Sábado 20 Abril 2024

O escaparate que observa ós seus clientes

Os enxeñeiros Alba, Ubeira e González, creadores de RelEYEble.
Os enxeñeiros Alba, Ubeira e González, creadores de RelEYEble.

Son homes ou mulleres os que dun xeito maioritario se deteñen ante un escaparate dun establecemento comercial concreto? Cal é a súa idade? Durante canto tempo permanecen observando o que alí se amosa? E unha vez que se deciden a entrar no comercio, cantas desas persoas adquiren finalmente un produto? Dispor deste tipo de respostas pode resultar determinante para mellorar os beneficios dun establecemento comercial, que ata agora só podía recorrer á realización de entrevistas persoais para coñecer a súa clientela e os seus gustos. Este sistema, que moitos e moitas clientas rexeitan por consideralo claramente invasivo, conta desde hai uns meses cunha alternativa baseada na tecnoloxía, nacida ao abeiro da Universidade de Vigo da man do profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións José Luís Alba, e os enxeñeiros de Telecomunicación Manuel Ubeira e Elisardo González.

O docente e os dous egresados pola Universidade de Vigo conforman o equipo promotor de relEYEble, un modelo de negocio que vén de ser seleccionado xunto a outras 19 iniciativas de universidades iberoamericanas no programa de aceleración Model2Market de RedEmprendia 2014, a gran cita do emprendemento universitario, que se desenvolverá en México os días 29 e 30 de outubro, e no que poderán formarse e competir por premios que suman en total máis de 60.000 dólares. “Trátase dun software que funciona con calquera dispositivo ao que se lle poda adaptar unha cámara, e en función das imaxes que vai capturando realiza un procesado delas para extraer datos como o número de persoas que aparecen nelas, estimación de sexo, idade, canto tempo están mirando algo, e todo de xeito totalmente anónimo”, explica Manuel Ubeira sobre este sistema que saíu ao mercado hai apenas dous meses. Dado que o pequeno comercio coñece ou pode intuír o perfil e gustos da súa clientela, son as grandes cadeas comerciais as destinatarias naturais deste software, que segundo Ubeira, facilitaríalles “unha mellor toma de decisións para obter máis beneficios”.

Publicidade

A cartelería dixital pode cambiar para adaptarse ó perfil do potencial cliente

Neste sentido, a colocación de dispositivos en lugares estratéxicos do establecemento, como os escaparates, as portas de entrada e a as caixas, permitiría acumular gran cantidade de información sobre o comportamento da clientela, que os xestores e xestoras dos negocios poden utilizar para axustar máis a súa oferta ás preferencias e perfís dos compradores e compradoras.

Se ben no caso dos establecementos comerciais, os cambios que podan operar a raíz dos datos que extraian mediante o uso de reIEYEble van precisar dunha análise previa por parte dos responsables da xestión, hai un espazo no que o software deseñado na Universidade de Vigo atopou unha aplicación en tempo real. “Xa estamos a comercializar un módulo para usar en cartelería dixital”, explica Manuel Ubeira “que pode contabilizar as persoas, estimar sexo e idade e tempo durante o que están a ver o que se amosan nos carteis dixitais e pode adaptar o contido en función dos espectadores. Por exemplo, no caso dunha axencia de viaxes pódese amosar unha viaxe a Eurodisney para un público familiar e cambiar o contido, por unha oferta para viaxar a París, se é outro tipo de potencial cliente o que está a ver o cartel”.

Cumio de universidades creativas

Precisamente foi unha gran operadora unha das primeiras empresas en poñerse en contacto cos promotores de reIEYEble, que recoñecen que están a espetar especial interese no ámbito da cartelería dixital “por que ten un beneficio inmediato, maximizas o impacto”, explica Ubeira.

Xunto aos promotores das iniciativas das outras catro universidades españolas seleccionadas (Complutense, Carlos III, Autónoma de Barcelona e Politècnica de València) e os das outras quince institucións académicas finalistas de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Perú e Portugal, os “pais” de relEYEble participarán en Ciudad de México nun programa formativo, 3Days2Spin, centrado en cuestións como estratexias, modelos y metodoloxías de comercialización; desenvolvemento de empresas e plans de negocio; validación de mercado ou deseño de presentacións, a cargo de formadores do IC2 Institute da University of Texas at Austin. Mellorar as propostas seleccionadas para competir na final de Model2Market, na que os tres mellores modelos de negocio optarán a premios de 30.000, 20.000 e 10.000 dólares, é o obxectivo do programa formativo incluído en Spin2014, que organiza a rede universitaria RedEmprendia, en alianza coa Universidad Nacional Autónoma de México, o Tecnológico de Monterrey, o Instituto Politécnico Nacional, Universia e Banco Santander, por medio da súa División Global Santander Universidades.

“Spin2014 é unha oportunidade moi boa para formarnos intensivamente e coñecer outros emprendedores españois e latinoamericanos”, asegura Ubeira, que tamén considera que a súa selección un xeito de darse a coñecer e de optar a premios “interesantes”. Máis de 1000 persoas vinculadas ao mundo do investimento e a empresa, a administración,o emprendemento e a universidade tomarán parte neste evento, que inclúe relatorios, debates, concursos, formación e outras actividades protagonizadas polos proxectos e iniciativas nacidas no seo das universidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos