Premiados e autoridades asistentes ao acto

Premiados e autoridades asistentes ao acto

A aposta innovadora de Innolact e HG Beyond, premios Galicia Spin-off

A sede de FEUGA en Santiago acolleu o acto de entrega dos galardóns convocados por Pastor e GCiencia

Representantes das empresas Innolact, HG Beyond e Sedaqua recolleron hoxe en Santiago os galardóns que as distinguen como gañadoras e finalista da III edición dos Premios Galicia Spin-off, convocados por Pastor e GCiencia. No acto celebrado na sede de FEUGA en Santiago estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega,  o rector da Universidade de A Coruña (UdC), Julio E. Abalde, e o director xeral de Pastor, Fernando Merino. Todos eles, xunto aos representantes das empresas premiadas,  mostraron o seu pesar pola vaga de incendios que se rexistrou en Galicia nas últimas horas.

Na súa intervención para presentar os premios, Merino destacou o apoio que Pastor presta ao espíritu emprendedor que Galicia necesita para contar con empresas innovadoras e engadiu que as empresas premiadas nesta edición dos Premios Galicia Spin-off son un bo exemplo das características que distinguen aos emprendedores.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de A Coruña, Julio E. Abalde, indicou que “nun día triste para Galicia” é aínda máis necesario que as universidades galegas poñan o seu coñecemento a disposición da sociedade para poder solucionar os problemas que se presentan. Nesta liña insistiu en que as universidades deben tamén apostar por formar un ecosistema para favorecer a creación de empresas, con iniciativas como os viveiros ou as aceleradoras.

No peche do acto, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, apuntou que os problemas estructurais requiren “solucións estructurais” e engadiu que o coñecemento é unha das cousas que hai que aplicar para solventar este tipo de dificultades. Ademais, agradece a iniciativa privada que fan posible a existencia de premios deste tipo.

No apartado Selo de Calidade, que distingue ás empresas cunha traxectoria máis consolidada, a gañadora foi Innolact, unha compañía que naceu como unha spin-off da Universidade de Santiago (USC) no ano 2006 e que ao longo destes anos tivo unha importante traxectoria internacional que permitiulle levar os seus produtos derivados do leite (a través principalmente da marca Quescrem) aos cinco continentes e a máis de 30 países. A innovación foi un factor determinante na súa evolución e a empresa dispón dun departamento propio de I+D+I, en constante colaboración co Centro Tecnolóxico Lácteo de Lugo (CTLácteo) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Na edición do ano pasado a gañadora nesta categoría foi a empresa química Galchimia.

No apartado de Idea Emerxente, que premia a iniciativa máis innovadora desenvolvida nos últimos anos, a gañadora foi HG Beyond, unha spin-off da USC creada no ano 2015. O principal proxecto da empresa é o desenvolvemento de hidroxeles de última xeración, capaces de captar e liberar sustancias de xeito controlado. Entre as súas aplicacións destaca o campo oftálmico, no que HG Beyond produciu unha lente de contacto de alto valor engadido que serve para a administración de fármacos e sustancias activas na superficie ocular. A investigación na que se basea a lente está protexida por patentes en Europa, Xapón e Estados Unidos.

Nesta edición os premios contaron coa participación de empresas innovadoras de sectores moi diversos

A finalista nesta categoría foi Sedaqua, unha spin-off da Universidade de A Coruña (UdC) que participou nos últimos anos no proxecto europeo HIGHWET, no que se desenvolveu unha nova modalidade de plantas depuradoras que permite reducir o custe e a superficie necesaria para instalar este tipo de sistemas de depuración. Sedaqua aposta pola instalación de humidais artificiais que depuran as augas residuais mediante procesos naturais, bacterias e plantas fundamentalmente. O ano pasado a empresa All Genetics foi a gañadora nesta categoría.l

Nesta edición os premios contaron cunha importante participación de empresas innovadoras de sectores moi diversos como a xeración de software innovador, a xenética ou a seguridade alimentaria, entre outros. A decisión do xurado foi complicada xa que as empresas participantes acumulaban importantes méritos, tanto polo seu carácter innovador como polos importantes resultados obtidos na comercialización dos seus produtos e servizos. O xurado estivo formado por representantes da Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, da Real Academia Galega das Ciencias, do CSIC, do Pastor e de GCiencia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.