Equipo de arqueólogos en Palestina. O profesor Montero Fenollós é o terceiro de pé comezando pola esquerda. Imaxe: José Pardo.

Equipo de arqueólogos en Palestina. O profesor Montero Fenollós é o terceiro de pé comezando pola esquerda. Imaxe: José Pardo.

A Universidade da Coruña encabeza unha escavación arqueolóxica en Palestina

A investigación, a única codirixida por unha universidade española nos territorios palestinos, céntrase no xacemento de Tell el-Far’a

Un equipo de investigación internacional composto pola Universidade da Coruña, a Universidade Nova de Lisboa e o Ministerio de Turismo e Antiguidades de Palestina puxo en marcha o primeiro proxecto arqueolóxico no territorio palestino. O profesor da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC Juan Luis Montero Fenollós codirixe esta expedición que ten como obxectivo obter unha secuencia cronolóxica da ocupación durante a Idade de Ferro no xacemento de Tell el-Far’a. A investigación, á que tamén contribúe a Fundación Palarq, permitiu identificar ata tres fases de ocupación distintas, constituídas por varios muros e chans de pedra e recuperar abundante material cerámico e figuras de animais de terracota datadas cara a 900-700 a.C.

Vista aérea do xacemento en Palestina. Imaxe: UDC.

Vista aérea do xacemento en Palestina. Imaxe: José G. Gómez.

A finais de 2017 realizouse o traballo de campo da primeira expedición, á que seguirán outras. O equipo está formado por nove especialistas españois, portugueses e palestinos, aos que se sumaron varios obreiros locais para axudar na escavación. Tell el-Far’a constitúe o único proxecto de investigación arqueolóxica codirixido por unha universidade española nos Territorios Palestinos. Conta coa colaboración sobre o terreo do Instituto Español Bíblico e Arqueológico (Casa de Santiago) de Jerusalén.

Os territorios de Palestina constitúen unha zona de grande interese histórico e arqueolóxico. Desde fai milleiros de nos é unha encrucillada de camiños, que na antiguidade conectaba o Mediterráneo oriental, Exipto e Mesopotamia (Asiria e Babilonia, en particular). Dous xacementos clave para a Historia Universal, como Jericó (hoxe Tell es-Sultán) ou a antiga Siquem (actual Tell Balata, en Nablús), están nesta zona. Porén, a ocupación de parte dos territorios palestinos por parte de Israel e o bloqueo que sofre o resto do país nas últimas décadas provocaron que a zona quedase á marxe da investigación arqueolóxica moderna.

A ocupación dos territorios palestinos lastrou nas últimas décadas o potencial arqueolóxico da zona

Tell el-Far’a, situado preto da cidade de Nablús, é un xacemento de referencia na historiografía sobre arqueoloxía palestina. Xa fora escavado parcialmente entre 1946 e 1960 polo arqueólogo Roland de Vaux. Crese que o enclave estivo habitado entre Neolítico Precerámico e a Idade do Ferro (8500-700 a.C.). Desde a perspectiva da chamada “arqueoloxía bíblica”, crese que este lugar pode ser a antiga cidade de Tirsa, citada varias veces no Antiguo Testamento como a capital do chamado reino do Norte.

Trátase, a todas luces, segundo explica o profesor Montero Fenollós “dun enclave merecedor de novas investigacións, a xulgar polo seu potencial histórico para a comprensión da Idade de Bronce e de Ferro nesta rexión do Mediterráneo oriental”. A escavación aportará, segundo avanza o profesor da UDC, “unha secuencia de novos datos de indiscutible importancia para coñecer a evolución do poboamento en Palestina entre o nacemento das primeiras cidades (arredor do 3000 a.C.) e a chegada do Imperio Asirio á rexión de Samaría (arredor do 720 a.C.)”. “Investir no estudo, a conservación e a protección dun patrimonio cultural excepcional, hoxe baixo a tutela de Palestina, é investir en coñecemento e desenvolvemento”, conclúe Montero Fenollós.

Entre os obxectivos do proxecto destacan varias liñas de investigación sobre arquitectura e urbanismo do lugar, os restos materiais, o establecemento dunha secuencia cronolóxica do lugar, o estudo da economía e o comercio, a flora, a fauna e o clima daquel tempo e a conservación, restauración e musealización do xacemento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.