21741194_728487400678669_6269272048232290505_o

As novidades de ViaGalicia 2017: prazo aberto ata o 29 de setembro

A Zona Franca de Vigo e a Xunta realizan estes días unha rolda de presentacións do proxecto nas cidades galegas

Os proxectos interesados en participar na edición do 2017 da aceleradora ViaGalicia, impulsada pola Axencia Galega de Innovacion (Gain) e a Zona Franca de Vigo, teñen ata o vindeiro venres 29 para presentar as súas propostas.

Durante esta semana, as entidades impulsoras de ViaGalicia 2017 están realizando sesións informativas nas cidades galegas, co obxectivo de animar á participación dos emprendedores, informar sobre as características e requisitos das candidaturas e expoñer os casos de éxito das anteriores edicións. Así, este venres 21 hai charlas en Vigo (Círculo de Empresarios) e Pontevedra (Asociación de Jóvenes Empresarios). O martes 25 será o turno de Santiago (sede da Gain) e A Coruña (Bulevar Papagaio).

Neste ano, a novidade é a recuperación de dous proxectos das anteriores edicións, que participarán directamente nesta nova fase de aceleración. Desde o seu nacemento, en 2013, presentáronse máis de 900 propostas. Delas, 120 foron apoiadas, e deste grupo, máis de medio cento convertéronse en empresas que xeraron máis dun cento de postos de traballo.

A edición de 2017 conta cun orzamento de 2,65 millóns de euros, cos que se apoiará aos participantes a través de formación, asesoramento, e financiación. Deste xeito, poderanse obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco.

Inscrición na web de ViaGalicia

A través da web de ViaGalicia, cun sinxelo formulario de inscrición, os interesados deberán presentar de forma sinxela e clara en que consiste o seu proxecto. Nas bases da convocatoria poden consultarse os criterios que se terán en conta para avaliar as propostas.

Unha vez rematado o prazo de inscricións, haberá unha primeira selección de 80 proxectos que participarán no Startup Day, no que se avaliarán as habilidades dos emprendedores. De aquí sairán elixidos 40 proxectos. Pasarán entón a unha fase de pre-aceleración de seis semanas, que se desenvolverá en Vigo e Lugo, onde se lles aportarán as ferramentas precisas para definir o modelo de negocio e mellorar a súa proposta.

Máis adiante chegará o Demo Day, onde os proxectos terán que ser defendidos ante un comité técnico formado por expertos. Aquí seleccionaranse 15 proxectos que pasarán á fase de aceleración. Esta parte realizarase nas instalacións de Porto do Molle, co apoio dun equipo de titores e mentores, co obxectivo de acadar o nivel necesario para presentarse a futuras roldas de investimentos. Por último, no Investors Day, os encargados dos proxectos defenderán a súa idea fronte a empresas, colaboradores e fondos de inversión para captar novos socios.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.