John Nash e Jorge Mira pasean polo Obradoiro en 2007.

John Nash e Jorge Mira pasean polo Obradoiro en 2007.

Unha mente marabillosa en Compostela

Así foi a revolucionaria visita a Santiago do Nobel John Nash, protagonista do oscarizado filme co actor Rusell Crowe

No Museo da catedral de Santiago, un home magro, de idade avanzada, observa con curiosidade un extintor. Está rodeado de obras mestras do románico, pero el le absorto as instrucións do aparato: “Prema a panca da válvula e dirixa a descarga cara á base do lume”. Moi preto está a tumba de Teodomiro ou o coro do Mestre Mateo. Pero o físico Jorge Mira, o seu acompañante na visita, o atopa así cando pensa que o perdeu pola exposición.

Jonh Nash co matemático Juan Viaño, na súa visita.

Jonh Nash co matemático Juan Viaño, na súa visita.

“Non daba crédito; non o encontraba por parte ningunha e alí estaba, mirando para un extintor” explica Mira, catedrático e organizador de programa Conciencia da Universidade de Santiago, dedicado a traer a Compostela a premios Nobel. Nesa visita, o protagonista era o matemático John Forbes Nash, un dos creadores da Teoría de Xogos, mundialmente coñecido tras a película sobre a súa vida “Unha mente marabillosa”, de Ron Howard.

John Nash vén de morrer en accidente de tráfico, cando viaxaba coa súa muller nun taxi en Nova Jersey. E aquela estanza en Santiago produciuse en 2007, cando contaba 79 anos. Toda a súa vida loitou por controlar a súa esquizofrenia, o que non lle impediu ser un dos grandes matemáticos do século XX.

Jorge Mira non relaciona a anécdota do extintor coa esquizofrenia: “Estaba moi recuperado; pero tiña un comportamento compulsivo cara ás letras e ós números”, explica o físico, “buscaba patróns en calquera obxecto, por exemplo nos textos en galego; quedaba absorto intentando lelos e atoparlles un patrón, un sentido lóxico”.

O acto foi un fenómeno: centos de persoas quedaron fóra da conferencia

No museo, non foi a única vez que Nash se perdeu en Santiago. Tamén desapareceu no aeroporto de Lavacolla. “E había que estar detrás del todo o tempo, porque se quedaba absorto con calquera cousa”, recorda Mira.

A súa visita foi todo un éxito. Chegou en novembro e estivo en Compostela catro días, aloxado no Hostal dos Reis Católicos. Paseou polas rúas da cidade e probou a súa gastronomía. E mantivo encontros con investigadores galegos, como o seu padriño de estanza, José Nieto Roig, ou o matemático Julio González, cuxa tese doutoral sobre teoría de xogos xa coñecía. Tamén lle deu tempo a apadriñar á 50 promoción de Económicas de Santiago.

Nash, padriño da promoción de Económicas no 2007.

Nash, padriño da promoción de Económicas no 2007.

A súa conferencia, no auditorio Caixa Galicia, foi multitudinaria. Centos de persoas ateigaban a sala, pero só logrou entrar un de cada seis presentes. Colocáronse pantallas de televisión nos corredores. E, aínda así, había unha masa de xente no exterior. Seis anos antes, “unha mente marabillosa” gañara os Oscar á mellor película, mellor director e mellor actor para Russell Crowe. Todos querían ver a Nash.

Jorge Mira chegou ao recinto co entón delegado do Goberno, Manuel Ameixeiras. “Cando viu aquela masa de estudantes, pensou que era unha manifestación”, recorda con humor o físico da USC.

Nash viaxaba coa súa muller, Alicia, que falaba castelán, xa que era salvadoreña. Acompañáballes o seu fillo, John Charles Martin, xa case de 50 anos e que tamén padecía trastornos: “Nas ceas, levantábase da mesa e desaparecía”, recorda Mira.

A charla titulábase ‘Diñeiro ideal’ e auguraba a crise económica mundial

Para todos, queda o recordo daquela conferencia multitudinaria. Un fenómeno brutal. Titulábase “Diñeiro ideal” e Nash xa adiantaba conceptos que hoxe podemos encontrar en BitCoin, a moeda de Internet. E estaba convencido de que se achegaba unha crise económica dramática, como así sucedeu.

Nash recibira o Nobel de Economía en 1994, polas súas achegas na teoría de xogos e na negociación. Pero xamais recibiu a Medalla Fields, o que o sumiu nun fondo pesar. Curiosamente, neste mesmo ano, en 2015, pouco antes de morrer, recibiu o Premio Abel, o Nobel de las Matemáticas que concede o rei de Noruega.

Porque John Forbes Nash era Nobel de Economía e un exemplo planetario de superación ante a adversidade. Pero se consideraba sobre todo un matemático. Vivía para os números e para as súas ecuacións. E buscaba un patrón en cada obxecto ante os seus ollos. Como aquel sinxelo extintor no museo da catedral que un día abesullou en Compostela a súa mente marabillosa.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.