A pedra do Porriño expórtase a medio mundo, de xeito que podemos atopar o seu granito rosa no Concello de Tokio ou no metro de París. As canteiras conforman hoxe unha paisaxe que vai desde o monumental faro de Budiño ata o monte coñecido como ‘O Pianista’.
Pero o negocio da pedra na Louriña vén de antigo. En concreto, da época na que había hipopótamos no río Miño. Porque neste val están documentados algúns dos máis antigos asentamentos humanos no actual territorio de Galicia. Sabemos que había aquí unha importante poboación estable durante o Paleolítico, grazas ao notable achado de pezas líticas realizado en 1963 polo paleontólogo Emiliano Aguirre, quen máis tarde sería un dos precursores do estudo do xacemento de Atapuerca.
Aquel traballo de Aguirre, en colaboración con Desmond Collins e Karl W Butzer, está considerado a primeira escavación moderna do Paleolítico galego. O seu resultado foron máis de 700 útiles de pedra tallada, que inclúen machadas, picos triédricos, buriles, bifaces, puntas e pequenos rascadores, probablemente utilizados para tratar as peles dos animais que cazaban aqueles ‘porriñeses’ de hai miles de anos.
Os traballos na Louriña permitiron tamén atopar restos de fogares ao aire libre e mesmo o que parecen os obradoiros onde se fabricaban os utensilios, a maioría de cuarzo, obtido no val do río Louro ou nas terrazas do río Miño.
No Miño había especies hoxe tan exóticas como os elefantes e hipopótamos
Non é doado datar o momento en que foron talladas estas pedras. De feito, pervive a controversia, porque as primeiras probas apuntaban entre 26.000 e 18.000 anos, pero pola súa forma e técnica debían de ser máis antigas.
Durante moito tempo, especulouse con que os habitantes de Galicia durante o Paleolítico estivesen tecnicamente moi atrasados con respecto a outros puntos de Europa. Un atraso de case cen mil anos, que non é pouca cousa. Tras novas escavacións nos anos 80 e 90 do século XX, suxírese que o poboamento de Budiño está datado fai preto de 100.000 anos, o cal encaixa un pouco mellor.
Pero o debate sobre a datación continúa vivo. O solo de Galicia non axuda nin aos paleontólogos nin aos arqueólogos. A humidade e a acidez provocan que a materia orgánica se desintegre. E, de feito, por iso apenas existen nin sequera ósos provenientes dos antigos castros, salvo en casos tan singulares como por exemplo A Lanzada, onde a area e unhas condicións especiais permitiron no ano 2016 atopar restos de 16 bebés nun enterramento do século I despois de Cristo.
Pola mesma razón, no asentamento paleolítico de As Gándaras de Budiño non se atoparon sequera ósos de animais. En contraste, no ano 2014 foron atopados en Sevilla cabeiros de elefante dunha época similar.
Pero é de supoñer que os nosos antepasados ‘porriñeses’ facían unha vida parecida á dos seus ‘curmáns’ sevillanos.
Entre glaciación e glaciación (Günz, Mindel, Riss, Würm), había longos períodos de clima morno ou mesmo cálido, que facía que no noso territorio houbese fauna que hoxe só vemos nos documentais de La 2 de TVE.
Sen dúbida, no río Miño mollaban a trompa familias de elefantes, do mesmo xeito que no Louro se refrescaban os hipopótamos. Aqueles habitantes do Paleolítico organizábanse en campamentos como bandas de cazadores, dedicados á abater cervos, corzos e mesmo grandes paquidermos, no caso de que se puxesen a tiro de lanza.
Ademais, recollerían froitos silvestres para alimentarse, porque a agricultura estaba moi lonxe de aparecer, xa co Neolítico. Por esta mesma razón, podemos supoñer que habitaban o val da Louriña, pero non en asentamentos estables, porque os humanos daqueles tempos seguían sendo nómades.
Así que a pedra é hoxe un gran motor económico do Porriño. Pero vese que xa o era fai decenas de miles de anos. Cando uns remotos antepasados tallaban a cuarcita para facer útiles con que tentar cazar ao típico elefante do río Miño.
Algúns estudos sobre o Paleolítico en Galicia
Budiño: la industria en facies fluviales
Paleolítico e mesolítico en Galicia