Centro AtlantTIC da Universidade de Vigo.

Centro AtlantTIC da Universidade de Vigo.

O emprego feminino retrocede nas tecnolóxicas galegas

Un informe pon de manifesto unha menor presenza de mulleres no sector, que só representan o 38% dos postos de traballo

Elas son as que mellores expedientes teñen nas universidades e na ESO; porén, aínda seguen sendo minoría nos sectores máis avanzados da nosa industria. A porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC galego, que integra o sectores tecnolóxico e de contidos, é do 38,6%, un valor semellante ao dos últimos tres anos. De feito, entre os anos 2011 e 2013 retrocedeu un punto. No sector contidos é onde se rexistra a menor presenza feminina, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%, cunha fenda de xénero do 17,2%, mentres que no eido das TIC só representan o 37,7%, cunha fenda de 24,6 puntos porcentuais respecto dos homes. Ademais, só a metade das empresas TIC galegas contan con algunha muller entre o seu persoal.

Traballadores TIC en Galicia por sexoSon datos aportados polo estudo ‘As mulleres no sector TIC. Ano 2014’ do OSIMGA, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Xunta. Estes datos están moi afastados das cifras xerais do mercado laboral galego, no que a porcentaxe de mulleres en alta laboral na Seguridade Social sitúase no 47,2%, é dicir, 8,6 puntos por riba do hipersector TIC. Segundo o propio Observatorio, “a baixa representación feminina no eido tecnolóxico, tanto a nivel europeo como galego, reside na escasa predisposición da muller a escoller estudos no ámbito TIC”, argúe. Porén, as mulleres neste sector gañan de media un 9% máis que outras traballadoras.

O emprendemento feminino no Hipersector TIC é moi reducido. Só 3 de cada 10 autónomos neste eido industrial son mulleres; unha situación que se mantén practicamente invariable nos últimos 4 anos.

Formación académica

O OSIMGA subliña que mentres que o 33,4% dos traballadores do sector TIC son homes con formación TIC de grao medio ou superior, só o 11,7% dos asalariados son mulleres coa mesma formación académica. “Estas porcentaxes son un reflexo da aínda escasa presenza das mulleres en carreiras tecnolóxicas, o que constitúe unha das barreiras para a plena incorporación das mulleres ás empresas TIC”, explica o estudo, que tamén salienta a significativa fenda existente nos traballadores neste sector con ciclos formativos Superiores TIC: 21% de homes fronte a tan só un 3,7% de mulleres.

Os roles das mulleres 

Só a metade das empresas TIC galegas contan con mulleres entre o seu persoal, e tan só no 6,5% de empresas TIC o xénero feminino supón máis da metade do seu equipo.

O monográfico do Observatorio tamén indica que o 16,4% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 64,5% dos homes. No caso do persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (6,6%) é só 1,9 puntos inferior á dos homes (8,5%).

Ademais, o persoal que traballa nos departamentos de I+D+i das empresas é claramente masculino, cunha representación do 82,9%, fronte un 17,1% de mulleres.

En canto a súa afiliación á Seguridade Social, o 40,9% das mulleres está no Réxime Xeral e o 29,1% son autónomas.

Solucións

O OSIMGA ofrece unha serie de propostas en materia de igualdade nas TIC, referidas á participación e o empoderamento das mulleres na Sociedade da Información, na procura de diminuír a fenda dixital de xénero e garantir o acceso ás TIC das mulleres de cara á súa incorporación ao mercado laboral, especialmente nos pequenos núcleos de poboación e no medio rural. Estas medias son:

  • Potenciar o Centro Demostrador TIC de Galicia como espazo de emprendemento para que as mulleres poidan desenvolver proxectos empresariais e tecnolóxicos.
  • Fomentar o Voluntariado Dixital e a Rede de Centros para a Modernización e a InclusiónTecnolóxica (Cemit) para impulsar as TIC entre as mulleres, con especial sensibilidade cara o colectivo feminino e no medio rural.
  • Divulgar e levar a cabo programas formativos: orientados a mulleres e asociacións de mulleres: establecendo accións formativas que incentiven unha maior participación das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC e na I+D+i.
  • Desenvolver campañas de divulgación que faciliten o acceso e A mellora da situación laboral das mulleres, especialmente nos postos directivos e de toma de decisións.

O Observatorio galego tamén propón potenciar o Plan de Banda Larga de Galicia para reducir o desequilibrio territorial proporcionando acceso á banda larga de calidade a toda a poboación galega e para impulsar a competitividade e innovación nas empresas proporcionando acceso á banda larga aos sectores produtivos para extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías, e deste xeito dar servizo ás mulleres empresarias e emprendedoras.

Para a elaboración deste estudo, o OSIMGA utilizou como fontes de información a Enquisa sobre a Sociedade da Información nas empresas TIC galegas – OSIMGA 2014, os datos de afiliacións e contas de cotización proporcionados polo IGE ao OSIMGA, procedentes da Seguridade Social (2011-2013), a Axenda dixital para Europa e datos secundarios extraídos da Comisión Europea.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.