Traballos no xacemento de Porto Maior. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Traballos no xacemento de Porto Maior. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

O xacemento coas pegadas humanas máis antigas de Galicia sae nunha revista de ‘Nature’

'Scientific Reports' recolle o estudo realizado en Porto Maior (As Neves) no que se atoparon restos de actividade humana de hai 300.000 anos

Por primeira vez, unha revista do grupo Nature recolle un artigo centrado nun xacemento arqueolóxico galego. Esta semana, Scientific Reports recolle a investigación realizada en Porto Maior (As Neves), por científicos do Centro Nacional sobre a Evolución Humana (Cenieh) e investigadores australianos. O traballo supón “un fito na Historia de Galicia”, ao se tratar, segundo os seus autores, do “descubrimento arqueolóxico con maior trascendencia científica realizado en Galicia nos últimos 50 anos”. Algúns destes resultados xa foran avanzados na tese de doutoramento de Eduardo Méndez Quintas, investigador galego do Cenieh que asina tamén este novo artigo.

Os restos paleolíticos de Porto Maior foron localizados de forma casual en 2005, durante unhas obras de extracción de terra, que deixaron á vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos. Despois dunha serie de traballos preventivos, desenvolvidos despois do achado, en 2012 e 2014 retómanse os traballos de campo no xacemento, realizados polo equipo de investigación do Cenieh. Neste tempo, os traballos foron financiados pola Consellería de Cultura da Xunta, o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Australian Research Council.

Vista das concentracións de ferramentas. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Vista das concentracións de ferramentas. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

O artigo de Scientific Reports expón as principais características do xacemento. Durante as escavacións púxose de manifesto a existencia de múltiples niveis de ocupación de cronoloxía paleolítica, todos eles con posibilidade de enmarcarse na tecnoloxía achelense (cultura do paleolítico inferior europeo). A datación do xacemento realizouse mediante a aplicación de dúas técnicas moi avanzadas e aplicadas por primeira vez en Galicia: a Resonancia Paramagnética electrónica (ESR) e a Luminiscencia de post infravermello-infravermello (pIR-IR).

Estas dúas técnicas aportaron datos concluíntes, cos que é posible situar a ocupación do xacemento entre os 300.000 e os 200.000 anos de antigüidade. Así, Porto Maior confírmase como o xacemento con restos de actividade humana máis antiga que hai de Galicia. Un feito que desmonta a idea admitida de que a primeira ocupación do territorio que hoxe ocupa Galicia realizouse en tempos moito máis recentes, en relación ao acontecido noutras rexións españolas. “Non se coñecen – sinalan os investigadores – uns restos de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de xeito incuestionable a presenza humana na rexión en épocas moi antigas”.

Detalle das ferramentas atopadas en Porto Maior. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Detalle das ferramentas atopadas en Porto Maior. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Amais da súa antigüidade, Porto Maior destaca en que a acumulación deliberada de grandes pezas labradas achelenses atopada nun dos seus niveis é o primeiro caso coñecido en todo o continente europeo. Este tipo de comportamento é habitual en certos xacementos do Paleolítico inferior africano e de Oriente Próximo, pero nunca fora constatado en Europa, o que converte ao xacemento galego nun caso único no continente.

Do mesmo xeito, as ferramentas presentes nese mesmo nivel destacan polas súas grandes dimensións, con medidas superiores aos 18 centímetros – con máximos de 27 cm e 2 quilos de peso – cando o normal é que non superenos 15 centímetros. Isto converte ás ferramentas de Porto Maior nas de maiores dimensións coñecidas en toda Europa e un dos máis grandes a escala mundial.

Segundo explican os investigadores, a circunstancia abunda na problemática sobre os procesos tecnolóxicos e culturais do Pleistoceno Medio europeo, incidindo na coexistencia de dúas tradicións tecnolóxicas diferenciadas: por unha banda, o achelense de tipo africano, que se pode ver en Porto Maior, e as industrias de tipo Paleolítico medio antigo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.