Un dos corpos atopados en Abánades. Imaxe: Incipit / CSIC.

Un dos corpos atopados en Abánades. Imaxe: Incipit / CSIC.

Os 13 soldados descoñecidos da Guerra Civil que ninguén reclamou en Santiago

O Incipit do CSIC devolve esta semana a Guadalajara os restos atopados nunha escavación hai cinco anos, e que non foron identificados nin reclamados

Hai cinco anos, durante unhas escavacións realizadas na localidade de Abánades (Guadalajara) e dirixidas polo arqueólogo do Incipit de Santiago Alfredo González Ruibal, atopáronse os restos de 13 soldados combatentes na Guerra Civil española. Foron trasladados a Santiago para ser estudados.

Porén, a pesar do traballo dos científicos, os combatentes non puideron ser identificados, e ninguén os reclamou. “Dado que o protocolo da Lei de Memoria Histórica é ambiguo para estes casos, a decisión sobre que facer con eles, unha vez acabada a investigación, queda nas mans do arqueólogo que os atopou”, sinala González Ruibal.

Este venres 13 de outubro, o CSIC trasladará desde Santiago de Compostela estes restos. Hai varias dúbidas sobre a mesa: distinguir, ou non, as tumbas individualmente, que epitafio debería acompañar aos restos ou que tipo de cerimonia se debería celebrar. A decisión tomarase nunha tertulia, baixo o título de La ruta más larga, que terá lugar o sábado ás 12 da mañá no salón de actos do Centro Cultural Conde Duque de Madrid.

A continuación, os 13 corpos serán entregados ao Museo da Guerra Civil de Abánades, onde ficarán ata que sexan de novo enterrados no lugar no que foron atopados en marzo do ano que vén.

A actividade enmárcase dentro do proxecto europeo Nearch, no que participan o Incipit de Santiago e a Academia de Arte Van Eyck, de Maastricht (Holanda). “No marco deste proxecto desenvolveuse un programa de artistas residentes, coordinado pola Academia Van Eyck, cuxa finalidade era provocar reflexións sobre as relacións, ás veces conflitivas e problemáticas, da sociedade cos restos e evidencias que derivan de escavacións arqueolóxicas. O Incipit, sobre todo desde a incorporación de González Ruibal, desenvolve unha intensa labor de investigación sobre as relacións e conflitos, a miúdo non visibles nin verbalizados, das nosas sociedades actuais coas evidencias materiais do pasado”, explica Felipe Criado Boado, director do Incipit.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.