Martes 19 Marzo 2024

“Porto Maior podería mudar os últimos 500.000 anos da Prehistoria de Europa”

Nos incendios do pasado mes de outubro ardeu gran parte do concello das Neves. Queimouse tamén toda a contorna do xacemento de Porto Maior, onde hai 300.000 anos xa vivía os humanos. Aínda que o lume arrasou os montes da volta, non danou o punto onde estes días volven traballar investigadores galegos, portugueses e australianos, no lugar onde se atopou a evidencia máis antiga do poboamento humano no territorio galego. O arqueólogo Eduardo Méndez Quintas, do Centro Nacional de Investigación sobre Evolución Humana (CENIEH), conversa con GCiencia sobre o que, nas súas palabras, é “o descubrimento arqueolóxico con maior transcendencia científica realizado en Galicia nos últimos 50 anos”.

– Por que se pode dicir que é a evidencia máis antiga de poboamento humano en Galicia?

Publicidade

– A idea que tiñamos dos primeiros poboamentos humanos en Galicia era algo complicada. Non tiñamos moitas certezas. Sabiamos que a presenza tiña que ser antiga; había moitas ferramentas, sobre todo no val do Miño, que en principio eran moi vellas, pero en ningún sitio se puidera establecer a cronoloxía con certeza.

Había tamén unha limitación importante cos resultados das investigacións que se fixeran nas Gándaras de Budiño. Alí, nos anos 60 houbo traballos – con investigacións que se chegaron a publicar en Science- que concluían que aquel xacemento era algo estrano, porque tiñan datacións moi recentes (26.000-16.000 anos), sendo ferramentas aparentemente moi antigas (máis de 100.000 anos). Diso derivou unha idea absurda: que o atraso secular de Galicia viña xa do Paleolítico; que xa estabamos retrasados naquel tempo respecto ao resto de rexións.

Traballos en Porto Maior. Foto: Eduardo Méndez Quintas.
Traballos en Porto Maior. Foto: Eduardo Méndez Quintas.

A realidade é que cando comezamos a traballar en Porto Maior, a posición xeolóxica xa denotaba que era moi antigo; e o definitivo foron as datacións que fixemos aquí: os resultados evidencian que, a día de hoxe, non coñecemos nada máis antigo que estea ben datado e ben contextualizado. Que ten que haber algo máis antigo? Por suposto. A península Ibérica está poboada desde hai máis dun millón de anos, e non hai ningunha razón que negue que en Galicia fose moito máis recente. O que pasa é que temos que atopalos, e que se conserven, algo que ás veces é complexo. O que si podemos dicir, con total certeza, é que en Porto Maior houbo xente hai 300.000 anos.

– Que se cría ata agora?

– Como dicía, era algo complicado. As ferramentas eran antigas, de tipo achelense, pero cunha datación moi recente, inesperada. A cronoloxía era a mesma, por facer unha comparación, que a da arte paleolítica do Cantábrico. É dicir, mentres en Altamira xa estaban pintando obras de arte, aquí fabricabamos ferramentas que no resto de Europa xa deixaran de facerse case 100.000 anos antes. Con esas bases, a investigación desta época en Galicia aparcouse, dalgún xeito, porque era moi complicada de abordar.

Por isto, en Galicia levamos un certo retraso con respecto á investigación da nosa Prehistoria antiga, se o comparamos coa de Portugal ou coas outras comunidades próximas, pero nos últimos anos, co traballo que se está facendo desde as universidades e desde o CENIEH, conseguimos poñernos no mapa internacional.

– Poderían atoparse restos igual ou máis antigos noutros lugares de Galicia?

“No Baixo Miño hai ducias de lugares que evidencian que houbo presenza humana hai arredor de 300.000 anos”

– No Baixo Miño, desde Crecente ata A Guarda, hai ducias de lugares, con material rexistrado en posicións semellantes a Porto Maior, que nos din que esta zona estivo densamente poboada entre os 300.000 e os 100.000 anos antes de agora. Dábanse unhas condicións ecolóxicas moi boas: unha bacía grande, acceso a auga, a alimento e ás rochas que empregaban para as súas ferramentas.

E a parte está tamén o factor xeolóxico: os escenarios onde eses humanos desenvolveron as súas actividades (terrazas fluviais) consérvanse ata a actualidade. Entón é unha suma de varios factores moi positivos.

– Na arqueoloxía é moi frecuente o debate e a ‘guerra’ de datas.

– Sobre o que respecta ás Gándaras de Budiño, o que se fixo nos anos 60 foi tomar unhas mostras para carbono-14 sobre uns depósitos que tiñan un problema fundamental. O carbono-14 permite datar elementos que, como moito, teñan 50.000 anos. Se ti queres datar un xacemento con materiais máis antigos, o método de datación non é axeitado. E ás veces saen disparates. E isto non se analizou así. O que se fixo foi aceptar os resultados en frío, e repetir o mantra de que o Paleolítico galego era tardío e atípico.

Pero na actualidade temos outros sistemas de datación, que xa os probamos aquí e no xacemento do Cabrón, en Arbo, que son máis precisos. O que imos facer é aplicalo, e dicir cal é a cronoloxía real. Dende o meu punto de vista, e tendo en conta cal é a xeoloxía do xacemento das Gándaras de Budiño, e co que sabemos actualmente das formacións xeolóxicas que hai no Miño, eu considero que ten un rango cronolóxico semellante, ou incluso máis antigo que Porto Maior.

– Dise que Porto Maior é “o descubrimento arqueolóxico con maior transcendencia científica realizado en Galicia nos últimos 50 anos”. Vai cambiar a Prehistoria?

– Diciamos iso polo seguinte: hai determinados achados que teñen un enorme interese científico a escala global. Por exemplo, os descubrimentos que se fan nos castros teñen un impacto científico limitado, que apenas sae do ámbito de Galicia, salvo en contadas excepcións, porque o ámbito de investigación ten pouca relevancia fóra da nosa rexión.

Escavacións en Porto Maior. Foto: Eduardo Méndez Quintas.
Escavacións en Porto Maior. Foto: Eduardo Méndez Quintas.

Pero no caso do Paleolítico, ao ser máis antigo e, como dicía, máis difícil de investigar, os resultados teñen un impacto maior no eido internacional, e máis cando atopamos algo como en Porto Maior, que é un fenómeno único en Europa polo observado no seu nivel principal.

E a parte, isto permite reformular como foi o poboamento de Europa durante unha etapa do Pleistoceno. Porto Maior amosa unha conexión desde o punto de vista cultural, e seguramente tamén biolóxico, que nos leva directamente a África. E isto ten tamén implicacións, por unha serie de teorías que se están a desenvolver na actualidade, en como foi o poboamento humano en Europa nos últimos 500.000 anos. E Porto Maior incide nisto. Por iso remarcamos a súa transcendencia. Desde que se publicou o artigo, Porto Maior converteuse na referencia para soster a presenza de comunidades humanas achelenses de tipo africano en Europa.

– Podería estar cambiando entón a Prehistoria europea?

– Desde hai uns anos estamos nun debate moi interesante para entender o que pasou en Europa a partir dos últimos 500.000 anos. Sabemos que había poboamentos anteriores, de máis dun millón de anos de antes de agora, que eran dispersos, illados e discontinuos. Pero a partir dos 500.000 anos, atopamos que en Europa hai un ‘boom’ de poboación: aparecen xacementos en todos lados; península Ibérica, Francia, o sur das Illas Británicas, etc.

E que pasa? Estamos a decatarnos de que nese período de tempo, aparecen dous tipos de xacementos no suroeste de Europa: uns, do tipo do de Porto Maior, achelenses, con bifaces, moi parecidas ás que aparecen en África; e outros que teñen unha tecnoloxía diferente, que se podería clasificar no Paleolítico medio, o que se coñece como musteriense.

Hai ferramentas de tipo achelense, cun escenario de ocupación como os africanos: un caso único en Europa

Estes dous tipos coexisten na mesma cronoloxía. A idea xeral que impera desde comezos do século XX, e que se ensina nos colexios (Paleolítico inferior-medio-superior), podería estar errada, en parte, para ás dúas etapas máis antigas, porque estamos a caer na conta de que non hai un proceso de evolución, que son fenómenos independentes que coexisten. Isto ten unha implicación moi grande: evidencia a coexistencia de, polo menos, dúas especies humanas en Europa que fabricaban ferramentas distintas. E aquí Porto Maior volve ser importante, porque ten ferramentas de tipo achelense, como en África, e que ten un escenario de ocupación como os africanos, que non se coñece en ningún caso de Europa, polo que podería mudar os últimos 500.000 anos da Prehistoria europea. Por tanto, é un elemento de discusión fundamental para resolver algo que é moi importante, entra de cheo neste problema.

– Eran ‘sapiens’ ou non?

– Podemos dicir que non. Os sapiens, naquela época, aínda estaban a aparecer en África. Aquí por un lado estaban os neandertais, e por outro, os que fabricaban ese achelense africano, que eran unha especie orixinaria de África, pero que non coñecemos ben. Un problema que hai en Europa é que temos moi poucos restos paleoantropolóxicos asociados con industrias deste tipo. Non sabemos aínda como era este especie, pero está claro que viñan de África.

– Que esperades atopar nesta nova escavación?

– O que máis nos interesa é entender o porqué. Queremos obter unha visión ampla do xacemento, comprendelo mellor. E sobre o que está abaixo, o que é a evidencia do poboamento máis antigo en Galicia, queremos comprender a súa tecnoloxía, porque non temos coleccións boas, e necesitamos entendela mellor.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento