Venres 29 Marzo 2024

Así naceu o primeiro mapa do tempo de Galicia

O sistema de sinais do observatorio de Chao.
O sistema de sinais do observatorio de Chao.

Eduardo Chao, ourensán residente toda a vida en Vigo, é un deses personaxes capitais na historia de Galicia e que brillou en ámbitos diferentes. Nacido en Ribadavia en 1822, e falecido en Madrid en 1887, foi xeólogo, naturalista, xornalista, historiador e político do Partido Demócrata. Na I República, chegou a ser ministro de Fomento, no goberno de Nicolás Salmerón. E, nos últimos anos da súa vida, engadiu unha nova actividade ao seu currículo: meteorológo. Ao punto de converterse no primeiro galego que trazou un mapa do tempo con isóbaras, máis dun século antes da aparición de Meteogalicia.

En 1880, Eduardo Chao instala no tellado da casa do concello de Vigo, na praza da Constitución, o seu observatorio meteorolóxico. Conta con pluviómetro, barómetro e anemómetro. Ademais das medicións propias, un sistema de sinais permitía aos cidadáns ter unha mínima previsión meteorolóxica. A través duns triángulos, cadrados e esferas, os vigueses podían saber se viña vento do sur, cargado de chuvias, ou do Norte, con aire limpo. Ou se estaban á porta altas presións, anunciando o sol. O dispositivo contaba tamén cun reloxo de bóla, semellante ó da Porta do Sol de Madrid. Non había uvas en fin de ano, pero os vigueses poñían alí os seus reloxos en hora.

Publicidade

“O animómetro corre moito”

Amador Montenegro conta en “Historia íntima de Vigo” que a xente chamaba popularmente aos sinais “funís e caldeiros” e narra como unha criada da súa casa se negou un día a saír á rúa para facer recados “porque o animómetro corre moito e o funil marca o 6″. Así que o observatorio de Chao fixo afeccionados á meteoroloxía tamén nas clases populares.

En Galicia, as primeiras series de datos meteorolóxicos aparecen publicados en 1850 na Revista de los Progresos de las Ciencias. Utilizáronse para iso as medicións do observatorio situado na terraza da Universidade de Santiago, que recollían presión, temperatura, humidade, precipitación e vento.

Trinta anos máis tarde, Eduardo Chao gastou cinco mil pesetas, unha pequena fortuna da época, en montar o seu observatorio meteorolóxico vigués. E fixo dúas publicacións científicas coas medicións dos seus aparellos: “O observatorio meteorolóxico de Vigo“, en 1883, e “Comparación das observacións meteorolóxicas de Vigo, 1884, coas estacións da zona cantábrica”.

Nestes traballos, analiza a situación atmosférica de Europa con motivo do forte ciclón do ano 1878 e traza o primeiro mapa de isóbaras que se realizará en Galicia.

“As apreciacións que fai sobre as situacións ciclónicas e anticiclónicas, así como o seu mapa isobárico de Europa son, sen dúbida as primeiras feitas por un galego sobre meteoroloxía dinámica”, afirma Francisco Díaz-Fierros nunha monografía sobre a historia dos estudos atmosféricos e climáticos en Galicia.

Chao chega á meteoroloxía moderna que se basea en comparar meteoros

Eduardo Chao anticipa tamén a meteoroloxía moderna, ao soster que non abonda coa lectura do barómetro, “senón que é preciso coñecer a relación de varios meteoros entre si e nun espazo considerable do globo”. O científico decátase de que son as observacións en diversos puntos, e trazadas nun mapa, as que poden permitir facer predicións fiables.

O noso autor aproveita para facer publicidade turística de Vigo e Galicia, concluíndo que o seu clima é bó “tanto para a residencia invernal coma para os excursionistas estivais”.

Foi o primeiro galego en usar as isóbaras. E só exerceu de meteorólogo nos derradeiros días da súa vida. Eduardo Chao, un político, escritor e científico que chegou a ministro. E que foi un adiantado a Meteogalicia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Tes razón, Eduardo! Seica a expresión que utilicei pode levar a confusión. En ningún caso quixen eu facer de menos o traballo de Santiago Pemán, gran comunicador e todo un personaxe para a miña xeración (abonda con lebrar as camisetas do súperheroe do tempo “P-Man). E resulta ben certo que a categoría de “home do tempo” ten sido exercida por brillantes meteorólogos. O que quería resaltar é que a faceta de presentar nos telexornais o tempo non é nomeadamente científica.
    A miña frase quería salientar que, en non poucas ocasións, os medios de comunicación adoitan entrevistar a presentadores de televisión que fan información do tempo como se fosen meteorólogos. Mesmo a falar do cambio climático ou da clásica entrevista sobre cómo será o vindeiro verán… Será por presas ou por buscar a popularidade. Pero moitas veces teño escoitado ós meteorólogos queixarse de que presentadores de televisión desborden as súas atribucións e rematen falando como profesionais da meteoroloxía en outros eidos. Era iso o que quería transmitir.
    Grazas polo aviso, Eduardo, e tentarei ser máis preciso a vindeira vez.
    Saúdos desde GCiencia!!

  2. Graciñas dun Eduardo a outro Eduardo, por falarnos dun terceiro Eduardo…

    Tan só un comentario sobre o artigo. Con independencia da opinión que cada quen poidamos ter de “homes do tempo” concretos, non me parece en absoluto axeitada a afirmación da introdución: “a pouco científica pero moi popular categoría de ‘home do tempo’ “. Xa non falo por moitos outros, pero por escoller unha personalidade senlleira, se consideramos a carreira de Mariano Medina como home do tempo como “pouco científica” seguramente teñamos conceptos moi diferentes do que é “(moi/pouco) científico”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.