O volframio de Galicia empregábase para blindar armamento como os tanques Panzer alemáns. Foto: Bundesarchiv.

O volframio de Galicia empregábase para blindar armamento como os tanques Panzer alemáns. Foto: Bundesarchiv.

O volframio galego de Don Federico Guillermo

Baixo da ponte de Rande, en Vigo, os restos do vello cargadoiro de mineral lembran as actividades nazis na II Guerra Mundial

Baixo da ponte de Rande, unha vella estrutura de formigón trae recordos das actividades nazis en Galicia durante a II Guerra Mundial. A historia do cargadoiro de Rande está vencellada ao alemán Friedrich Wilhem Cloos, quen se estableceu en Monforte de Lemos para explotar as minas de ferro de Freixo, en Marcelle. Este enxeñeiro funda, en 1924, en Madrid, a  empresa Minerales de Hierro de Galicia, S.A.

Cargadoiro de mineral de Rande, nunha foto do arquivo Pacheco.

Cargadoiro de mineral de Rande, nunha foto do arquivo Pacheco.

Decidiu exportar o mineral por mar e escolleu un punto que estivese próximo á liña férrea entre Ourense e Vigo. E atopou que o mellor lugar era o estreito de Rande. Friedrich Wilhem Cloos, coñecido en Monforte como Don Federico Guillermo, ordena construír unha base de formigón, que aínda está hoxe en pé baixo dos piares da ponte de Rande, e unha longa estrutura metálica, xa desaparecida.

En 1926, o vapor “Estoril” fai o primeiro cargamento de ferro. Consérvase no arquivo Pacheco, do Concello de Vigo, unha foto do embarque destas primeiras duascentas toneladas. Don Federico Guillermo, como tantos outros compatriotas, caeu enfeitizado polo ascenso do nazismo. Aceptou un cargo -ben que menor- no III Reich: Vicecónsul en Monforte. E din as crónicas que agasallaba aos seus amigos a tradución castelá da obra de Hitler: “A miña loita“.

Esta deriva filonazi prodúcese noutros moitos alemáns que estaban en Galicia antes da guerra mundial. E, ao mesmo tempo, chegan ao país axentes para crear toda unha arañeira económica e industrial que favoreza os intereses do Reich. En 1940, créase o holding Sofindus (Sociedade Financeira e Industrial), con participación en bancos, aseguradoras, minaría e navieiras. Participado maioritariamente por capital nazi,  unha das súas principais funcións é controlar a extracción e transporte de volframio. Este metal de gran dureza era empregado para a blindaxe dos carros de combate Panzer, ademais de facer máis robustos os obuses. Hitler necesitaba volframio para fornecer á industria bélica do Terceiro Reich.

Friedrich Wilhem Closs agasallaba aos amigos con exemplares de ‘A miña loita’, de Hitler

Dúas foron as grandes empresas tapadeira alemás dedicadas ao volframio en Galicia: Estudos e Explotacións Mineiras Santa Tecla, S.A., fundada en Vigo con capital de 12 millóns de pesetas. Entre outros, controlaba os xacementos do monte Neme, en Carballo. A segunda foi Montes de Galicia, S.A., con xacementos sobre todo na provincia de Ourense: Vilanova, Casaio, Vilardecervos ou Ribadavia …

Entre os españois que exercían como homes de palla do consello de administración desta empresa estaba o Conde de Argillo, Martínez Ortego. Era o pai de Cristóbal Martínez Bordiu, futuro xenro de Franco,  avó de Carmen Martínez Bordiu. Outras empresas nazis da época foron Somar e Minas Reunidas, fundadas en 1943, xa cando a febre do wolfram desfalecía.

Friedrich Wilhelm Cloos.

Friedrich Wilhelm Cloos.

O profesor Abel Losada, da Universidade de Vigo, un investigador capital para coñecer a realidade económica da II Guerra Mundial en Galicia, afirma que co volfamio se desatou unha ‘guerra económica‘. Emprega así as propias palabras do entón embaixador dos Estados Unidos en España durante a II Guerra Mundial. Nas súas memorias, publicadas en 1946, Míster Hayes afirma: “Non creo oír falar do volframio ata que cheguei a España. Pero de todas os xeitos, pronto souben que era. Todos os da embaixada convertémolo nun tópico de charla durante o día e máis dun de nós soñabamos con el durante a noite”. Hayes conclúe que o volframio foi o protagonista da ‘guerra económica en acción’.

Os aliados boicotearon o tráfico de mineral cara a Alemaña facendo ‘compras preventivas’ para subir os prezos. Antes da guerra a tonelada de volframio custaba 20 dólares. Ao comezo da contenda, en 1939, xa valía cinco veces máis: 100 dólares. En 1943, subía dos 270 dólares, catorce veces máis.

O embarque de mineral polo cargadoiro de Rande provocou unha intensa actividade de espionaxe. No Arquivo da Zona Marítima do Cantábrico, en Ferrol, hai informes sobre espías sorprendidos cando tomaban fotografías de entradas e saídas de buques nos portos de Ferrol e Vigo, que foron os máis activos para os nazis. Alí estaban os buques ‘Vessel‘ e ‘Max Albrecht‘, internados e dando servicio aos submarinos U-boot en numerosas ocasións, como está recollido mesmo nos diarios persoais do almirante Karl Doenitz.

O cargadoiro foi usado dende 1926 e o volframio forneceu a maquinaria bélica de Hitler

A historia do cargadoiro de Rande remata xunto coa propia guerra. En 1944, o Departamento de Estado dos Estados Unidos inclúe a Minerales de Hierro de Galicia na súa lista negra, como tamén a Otto Gerdtzen, propietario da chamada ‘Fábrica do Alemán’, tamén en San Simón, onde hoxe está o museo Meirande. Como aconteceu con moitos outros nazis reclamados pola xustiza, Don Federico Guillermo non foi detido. Morreu no ano 1949 en Monforte de Lemos e foi enterrado en Vigo, porque na súa vila non había cemiterio civil. A súa tumba pode visitarse no camposanto de Pereiró.

O cargadoiro foi desmontado e vendido como chatarra na década dos 60. Quedan as súas ruínas baixo da ponte de Rande. A gran estrutura metálica que hoxe aínda vemos, moi preto cara ó interior da ría de Vigo, é moi posterior, construída para o mineral de Coto Wagner en Ponferrada. Do antigo, queda a súa estrutura de formigón e o recordo da guerra do volframio na enseada de San Simón. Con nazis como Don Federico Guillermo señoreando por Galicia en plena II Guerra Mundial.

2 respostas a “O volframio galego de Don Federico Guillermo”

  1. Antonio Ricón Rodriguez

    Ola. Noraboa pola publicación. Moi interesante. Hai unha cousa que non me cadra, así e todo e explícome. No seguinte parágrafo “En 1944, o Departamento de Estado dos Estados Unidos inclúe a Minerales de Hierro de Galicia na súa lista negra, como tamén a Otto Gerdtzen, propietario da chamada ‘Fábrica do Alemán’, tamén en San Simón, onde hoxe está o museo Meirande.” dise que o Museu Meirande está en San Simón, isto non cadra. San Simón é unha illa. Grazas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.