Restos campaniformes atopados no túmulo da Sima (Miño de Medinaceli), escavado por Manuel Rojo Guerra. / Alejandro Plaza, Museo Numantino.

O ADN resolve o misterio prehistórico dos vasos campaniformes

Un estudo publicado en 'Nature', no que participa a investigadora da USC Pilar Prieto, pon fin a un debate arqueolóxico centenario

Os vasos campaniformes son pezas cerámicas cunha grande importancia na prehistoria europea de hai arredor de 4.700 anos antes de agora. Pasaron de ser propios das clases populares a converterse nun obxecto de poder das elites. Os científicos levan máis dun século discutindo se o seu uso en Europa occidental se espallou mediante a migración de persoas ou se, pola contra, foi debido a prácticas sociais. Agora, un estudo publicado en Nature revela que había que tirar polo camiño do medio: ambas hipóteses son acertadas. O traballo internacional, no que participa a arqueóloga da USC Pilar Prieto, indica que esta cerámica estendeuse da península Ibérica ao centro de Europa por intercambio cultura, pero tamén foi levada ata as Illas Británicas polos colonizadores desde o continente.

O ADN revela que as dúas hipóteses son, en parte, correctas

Para revelar o misterio, os científicos realizaron un gran estudo de ADN antigo en 400 esqueletos, dos que 226 foran enterrados con estes vasos campaniformes, en numerosos xacementos europeos. Segundo os resultados, a expansión destas figuras desde Iberia – onde se obtivo o rexistro máis antigo – ata o centro de Europa debeuse a intercambios culturais. Sinala Íñigo Olalde, xenetista da Harvard Medical School e primeiro autor do artigo, que o ADN dos esqueletos das tumbas ibéricas non tiña unha relación de proximidade cos do centro do continente.

“É moi interesante ver como Iberia, por unha parte, e Europa Central, pola outra, mantiveron un illamento xenético ao final do Neolítico, hai uns 5.000 anos, aínda coas numerosas evidencias arqueolóxicas de interacción e contacto entre ambas rexións”, subliña Roberto Risch, profesor do departamento de Prehistoria da Universitat Autónoma de Barcelona (UAB).

Sorprendentemente, os vasos campaniformes foron adoptados no centro de Europa por unhas poboacións que acababan de chegar do leste. “En 2015 realizamos outro gran estudo internacional que mostrou que hai uns 4.500 anos polo menos o 70% da poboación do centro e norte de Europa foi substituída por unha masiva migración de grupos do leste procedentes da estepa. E este novo traballo revela como este movemento seguiu avanzando cara ao oeste”, destaca Wolfgang Haak, do Max Planck Institute for the Science of Human History (Alemaña), outro dos autores.

Vasos campaniformes de Los Millares, no Museo de Almería, e de La Rambla, no Museo de Córdoba. / R. Risch.

Vasos campaniformes de Los Millares, no Museo de Almería, e de La Rambla, no Museo de Córdoba. / R. Risch.

“Pero, neste movemento cara ao oeste, os vasos campaniformes xa non son a expresión dunhas prácticas de consumo colectivas, como o foi na península Ibérica, senón que se incorpora a tumbas individuais, nas que os homes adoitan aparecer con armas distintivas e distinguidas, como puñais de cobre, arco e frechas”, puntualiza Risch. O profesor explica nunha entrevista coa Axencia Sinc: “O significado social do vaso campaniforme cambiou nese percorrido desde a Península ata Europa central, e de alí ás illas británicas. Dun obxecto colectivo pasou a ser un símbolo de individuos poderosos. É un caso claro de manipulación do significado das cousas en función dos intereses de grupos de poder, algo que seguiu ocorrendo ata a actualidade. Un exemplo paradigmático é o jazz, que pasou de ser unha música marxinal e rompedora coa tradición clásica, a ser, sobre todo en Europa, unha música das elites”.

En Reino Unido e Irlanda estudáronse 155 mostras datadas entre hai 6.000 e 3.000 anos. Segundo o xenetista Ian Barnes, do Museo de Historia Natural de Londres, “eses devanceiros británicos tiñan un perfil xenético diferente dos que viviron pouco tempo despois que eles e polo menos o 90% foi substituído pola chegada do campaniforme desde o continente. Tras a chegada desta nova poboación, empezaron a existir na illa británica habitantes con antepasados que tiñan características, cor de pel e ollos similares á maioría dos británicos actuais”.

Os vasos campaniformes na Península

Barnes agrega que, curiosamente, hai uns 4.500 anos, na península Ibérica tamén comeza a introducirse entre a xente local o ritual funerario individual, co seu ajuar de vasos campaniformes, puñais de metal e adornos como botóns e brazales, un autentico ‘kit’ campaniforme. “Aquí, ao contrario do que ocorreu nas illas británicas, non se aprecia un cambio xenético”, comenta o profesor Ignacio Soriano da UAB. “Esta vez os cambios procedían do norte e provocaron unha ruptura social importante cuxas consecuencias se verán na Idade do Bronce, fai uns 4.200 anos”. No caso da península ibérica, observouse unha continuidade xenética directa entre as poboacións neolíticas previas e as posteriores da Idade do Cobre e campaniformes.

Ilustración dun xefe campaniforme. / Luís Pascual Repiso, sobre unha idea de M. Rojo Guerra.

Ilustración dun xefe campaniforme. / Luís Pascual Repiso, sobre unha idea de M. Rojo Guerra.

O tamén coautor Manuel Rojo Guerra, da Universidade de Valladolid, coincide: “Desde un punto de vista xenético, os poboadores da Península nesa época son os descendentes das poboacións calcolíticas. É dicir, son xentes que xa estaban aquí e que nun momento determinado adoptan o conxunto campaniforme”, que aparece en distintas rexións de Europa case de forma simultánea. O fenómeno campaniforme tamén aparece no seo de poboacións previamente establecidas que se instalaron no solar europeo procedentes das estepas euroasiáticas.

“Na prehistoria peninsular, as primeiras comunidades que fabricaban armas de metal (como as que aparecen nos conxuntos) seguían tendo unha configuración xenética moi diferente ás sociedades actuais da península ibérica”, comenta Risch, “e o noso seguinte reto é determinar como e cando se deron os movementos poboacións que introducen o compoñente estepario na Península e que vemos na actualidade”.

A análise exitosa de tantas mostras utilizadas no estudo foi posible grazas a novos enfoques metodolóxicas que reduciron enormemente o custo por mostra de análise de ADN antigo. Un baséase nun tratamento químico que permite aos investigadores fixar a súa secuencia sobre a pequena parte do xenoma de máis utilidade para a análise. Tamén se tivo en conta que a cantidade de ADN extraída da porción petrosa do óso temporal é moito maior que a de calquera outra parte do esqueleto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.