Estado dos vagóns tras o accidente de Rande en 1976.

Estado dos vagóns tras o accidente de Rande en 1976.

Rande 1976: a traxedia esquecida

O segundo maior accidente ferroviario de Galicia deixou en Redondela 15 mortos e ten moitas semellanzas co do Alvia de Santiago

O 9 de setembro de 1976 morreu Mao Tse Tung. O deceso do Gran Temoneiro foi a noticia do día en todo o mundo. Pero non en España. Porque ese día se producía en Rande, á entrada de Vigo, un dos máis dramáticos accidentes ferroviarios. Quince persoas faleceron e houbo 29 feridos. Nesa ocasión, un tren de pasaxeiros chocaba de fronte cunha locomotora solta. Ata o sinistro do Alvia en Santiago, en 2013, era o maior accidente de ferrocarril da historia de Galicia. E aínda está entre os máis graves de España. Pero foi unha traxedia esquecida. Non aparece nas grandes estatísticas. Aínda que garda grandes paralelismos co acontecido en Compostela.

Primeira páxina de Faro de Vigo coa nova do accidente.

Primeira páxina de Faro de Vigo coa nova do accidente.

A primeira coincidencia é o dramatismo do suceso. No sinistro de Rande unha locomotora solta, que viña dende a terminal de mercadorías de Guixar, colisionou de fronte cun tren de viaxeiros, modelo Ómnibus 2735, con 120 pasaxeiros que chegaban de Santiago. Eran as 18.30 horas e o choque foi brutal. Os catro maquinistas pereceron no acto, mentres que os vagóns se desprenderon do convoi para precipitarse por un terraplén. Dous deles, remataron a cincuenta metros de distancia, xunto ao mar, preto da ponte de Rande. Outro vagón chocou contra unha vivenda, arrasándoa. Dous obreiros que traballaban na casa nese momento morreron, tamén esmagados.

O segundo parecido é a causa do sinistro: “erro humano“. Aquí non se responsabilizou ó maquinista por exceso de velocidade. O fallo foi atribuído ao gardaagullas, que non accionou o cambio de vía e as dúas locomotoras se atoparon de fronte. “O gardaagullas estaba a ler cando se produciu o choque”, titulou La Voz de Galicia ao día seguinte. Polo visto, tras ver pasar a unidade de mercadorías, chamou á central para avisar de que cambiara as vías. Pero non o fixo. Despistouse. Narra o xornal: “Segundo a súa propia declaración, tras informar de que facía o cambio, púxose a varrer a garita e despois estivo a ler unha revista ata que oíu o ruído da locomotora que viña de Guixar e caeu na conta de que aínda non pasara o tren de Redondela”.

O gardaagullas esqueceu facer o cambio de vías e as locomotoras colisionaron

Pouco despois, a dous quilómetros do cruzamento, se producía o accidente. O propio empregado chamou para avisar, “en completa angustia e sorprendido”. Pero a conclusión de “fallo humano” non convenceu a todos. No verán de 1976, aínda non había democracia. E o franquismo tentaba perdurar sen Franco. Polo que aumentaron as críticas a unha investigación que Renfe resolveu con celeridade. Nos meses sucesivos poden lerse algunhas críticas nos diarios. O alcalde de Vigo, Joaquín García Picher, non se amosou satisfeito coa explicación. E o Sindicato de Transportes -aínda pertencente ao sindicalismo vertical da ditadura- descolgouse criticando a Renfe.

Aquí aparece unha nova coincidencia co sinistro do Alvia. Porque ao fallo humano se sumaba un problema técnico. Neste caso, a dúbida non estaba entre os sistemas ASFA e RTMS. Senón noutro máis antigo, chamado CTC, gobernado por un Centro de Control de Sinais. Este centro tiña a súa sede en Ourense, pero só alcanzaba ata Guillarei. Dende aquí ata Vigo, a circulación gobernábase por “bloqueo telefónico”. Os gardaagullas debían facer unha chamada tras cambiar as vías e os maquinistas guiábanse por semáforos. Todo era demasiado artesanal e exposto a un erro fatal.

Unha das locomotoras, rescatada tras do accidente.

Unha das locomotoras, rescatada tras do accidente.

Para moitos, que o CTC non chegase ata a cidade de destino era unha das razóns do sinistro. Soa moito ao debate sobre RTMS, o sistema de axuda á alta velocidade, na entrada a Compostela. Tamén se parece o accidente de Rande ao de Santiago pola conmoción que se viviu no rescate. Os coches que pasaban pola estrada, que discorre en Redondela paralela á vía, se paraban e os seus ocupantes saían a rescatar os feridos. “Na explanada vanse depositando os obxectos que se atopan entre os ferros retorcidos“, escribe o xornalista de ‘La Voz’, “facturas de compra, carteiras, documentos, roupas rotas e ennegrecidas, zapatos… todo vai formando un pequeno montón que posiblemente sirva para algunha identificación”.

Os veciños da zona colaboraron no rescate dos feridos en Rande

As crónicas falan do esforzo dos veciños por axudar a bombeiros e sanitarios: “Curiosos e xentes insisten en mover aquela masa de ferros e madeiras quebradas coas súas propias mans; trátase de rescatar varios cadáveres que se adiviñan, máis que se ve, entre os ferros retorcidos”.

Para rematar, o accidente de Rande, cos seus 15 mortos, tivo un último parecido co da Compostela: o da solidariedade. Mentres os feridos chegaban á Residencia Sanitaria Almirante Vierna -o actual Hospital Xeral-, noutra porta centos de persoas facían cola para doar sangue. O Hospital Municipal quedou tamén desbordado.

É a memoria do que, ata o 24 de xullo de 2013, era o maior accidente ferroviario da historia de Galicia. Aínda é o oitavo máis grave da historia de España. Curiosamente, non aparece nos recontos das axencias de noticias. Pero, recordando aquela traxedia esquecida, parecemos ver tantas e tan dramáticas semellanzas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.