Venres 19 Abril 2024

A USC patenta unha técnica para obter mineral de fosfato das augas residuais

A estruvita é un mineral descuberto recentemente: en 1843 en Alemaña. Debe o seu nome ao diplomático ruso Henrich Struve, que atopou os seus cristais traslúcidos nun monte de esterco. Aquilo que parecían ‘diamantes’ nun argueiro tiña a súa explicación porque este mineral fosfato se forma cando apodrece materia orgánica. E pode atoparse tamén nas covas con abundancia de morcegos, polo que tamén o chaman ‘guanita‘. A súa principal aplicación é que serve como abono e como deterxente. E científicos da Universidade de Santiago veñen de patentar un método para obter estruvita e, ao tempo, depurar augas residuais.

Tubo de precipitación de estruvita na depuradora de Guillarei.
Tubo de precipitación de estruvita na depuradora de Guillarei.

O grupo de investigación en Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos achega novas propostas no aproveitamento da augas residuais, desta volta a través da recuperación dun recurso non renovable -os fosfatos de augas residuais- en forma de estruvita ou fosfato de amonio e magnesio con aplicacións como fertilizante. Esta liña de traballo do grupo xa deu lugar a unha patente española empregada na escala industrial na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei (Pontevedra) e é o argumento da tese de Dafne Crutchik Pedemonte, titulada ‘Estratexias para a recuperación de fósforo en augas residuais mediante a formación de estruvita’, cualificada como sobresaliente cum laude.
A estruvita é un composto cristalino, lixeiramente soluble, que baixo certas condicións ambientais pode precipitar nas augas residuais e ser recuperado para a súa utilización como fertilizante agrícola, libre de contaminantes. Dafne Crutchik explica que a recuperación de estruvita é un dos múltiples exemplos de tecnoloxías que están sendo desenvolvidas para a recuperación de recursos de augas residuais, “evitando tanto a perda como a dispersión incontrolada de fosfatos no ambiente”. A investigadora apunta que “a súa recuperación permitiría reducir a dependencia que na actualidade ten a Unión Europea das importacións de minerais de fósforo que se empregan especialmente para a produción de fertilizantes ou deterxentes”.

FCC Aqualia colabora co proxecto xunto á empresa Magnesitas de Rubián

Os resultados obtidos na investigación de Crutchik Pedemonte foron publicados en diversas revistas científicas ademais de que deron lugar a unha patente empregada nunha estación depuradora de augas. Concretamente, a construción e operación da planta de recuperación de estruvita foi froito dunha colaboración entre as empresas FCC Aqualia, Trainasa e a USC no que tamén colaborou a empresa Magnesitas de Rubián. O proceso patentado permite recuperar estruvita como reactivos óxidos de magnesio de baixo custe, facendo viable económica e ambientalmente o proceso de precipitación.
A tese foi dirixida polo profesor Juan Manuel Garrido Fernández, do Departamento de Enxeñería Química e o tribunal avaliador composto polo profesor da USC Juan Manuel Lema Rodicio; Francesco Fatone, da Università degli studi di Verona de Italia; Lorna Guerrero Saldes, da Universidad Técnica Federico Santa María de Chile; Jesús Colprim Galcerán da Universitat de Girona e o doutor José Ramón Vázquez Padín, responsable do departamento de Innovación e Tecnoloxía da empresa FCC Aqualia.

Publicidade

1 comentario

  1. De nuestra consideración:
    Tenemos interés en la patente y su instrumentación. Quisiéramos conocer si tienen costos por tonelada del producto obtenido, monto de la inversión, características del efluente y escala.
    Quedo a la espera de sus información.
    Saludos.
    Benito

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC estuda como eliminar os microplásticos en augas residuais

O proxecto, que se vai estender ás principais depuradoras de Galicia, presentouse no congreso Micropol & Ecohazard

Máis e mellor auga para Vigo grazas á tecnoloxía

A potabilizadora da cidade dotarase dun novo sistema innovador e responderá a normativa comunitaria sobre a auga de consumo

Do río á billa: así será a novidosa ultrafiltración da auga de Vigo

Comezan as obras da nova potabilizadora do Casal, a primeira de España en aplicar un sistema de depuración por membranas con bombas somerxibles

Sete depuradoras galegas serán analizadas para alertar de rebrotes da Covid-19

A Universidade de Santiago, Augas de Galicia, Sergas e varias empresas de xestión da auga asinan un convenio para desenvolver protocolos de detección