Venres 29 Marzo 2024

Descifran por primeira vez o xenoma íntegro dunha caribeña de máis de mil anos

A revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) publicou este luns os resultados dun estudo no que participaron os investigadores da USC Antonio Salas Ellacuriaga e Alberto Gómez Carballa, no que se descifrou, por vez primeira, o xenoma íntegro dun habitante do Caribe antes da conquista europea de América. O equipo internacional analizou as pezas dentais dunha atopadas nunha cova da illa de Eleuthera (Bahamas). Estes restos abren unha nova porta no tempo que conecta directamente coas poboacións que Cristovo Colón atopou ao chegar ao continente en 1492.

As análises realizadas con métodos de radiocarbono 14 permitiron precisar que os dentes pertencían a unha muller da etnia dos Taínos –primeiros indíxenas americanos que experimentaron o impacto da colonización europea- e que viviu entre os séculos VIII e X, cinco centos anos antes da chegada do descubridor. O seu ADN aínda pervive na actualidade en Puerto Rico, onde “entre o 10 e o 15% do ADN dos seus habitantes actuais é nativo americano e o resto un mosaico de orixe europea e africana”, destaca Antonio Salas, tamén docente da Facultade de Medicina da USC.

Publicidade

“É un novo fito científico no ámbito do ADN antigo, posible grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas no ámbito da xenómica a grande escala e aos novos avances computacionais”. Un traballo moi complexo no que confluíron a complexidade tecnolóxica, o gran volume de tratamento de datos e a análise de restos de moita antigüidade. “Extraer ADN de restos óseos tan mal conservados é tremendamente complexo. Sen as novas tecnoloxías de secuenciación masiva tería sido imposible obter resultados deste tipo de restos arqueolóxicos”, afirma Antonio Salas.

A Historia, no xenoma

O investigador galego destaca tamén a importancia destes achados para contribuír a un mellor coñecemento da historia. ““Sempre resulta excitante dar un paso máis no coñecemento da historia das poboacións humanas. Neste caso é como si o ADN quixera lembrarnos que aínda temos moitas débedas pendentes con todos estes pobos” reflexiona Salas.

A colonización dos territorios do Caribe e, posteriormente, do resto do continente, derivou nun gran conflito entre civilizacións. A tribo dos taínos era o grupo indíxena maioritario nas illas que hoxe abranguen Bahamas, Antillas Maiores ( Cuba, Xamaica, República Dominicana, Haití e Porto Rico) e o norte das Antillas Menores. Estas poboacións “foron desaparecendo nun curto espazo de tempo e asimiladas cultural e biolóxicamente”, explica Antonio Salas.

Os resultados permitirán coñecer máis detalles sobre a xénese dos habitantes da América precolombina

Porén, a pesar de que foron pobos totalmente extinguidos, fica a esperanza de identificar a xénese destas poboacións usando aproximacións que van desde a arqueoloxía, a lingüistica ou a xenética. No caso desta última disciplina, Salas identifica dúas posibles vías principais de exploración. Por un lado, “o estudo das poboacións actuais, xa que moitos destes pobos teñen entre os seus ancestros algúns dos habitantes primixenios e, polo tanto, no seu ADN aínda conservan parte desa historia”, e por outro, “a análise de restos óseos destas poboacións atopadas nas exploracións arqueolóxicas”. Non en tanto, había un obstáculo importante: as condicións ambientais do Caribe, que non axudan á preservación dos restos, “polo que a análise de ADN antigo é simplemente un reto que ata agora non se tiña podido alcanzar”.

Engade Salas que no xenoma dos taínos obsérvanse sinais “que indican unha redución poboacional extrema moi ancestral, coincidindo coa chegada dos primeiros poboadores do continente americano a través do estreito de Bering”, expón Salas. Con todo, matiza o investigador, “o estudo non evidencia a existencia dunha forte endogamia ou signos de illamento no xenoma da muller taína atopada, polo que os datos tamén apuntan a que o tamaño efectivo da comunidade era razoablemente grande, superior aos 1.600 individuos reprodutores“. Un tamaño superior, incluso, que o dalgunhas poboacións indíxenas que habitan hoxe América, como os Karitiana e os Surui. Un resultado “moi chamativo”, segundo Salas, xa que “a illa de Eleuthera ten unha extensión de tan só 518 quilómetros cadrados e resulta difícil imaxinar como unha comunidade tan grande podía convivir nun espazo tan reducido”.

A resposta a esta cuestión podería estar “na gran mobilidade destas comunidades e a existencia de redes pan-rexionais máis alá das súas localidades de nacemento e residencia”. Unhas redes que, apunta Salas, “favorecerían o intercambio de coñecemento, pero tamén de xenes e ademais serían compatibles coa achados arqueolóxicos existentes”.

Un xenoma semellante ás poboacións arahuacas

Outro dos datos da investigación é a similitude entre o xenoma atopado na illa de Eleuthera e as poboacións falantes das linguas arahuacas. Estas tribos transmitiron, segundo lembra Salas, vocablos como batata, cacique, caníbal, maíz ou tiburón.

O equipo internacional que publicou o achado está composto por investigadores daneses, estadounidenses e polo equipo da USC, e xa ten traballado con poboacións contemporáneas de varias zonas do continente americano. En 2015 un artigo asinado polos mesmos autores en PNAS, e que abordaba o tráfico de escravos africanos a partir do análise doutros restos óseos, foi destacado pola revista Archaelogy como un dos dez achados máis importantes daquel ano. Salas tamén asinou en 2016 outro interesante traballo sobre a ‘pureza de sangue’ dos menonitas.

Esta bagaxe acumulada, segundo explica Salas, “permitiunos facer avances importantes non só en antropoloxía molecular senón tamén noutras disciplinas aplicadas da biomedicina”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...