Xoves 25 Abril 2024

“Cada fogar tira 680 euros ó ano por falla de eficiencia enerxética”

Consumo de electricidade no mundo
Consumo de electricidade no mundo, por cores, de vermello a azul.

“Cada fogar tira ó ano entre 450 e 680 euros ó ano por non aplicar medidas de eficiencia enerxética; unha cousa que chama moito a atención aos economistas é por que non se fai máis neste campo, cando gañamos todos: aforramos cartos e protexemos o medio”. Así se expresa Xavier Labandeira, catedrático de Economía na Universidade de Vigo e un dos fundadores de Ergon, o gran consorcio europeo sobre eficiencia enerxétia, que viviu hoxe o seu acto fundacional na illa de A Toxa.

A comunidade científica sitúa o maior potencial de eficiencia enerxética no sector residencial, seguido polo do transporte e, por último, o industrial. Por este motivo, o parque de edificios e vivendas será o principal ámbito de traballo da primeira plataforma europea de investigación sobre economía da eficiencia enerxética (Ergon, www.ergoneconomics.com) presentada en A Toxa (Pontevedra), no marco do Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental.

Publicidade

O centro galego Economics for Energy lidera o consorcio europeo Ergon

O consorcio está formado polo centro galego Economics for Energy, o Centro para a Investigación Económica Europea (ZEW, con sede en Alemaña), o Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, en Suíza) e a Fundación Eni Enrico Mattei (FEEM, en Italia). Os catro coordinadores da plataforma, representantes dos centros socios, participaron na presentación: Xavier Labandeira, Andreas Loeschel, Massimo Filippini e Massimo Tavoni.

Unha referencia mundial

A decisión de celebrar a presentación de Ergon a nivel internacional no marco do congreso que se celebra en Galicia débese a que o evento está dedicado nesta edición á eficiencia enerxética e a que nel se reúne a elite científica mundial en temas de enerxía, medio e economía.

Os datos que manexa a comunidade científica sosteñen que un fogar medio español podería aforrar entre 450 e 680 euros ao ano con melloras no illamento e o cambio a sistemas de iluminación, equipos de calefacción e electrodomésticos máis eficientes. Segundo diferentes estudos revisados polo Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC) da ONU, un edificio de nova construción que incorpore os últimos avances tecnolóxicos e de deseño en materia de eficiencia pode reducir as súas necesidades enerxéticas ata nun 75%.

A eficiencia enerxética medrou un 12% na UE nunha década

A nivel europeo, durante a década 2000-2010 foi o sector residencial o que experimentou un maior incremento no seu nivel de eficiencia enerxética. No conxunto da economía, esta aumentou un 12% en toda a Unión Europea, pero a tendencia desacelerouse durante os anos da crise, afectando máis negativamente aos sectores industrial e do transporte.

A eficiencia enerxética axuda contra o cambio climático.
A eficiencia enerxética axuda contra o cambio climático.

As perspectivas a nivel mundial apuntan a que os sectores residencial e comercial presentan un potencial de aforro enerxético que podería alcanzar o 29% en 2020.

“A eficiencia enerxética implica poder facer o mesmo con menos enerxía, polo que é un medio para que as empresas e familias paguen menos polos seus consumos enerxéticos sen prexudicar o seu benestar”, explicou Xavier Labandeira, que engadiu aos beneficios a redución de importacións de petróleo e gas e a limitación de emisións contaminantes, tanto a nivel local coma no referente ao cambio climático.

Cambio climático

Neste contexto, os coordinadores de Ergon coincidiron en recomendar aos responsables políticos a aplicación de políticas efectivas de apoio á eficiencia enerxética para fomentar o aforro e conter o cambio climático.

As razóns para que non se produzan as melloras necesarias neste ámbito, especialmente nos sectores residencial e empresarial, serán o obxecto principal de análise para Ergon. “Cales son as barreiras que fan que a xente invista menos do que debería?, carencia de recursos económicos?, falta de información?, pouca concienciación?, falta de incentivos axeitados?”, formulou o director de Economics for Energy como as cuestións clave ás que a plataforma europea tratará de dar resposta dende unha perspectiva baseada na colaboración, coa achega das diferentes visións do norte e o sur de Europa e coa vocación de achegar recomendacións que sexan útiles para o deseño de políticas eficaces dende o nivel comunitario (Comisión Europea) ao municipal.

Ergon estudará por que o cidadán non actúa malia ó evidente aforro económico

“Na Unión Europea estamos por detrás dos obxectivos que nos marcamos neste ámbito e hai varios sectores nos que hai que actuar de xeito especial, sobre todo o dos edificios e o do transporte”, indicou Andreas Loeschel.

Pola súa banda, Massimo Filippini incidiu en que dende Ergon se vai traballar moi especialmente para analizar o comportamento do consumidor, co obxectivo de poder suxerir medidas que realmente motiven ao cidadán para aforrar enerxía. “Os nosos estudos demostran que os incentivos económicos non sempre funcionan e hai que explorar outras vías que partan dunha análise psicolóxica ede conducta”, expuxo.

Expertos de 11 países

Ergon é a primeira iniciativa deste tipo en Europa, tomando o exemplo de plataformas como as participadas nos Estados Unidos por institucións de primeiro nivel como o Instituto Tecnolóxico deMassachusetts (MIT) e a Universidade de Berkeley. Ademais de estar aberto a novos centros europeos de referencia na materia que queiran unirse como socios, Ergon conta xa coa colaboración da Universidade do Estado de Arizona e prevé sumar novas alianzas a nivel mundial.

Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental chega á súa sexta edición convertido en cita de referencia a nivel mundial neste ámbito. Os expertos de 11 países de todo o mundo que participan no congreso presentan entre hoxe e mañá os resultados máis relevantes das súas últimas investigacións. Os relatorios científicos están a cargo dos maiores especialistas a nivel internacional na materia, chegados de Alemaña, Italia, Francia, Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos, Chile, ademais de España.

1 comentario

  1. Muy bien, pero cuantos podemos comprar un piso o casa de última tecnología, sin enpufarnos ? Ya sabemos lo que pasó y está pasando con quien compró viviendas con hipoteca a muchos años vista. Pues claro que sería ideal tener las viviendas bien aisladas, un consumo energetico moderado y equilibrado y todo eso, pero si no hay pasta, malamente se puede conseguir

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir ata un 30% o consumo enerxético actual

A xestión da calefacción e da climatización e o axuste da iluminación son accións prioritarias

A RAGC e a Deputación de Pontevedra impulsan o ciclo de charlas “Aida Fernández Ríos”

A segunda edición dos encontros ofrece 10 encontros en formato semipresencial e un ciclo de charlas en centros de Secundaria e Bacharelato

O cambio de hora aforrará un 0,4% en electricidade en Galicia

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) fai un cálculo do aforro enerxético do adianto dos reloxos e a chegada esta fin de semana do horario de verán

“Isto pode adiantar anos nas medidas precisas fronte ao cambio climático”

O profesor da UVigo, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU, aborda as oportunidades que poden xurdir nas políticas ambientais