldazos, vaya. Siempre sobran representantes, politicos, enchufados, amiguetes…

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.