O Quimicefa garantía aos rapaces 'Experiencias Químicas'.

O Quimicefa garantía aos rapaces 'Experiencias Químicas'.

Quimicefa: xogando a ‘Breaking Bad’

Un accidente en Galicia, con dous rapaces feridos, marcou o declive do popular xogo de química que foi a estrela nos anos 80

Manual do Quimicefa, co seu mecheiro.

Manual do Quimicefa, co seu mecheiro.

Walter White é o novo mito popular da Química. No seu caso, aplicada á maldade: a da aclamada serie “Breaking Bad”, onde é un profesor que cociña e trafica con metanfetamina. Pero, no século pasado, cando o científico de ficción máis popular era o profesor Bacterio, o mito da Química para os nenos era Quimicefa, o xoguete para converter o cuarto de xogos nun laboratorio.

Quimicefa foi lanzado na década dos sesenta pola división de xoguetes de Celulosa Fabril (CEFA), unha empresa que hoxe produce compoñentes para a automoción. No seu momento, tamén producían o hulahoop. E co seu laboratorio entraban en competencia co Cheminova, que era o máis popular. Nos 70, uniuse ao catálogo a marca Quimionova.

Pero o ‘boom’ do Quimicefa chegou nos anos 80. Moitos científicos de hoxe elixiron a súa carreira grazas a aqueles experimentos infantís caseiros. A caixa traía produtos químicos como o cloruro de amonio ou o xofre en po, xunto a tubos de ensaio ou matraces. En lugar dun chisqueiro Bunsen, levaba un queimador que se alimentaba con alcohol.

A caixa advertía: “Este xogo non contén produtos perigosos”. E, aínda que hoxe nos sorprenda, hai que recordar que, daquela, as drogarías vendían clorato potásico ou xofre aos escolares sen moitas preguntas. Fabricar pólvora, para facer petardos caseiros, non era nada raro nos anos 80.

A caixa advertía: “Este xogo non contén produtos perigosos”

As instrucións do Quimicefa, coas súas “máis de 35 experiencias químicas”, alertaban de que os nenos debían xogar sempre en presenza dos seus pais. Pero é sabido que, dende Atapuerca, en todas as xeracións os rapaces teñen tendencia ao “Breaking Bad”, á rexouba e a facerse malos. Non obstante, á marxe de anécdotas que corrían de boca en boca, en 25 anos de Quimicefa non se coñeceron accidentes de gravidade.

Os dous primeiros sinistros chegaron nos anos 90. En 1994, un neno de 13 anos de Getxo (Biscaia) sufriu queimaduras. “A parede do cuarto quedou completamente negra e as cortinas queimáronse”, narrou o rapaz aos xornais. No proceso xudicial, unha peritaxe independente revelou algúns riscos no xoguete por incluír “algunhas substancias perigosas ao mesturarse con outras contidas no xogo”. Entre elas, mencionaba o bisulfato sódico “que, ao mesturarse con metais (cinc, ferro), desprende hidróxeno inflamable”. Tamén, “as mesturas de nitrato potásico con redutores enerxéticos (cinc en po) que poden dar lugar a reaccións violentas”.

Non obstante, o informe pericial deixou claro que “o risco que poden presentar a mesturas pode considerarse baixo”, e case nulo de xogar baixo a supervisión dos pais ou titores.

Ao ano seguinte, produciuse en Santiago de Compostela un accidente máis grave. Dous nenos de 11 e 8 anos sufriron terribles queimaduras cando xogaban ao inflamarse o chisqueiro co alcohol de queimar.

A Xunta retirou o xogo tras un accidente en Santiago de dous nenos de 11 e 8 anos

A Xunta de Fraga chegou a retirar o xogo da circulación, mentres se aclaraba o caso. A multinacional Toys’R’Us retirou o xoguete das súas tendas durante uns meses. E a empresa que fabricaba o xogo foi obrigada a indemnizar aos menores. Daquela, xa estaba no mercado unha nova versión de Quimicefa, que é a que se vende actualmente, que está adaptada aos estándares do xoguete europeo e que contén produtos inocuos.

Non obstante, aqueles dous accidentes de hai agora 20 anos foron un duro revés para o Quimicefa, xa de por si penalizado, como todos os xoguetes convencionais, polo auxe dos videoxogos. Hoxe, en comparación coa década dos 80, a súa presenza nos zurróns dos Reis Magos supón unha anécdota.

Pero, quen coñeceu aquel xoguete que espertou tantas vocacións químicas, non esquece o Nadal do Quimicefa… cando os nenos xogaban, sen sabelo, a ‘Breaking Bad’.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.