Venres 29 Marzo 2024

A Universidade de Vigo e a Zona Franca crean a cátedra Ardán

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, ultimaron a pasada semana os derradeiros aspectos da nova Cátedra Ardán, que trala súa aprobación, comezará funcionar este ano na institución académica viguesa. A cátedra, que nace froito da colaboración que desde hai anos manteñen ambas as dúas institucións para ofrecer anualmente o informe económico e de competitividade sobre a empresa galega, será levada para a súa aprobación ao Comité Executivo do Consorcio que se reunirá o vindeiro luns.

A creación da Cátedra Ardán permitirá, segundo Mato e Pedrosa, reforzar as capacidades do servizo de información económica Ardán, para contribuír de xeito máis eficiente e rigoroso á creación de riqueza en Galicia a través do estudo e investigación da evolución económica e dos distintos factores que determinan a competitividade de territorios e empresas. Coa posta en marcha da cátedra regularizarase a achega de metodoloxías, análises e modelos rigorosos desde a Universidade ao Consorcio e darase estabilidade aos convenios que habitualmente se subscriben entre ambas institucións, acadando así un maior coñecemento sobre os mecanismos que favorecen o avance de empresas e sectores.

Publicidade

Na xuntanza celebrada este mediodía no despacho do reitor tamén participaron o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e a directora de Promoción Económica do Consorcio, Rosa Eguizábal.

Entre as actividades a realizar pola Universidade ao a abeiro desta cátedra destacan o deseño de metodoloxías para a medición do desempeño empresarial, a realización de informes económicos periódicos sobre desenvolvemento empresarial e informes prospectivos sobre actividades emerxentes e a organización de actividades de difusión e promoción de Ardán para consulta e investigación.

A cadea de produción dos diferentes servizos que ofrece a plataforma Ardán está controlada polo equipo profesional do Consorcio, pero é a produción científica e o deseño de novos modelos baseados nun coñecemento moi especializado no que se precisa o apoio que a partir de agora brindará a cátedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inaugurado o edificio do Campus da Auga en Ourense

O novo inmoble, que custou 4,5 millóns de euros, acollerá 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Zona Franca e UVigo crean a Cátedra Ardán de investigación económica

A nova cátedra dotará con 60.000 euros os traballos de análise da realidade da economía galega

Acordo para trasladar o Campus do Mar da UVigo ao edificio Faraday

A Xunta e a universidade viguesa asinaron este luns os convenios para rehabilitar a antiga sede da ETEA

60.000 euros para revitalizar a Cátedra Fenosa

Co obxectivo de promocionar as actividades de formación, investigación, innovación e...