Público asistente á inauguración do Foro. Foto: Duvi.

Público asistente á inauguración do Foro. Foto: Duvi.

O Foro Tecnolóxico de Emprego, unha porta aberta ao futuro

As escolas de enxeñaría do Campus de Vigo acollen a 17ª edición da cita, que busca achegar a estudantes e empresas

Un ano máis, e xa van 17, o campus de Vigo acolle unha nova edición do Foro Tecnolóxico do Emprego, a gran cita do alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (Industrial, Minas e Enerxía, e Telecomunicacións) coas empresas ás que estes futuros profesionais agardan incorporarse máis cedo ca tarde. Por diante quedan tres días nos que entregar currículos, asistir a conferencias e, sobre todo, nos que intercambiar opinións sobre oportunidades profesionais e comezar a establecer contactos que lles faciliten o case sempre difícil camiño de abrirse un oco no mercado laboral.

Organizado por e para as alumnas e alumnos das tres escolas viguesas de enxeñaría, a apertura oficial do foro contou coa participación do reitor da Universidade, Salustiano Mato, así como da directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Natalia Caparrini; o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, e o subdirector da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, que arrouparon coa súa presenza a todo o equipo de organización do foro, un grupo de preto de cen alumnas e alumnos capitaneados por Olalla Sánchez, estudante da de Telecomunicación. “Nesta edición o que buscamos é seguir cumprindo as mesmas expectativas ca en anos anteriores e niso foi no que estivemos traballando”, admitiu Sánchez, nerviosa “porque son moitas cousas das que hai que estar pendentes”, pero satisfeita, “porque penso que fomos quen de ofrecer un programa interesante que nos vai axudar a saír máis preparados ao mundo laboral e tamén a perderlle o medo a ese primeiro achegamento ás empresas”, insistiu a alumna.

Participan empresas como Microsoft, R, Repsol ou Deloitte

“A piques de cumprir a maioría de idade”, como subliñou o director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, o foro é unha cita xa clásica no calendario universitario e “un dos grandes orgullos desta institución”, tal e como subliñou o reitor, Salustiano Mato, que fixo fincapé en que “o alumnado vigués foi pioneiro, hai xa 17 anos, dunha iniciativa que agora tentan tamén impulsar desde outras universidade da xeografía española e que, no noso caso, forma xa parte do ADN da Universidade”.

Se ben a inauguración do foro tivo lugar esta mañá, o programa de conferencias arrancou xa onte martes con intervención de diferentes profesionais no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, un programa de charlas que se estenderá, en diferentes espazos das tres escolas, ata o venres a mediodía, cando está previsto clausurar o encontro. Ciberseguridade, nichos de emprego para as diferentes ramas de enxeñaría ou Big Data son algúns dos temas a tratar ata entón.

Entre as firmas con participación nesta décimo sétima edición do foro destacan nomes como Microsoft, R, Repsol, BorgWarner, Aluminios Cortizo, Balidea, Imatia, Deloitte, Schindler, Zemsanis, DQbito Ing. Biomédica…, así como os colexios oficias, as principais asociacións sectoriais e centros tecnolóxicos como Gradiant.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.