premios galicia spin-off 2015

Galchimia e AllGenetics gañan a II edición dos Premios Galicia Spin-off

Pastor e GCiencia entregan estes galardóns que recoñecen ás mellores empresas nacidas dende o eido universitario

A empresa coruñesa AllGenetics e a compostelá Galchimia son as gañadoras da segunda edición dos Premios Galicia Spin-off, nas categorías Idea Emerxente e Selo de Calidade, respectivamente. Pastor e o portal GCiencia organizan uns premios que distinguen as empresas galegas máis innovadoras e que teñen unha forte vinculación coa universidade. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 10 de outubro, nun acto que se celebrará na sede da Fundación Barrié en Vigo e que contará coa asistencia de diversas autoridades como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez.

Carme Pampín, fundadora e CEO de Galchimia.

Carme Pampín, fundadora e CEO de Galchimia.

O xurado realizou un duro traballo para elixir ós gañadores entre as cabdidaturas que se presentaron en ámbalas dúas categorías. No apartado de Idea Emerxente, que recoñece unha iniciativa empresarial pioneira e de éxito, a gañadora foi AllGenetics, unha empresa creada en 2011, especializada na área do xenoma e vinculada á Universidade de A Coruña. Entre os seus méritos figura ser a primeira empresa do mundo que pon as técnicas de análise do xenoma ó servizo de empresas do sector de Ecotoxicoloxía.

A finalista nesta categoría foi Lupeon, empresa adicada á impresión 3D baixo demanda que foi creada en 2013 por dous alumnos da Universidade de Vigo. Na súa corta existencia a empresa xa desenvolveu proxectos para o sector da automoción, aeronáutico e sanitario, entre outros, e ten unhas importantes expectativas de crecemento.

A finalista foi a empresa Lupeon, de impresión 3D baixo demanda

No apartado Selo de Calidade, que recoñece unha traxectoria consolidada e de prestixio, a gañadora deste edición foi a empresa compostelá Galchimia, unha compañía nacida no ano 2001 e creada por dous químicos procedentes da Universidade de Santiago, que ao longo dos anos conseguiu converterse en líder español no sector de Química Orgánica Sintética. Galchimia prové de servizos de análise, síntese e desenvolvemento de procesos ás industrias química farmacéutica, veterinaria, agrobiotecnolóxica e biotecnolóxica para o descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos.

Os premios Galicia Spin-off incrementaron considerablemente a participación nesta edición, ao contar cun total de 16 candidaturas, fronte as 10 rexistradas o ano pasado. Entre as candidatas atopábanse empresas de sectores moi diversos coma  a mellora da produción agroalimentaria, a xeración de software innovador ou a investigación química en diversos eidos. A votación final foi moi pechada xa que a maioría das candidatas acadaron importantes resultados na comercialización dos seus produtos e servizos, tanto en España coma no exterior. O xurado estivo formado por representantes da Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, da Real Academia Galega das Ciencias, do CSIC, do Pastor e de Gciencia.

Verónica Rojo, directora da división corporativa AllGenetics Analytics.

Verónica Rojo, directora da división corporativa AllGenetics Analytics.

En Galicia, o Grupo Banco Popular conta con 259 oficinas e máis de 700.000 clientes, dos que 127.000 son pemes, autónomos e comercios. Mediante Pastor, Galicia é o principal mercado do banco, onde conta coa maior cota de todo o territorio nacional, tanto en créditos como en depósitos. Pastor apoia aos emprendedores e aos empresarios galegos e proba diso é que tras a integración no Grupo Banco Popular, sumaba algo máis do 18% de cota de mercado en créditos e actualmente a súa cota é do 21´84%. En definitiva, trátase de apostar por Galicia e de materializar o seu compromiso a longo prazo coas súas familias, empresas, autónomos e comercios.

GCiencia é o portal da Ciencia en Galicia, unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S. L. que se converteu nun medio de comunicación de referencia a través das súas reportaxes, entrevistas, audiovisuais, informacións e contidos multimedia, moitos deles trilingües. Ao longo de case tres anos de existencia, GCiencia tense consolidado como un dos dixitais máis seguidos de Galicia, cun constante crecemento en audiencia, e foi galardoado co Premio de Xornalismo Dixital 2015 polo Foro da Comunicación de Galicia. GCiencia foi seleccionada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía e Competitividade, para o seu programa de Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación, converténdose así nun dos catro medios de comunicación de España que forman parte do proxecto. GCiencia gañou no 2015 o Premio á Mellor Comunicación Dixital en Xornalismo, que concede o Foro da Comunicación de Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.