Foto de familia dos galardoados na II edición dos premios Galicia Spin-off

Foto de familia dos galardoados na II edición dos premios Galicia Spin-off

HG Beyond e Innolact, gañadoras da III edición dos premios Galicia Spin-off

Sedaqua foi finalista nuns galardóns que apostan por distinguir ás empresas galegas máis innovadoras

A terceira edición dos premios Galicia Spin-off xa ten gañadores. O xurado destes galardóns, convocados por Pastor e GCiencia, elixiu ás empresas HG Beyond (Idea Emerxente) e Innolact (Selo de Calidade) como gañadoras. No apartado Idea Emerxente foi elixida como finalista a empresa Sedaqua. Esta é a terceira edición duns premios que distinguen ás empresas galegas máis innovadoras. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro luns, 16 de outubro, ás 12:00, no auditorio da sede de FEUGA en Santiago e no mesmo estarán presentes autoridades institucionais, empresariais e académicas.

No apartado Selo de Calidade, que distingue ás empresas cunha traxectoria máis consolidada, a gañadora deste edición foi Innolact, unha compañía que naceu como unha spin-off da Universidade de Santiago (USC) no ano 2006 e que ao longo destes anos tivo unha importante traxectoria internacional que permitiulle levar os seus produtos derivados do leite (a través principalmente da marca Quescrem) aos cinco continentes e a máis de 30 países. A innovación foi un factor determinante na súa evolución e a empresa dispón dun departamento propio de I+D+I, en constante colaboración co Centro Tecnolóxico Lácteo de Lugo (CTLácteo) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

Innolact ten unha importante traxectoria internacional con presenza nos cinco continentes

No apartado de Idea Emerxente, que premia a iniciativa máis innovadora desenvolvida nos últimos anos, a gañadora foi HG Beyond, unha spin-off da USC creada no ano 2015. O proxecto da empresa é o desenvolvemento de hidroxeles de última xeración capaces de captar e liberar sustancias de xeito controlado. Entre as súas aplicacións destaca o campo oftálmico, no que HG Beyond produciu unha lente de contacto de alto valor engadido que serve para a administración de fármacos e sustancias activas na superficie ocular. A investigación na que se basea a lente está protexida por patentes en Europa, Xapón e Estados Unidos.

A finalista nesta categoría foi Sedaqua, unha spin-off da Universidade de A Coruña (UdC) que participou nos últimos anos no proxecto europeo HIGHWET, no que se desenvolveu unha nova modalidade de plantas depuradoras que permite reducir o custe e a superficie necesaria para instalar este tipo de sistemas de depuración. Sedaqua aposta pola instalación de humidais artificiais que depuran as augas residuais mediante procesos naturais, bacterias e plantas fundamentalmente.

Nesta edición os premios contaron cunha importante participación de empresas innovadoras de sectores moi diversos como a xeración de software innovador, a xenética ou a seguridade alimentaria, entre outros. A decisión do xurado foi complicada xa que as empresas participantes acumulaban importantes méritos, tanto polo seu carácter innovador como polos importantes resultados obtidos na comercialización dos seus produtos e servizos. O xurado estivo formado por representantes da Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, da Real Academia Galega das Ciencias, do CSIC, do Pastor e de GCiencia. O ano pasado as empresas gañadoras foron All Genetics (Idea Emerxente) e Galchimia (Selo de Calidade).

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.