Ferrol rexistrou en 1910 un sismo de intensidade VII, un dos máis fortes que se lembran en Galicia. Imaxe: SempreVolando - CC BY 3.0.

Ferrol rexistrou en 1910 un sismo de intensidade VII, un dos máis fortes que se lembran en Galicia. Imaxe: SempreVolando - CC BY 3.0.

Os terremotos máis grandes rexistrados en Galicia

O sismo de maio de 1997 en Lugo foi o de maior magnitude que se produciu en terra, pero houbo numerosos tremores dunha intensidade notable

Hai agora 21 anos, na madrugada do 21 ao 22 de maio de 1997, milleiros de persoas saíron asustadas á rúa en plena noite por toda Galicia. Un terremoto con epicentro preto de Triacastela, na provincia de Lugo, fixo saltar da cama á xente sobre a 1.50 da madrugada. O sismo, que acadou unha magnitude de 5,1, provocou danos nas zonas máis próximas ao epicentro.

Aquel foi o maior sismo que calquera persoa que hoxe aínda viva puido sentir en Galicia. Pero non foi, nin moito menos, o maior rexistrado no país. A constante mellora dos aparellos de medición, a falta de testemuños e datos obxectivos sobre os sucesos deste tipo que aconteceron noutras épocas ou os cambios na medida das magnitudes impiden establecer unha clasificación infalible sobre os maiores tremores vividos no noso territorio.

A comezos do século XX, Pontevedra e Ferrol sufriron sismos de intensidade notable

Con todo, os datos compilados polos investigadores si permiten establecer unha escala de intensidade, que se mide, entre outros factores, polos efectos que teñen os sismos en canto a danos persoais, nos obxectos e na natureza (como as fendas no terreo ou os desprendementos) e os danos en edificios. É unha escala que se representa en números romanos e oscila entre I e XII. (Pode consultarse nesta ligazón).

Pola súa parte, a magnitude, que se mide en diferentes escalas (a de Richter é unha delas), cuantifica a enerxía liberada baseándose na medida da amplitude das ondas sísmicas. Algo que, como é lóxico, non se podía levar a cabo coas ferramentas de medición antigas.

Así, no seu amplo catálogo, o Instituto Geográfico Nacional recolle unha serie histórica que bebe, principalmente, da intensidade coa que se sentiron os movementos en cada caso. Atendendo a isto, estes son, os máis destacados en Galicia:

Ferrol, 24 de novembro de 1910

Ás 9.53 da mañá notouse un sismo en varios puntos de Galicia. Segundo recolle o xeólogo Antonio Aretxabala nun longo e interesante artigo sobre a sismicidade en Galicia, romperon cristais, houbo fendas en edificios e as persoas saíron á rúa, asustadas. As estimacións sinalan que o sismo foi de intensidade VII en Ferrol, o lugar máis afectado, e que tivo unha magnitude momento (Mw), unha das escalas empregadas para medir estes eventos, de 5,2. Isto que supón dificultade para permanecer en pé, sobre todo nos andares superiores dos edificios, caída de mobles, numerosos obxectos das estanterías e movemento notable na auga, incluso salpicando, nos recipientes, depósitos e estanques. Ademais, os edificios máis vulnerables poden sufrir danos estruturais graves.

Nun arco máis afastado, que abrangue toda a costa noroccidental desde Camariñas ata Bares e que chega polo interior ata Lugo e Santiago, crese que a intensidade foi de VI, e de V ou IV no resto de Galicia. Así, hai noticia tamén de que o sismo se notou claramente en Santiago, A Coruña, Vigo e Lugo. Estímase, por tanto, que o epicentro debeu estar no mar, nalgunha zona próxima á costa ártabra.

Pontevedra, 26 de novembro de 1920

Dez anos e dous días despois, pasadas as 11.30 da mañá media Galicia volveu sentir como tremía a terra. Neste caso, máis ao sur. Crese que a magnitude momento foi tamén de 5,2, e acadou unha intensidade VII na zona de Pontevedra, que foi menor a medida que nos afastamos do epicentro. Segundo contan as hemerotecas, que tamén recolle no seu artigo Aretxabala, houbo desprendementos en edificios, nalgúns casos de gravidade, e escenas de pánico. Na escola Normal de mestras, tres alumnas resultaron feridas ao tirarse polas fiestras debido ao susto. Nalgúns portos tamén se percibiu un movemento anormal no mar.

Viana do Bolo, 25 de decembro de 1895

Na tarde do día de Nadal dese ano tivo lugar outro dos movementos que ficaron nos rexistros dos maiores sismos vividos en Galicia. Aparece no Catálogo sísmico de la Península Ibérica (880 a.C.-1990) elaborado por José Manuel Martínez Solares e Julio Mézcua Rodríguez. No entorno de Viana do Bolo fálase dunha intensidade entre V e VI, que baixou ata IV en puntos das provincias de Lugo e León. Estímase que a magnitude momento foi de 4.27, cun marxe de erro de 0.64.

Lisboa, 1 de novembro de 1755

O epicentro estivo ben afastado de Galicia, pero foi tan devastador (9 na escala de Richter) que a súa pegada chegou ata aquí. A oscilación das augas do océano que causou o maremoto notouse nas Rías Baixas, e incluso Miño arriba. Houbo tamén desperfectos en inmobles de varias localidades, sobre todo no sur, onde se estima que se acadou unha intensidade VI.

Triacastela, 21 de maio de 1997

O sismo que mellor recordan moitos galegos, e do que máis datos hai. Despois de varios anos de movementos cunha magnitude superior a 4 (4,1 en Burela en abril de 1994; ou 4,6 en Triacastela e Baralla a finais de 1995), na madrugada de hai agora 21 anos produciuse un sismo de magnitude 5,1. Segundo a escala de intensidade que establece o IGN, nun nivel VI dise que algunhas persoas chegan a perder o equilibrio, poden caer pequenos obxectos, romper pratos e vasos, e producirse danos menores nalgúns edificios, tal e como aconteceu.

Porén, estes non foron os únicos. No Catálogo do Instituto Geográfico Nacional rexístranse ata 31 terremotos dunha intensidade V ou superior entre 1844 e 1997 en territorio galego ou nas zonas máis próximas, tanto en España e Portugal como no Atlántico e o Cantábrico. Son as seguintes:

Terremotos de intensidade VI ou máis rexistrados en Galicia desde 1844. Fonte: IGN.

Terremotos de intensidade VI ou máis rexistrados en Galicia desde 1844. Fonte: IGN.

2 respostas a “Os terremotos máis grandes rexistrados en Galicia”

  1. Hay alguna página en tiempo real que vaya mostrando los sismo que se producen en Galiza?
    Hablar de intensidade sin intentar aproximarse a la profundidad del mismo es como contar la misa a medias 😉

  2. Tamén se podería incluír o terremoto do 31 de marzo de 1761, percibido en Galicia cunha intensidade moi semellante á do sismo do 1 de novembro de 1755.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.