Sábado 20 Abril 2024

Os noventa galegos na conquista da Florida

Galegos de Ribadeo, de Lalín, de Monforte, de Verín, da Coruña ou de Vigo. Que eran mariñeiros, soldados, picadores, artilleiros ou grumetes. E que no século XVI zarparon cara ao Novo Mundo, vivindo a aventura da ocupación da península da Florida, no actual territorio dos Estados Unidos.

Agora, unha investigación liderada polo profesor J. Michael Francis presenta o proxecto ‘A Florida: o Arquivo Dixital Interactivo das Américas’, que reúne os datos de miles de europeos que participaron na colonización do territorio na época na que a coroa de España gobernou a península, entre 1513 (co descubrimento por Juan Ponce de León) ata a súa entrega aos Estados Unidos en 1821.

Publicidade

Localización dos galegos que marcharon á Florida no século XVI.
Localización dos galegos que marcharon á Florida no século XVI.

Explorando os datos, atopamos noventa galegos que retratan a época da conquista. Constitúen unha minoría, xa que os territorios da Coroa de Castela achegaron a forza maioritaria na conquista de América. Isto explica a abundancia de vascos, andaluces, estremeños e casteláns, fronte a escaseza de galegos, como de cataláns ou valenciáns.

O ourensán Pedro de Andrada é un dos galegos ilustres na colonización da Florida

Entre os galegos, case a totalidade son de tropa. Só aparece un nome ilustre: Pedro de Andrada, natural de Ourense, que foi enviado a Florida na expedición de Sancho de Archiniega, que zarpou en 1566 cando o rei Felipe II coñeceu que Francia e Inglaterra preparaban armadas para a conquista da península da Florida. Andrada foi un capitán dese continxente e logo destacou loitando contra os aborixes. De feito, morreu en agosto de 1567, xunto a oitenta soldados, nunha batalla contra os indios Powhatan. Esta tribo indíxena é, por certo, a mesma que retrata Disney na película Pocahontas, baseada nunha historia real. A rapaza que namorou do capitán Smith en 1607 era unha india Powathan, que vivían no que hoxe é o veciño estado de Virxinia.

A práctica totalidade dos galegos rexistrados son militares. Hai picadores como Alonso Borraso, de Ribadavia; o ourensán Guillermo de Coímbra ou Pedro Hernández, natural de Ribadeo. Os tiradores de élite son os arcabuceiros, como o santiagués Pedro Figueroa, o lucense Pedro Fernández ou o pontevedrés Cristóbal Gómez.

Atopamos tamén un amplo conxunto de artilleiros, onde destacan os lombardeiros, que accionan a lombarda, unha peza de artillaría de canón curto, con recámara, que utilizaba bólas de pedra como proxectís. O redondelano Hernando de Pasos é un destes artilleiros incorporados á expedición de Sancho de Archiniega de 1566. Outros son cosoletes, tropas de a pe que portaban unha armadura lixeira de coiro.

Tamén hai un bo número de galegos mariñeiros, grumetes ou calafates, profesións de homes como o pontevedrés Rodrigo Junco ou o coruñés Juan Pelegrino.

Outra das expedicións onde atopamos galegos foi a de Rodrigo de Junco, asturiano, que levou á Florida en barco un continxente de 50 soldados para reforzar as defensas da cidade de San Agustín, fundada en 1566.

Os galegos rexistrados

A aplicación da Universidade do Sur da Florida inclúe tamén un mapa coas orixes destes primeiros colonos, onde podemos atopar un total de 90 galegos.

Ourense: Pedro de Andrada (capitán), Pedro Baladoiz (cosolete), Sancho de Coímbra (picador), Gonzalo Fernández (picador), Juan Fernández (picador),  Francisco Hernández (picador), Francisco López Tejero (soldado), Diego de Losas (arcabuceiro), Nuno Vázquez de Puga (cosolete)

Lalín: Hernando Bravo (picador)

Viveiro: Pedro Alonso (mariñeiro)

Baiona: Álvaro Alonso (Baiona), Juan Gallego (mariñeiro)

Verín: Gaspar Baez (picador), Juan de Morales (picador)

Ribadavia: Alonso Borraso (picador), Marcos González (picador), Alonso Vasquez de Cortinas (cosolete), Juan Vázquez de Puga (cosolete)

A Coruña: Sancho de Cariño (mariñeiro), Alonso de Columbra (mariñeiro), Juan Gallego (picador), Antonio Gallego (grumete), Alonso González (picador), Pedro González del Río (soldado), Domingo López (arcabuceiro), Juan Pelegrino (grumete)

Pontevedra: Juan Fernández (calafate), Cristóbal Gómez (arcabuceiro), Domingo Martínez (mariñeiro)

Ribadeo: Pedro Hernández (picador), Pedro Fernández (arcabuceiro), Lope Moscoso (soldado), Juan Vizcaíno (picador)

Santiago de Compostela: Pedro Figueroa (arcabuceiro), Pedro Pasos Figueroa (alférez), Juan Sánchez de Godoy (picador), Álvaro Tabuada (alférez)

Vigo: Juan Gallego (mariñeiro), Pedro García (sarxento), Alonso Mallona (soldado), García de Sotomayor (arcabuceiro)

Muros: Rodrigo Gallego (grumete)

Caldas de Reis: Mateo Galtero (arcabuceiro), Domingo Juan (arcabuceiro), Juan Martín Nieto (picador)

Sobrado dos Monxes: Pedro López (cosolete)

Cervantes: Alexos López (picador)

Monforte de Lemos: Pedro López (picador)

Salvaterra: Juan Pérez Gallego (picador)

Redondela: Hernando de Pasos (lombardeiro)

Betanzos: Bartolomé Sánchez (picador)

Allariz: Juan de Segura (arcabuceiro)

Monterrei: Alonso Suárez (arcabuceiro), Luis de Vega (picador)

A Ulloa: Pedro de Varela (caporal)

4 COMENTÁRIOS

  1. Os apelidos están (algúns) castelanizados porque a partir do séc. XVI o galego desapareceu dos textos escritos e bastantes apelidos foron traducidos ou semitraducidos (ata hoxe).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204