Xoves 28 Marzo 2024

O Nautilus visita a ría de Vigo

Jules Verne.
Jules Verne.

O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo, a bordo do submarino ‘Nautilus‘, chega á ría de Vigo, segundo a novela “20.000 leguas baixo dos mares”. Aquela data era un martes de inverno, cando o somerxible máis famoso da literatura entrou canda as illas Cíes, cortando as augas. A bordo viaxaban o capitán Nemo e os seus tres ilustres hóspedes: o arpoador Ned Land, o profesor Aronnax e o seu asistente, Conseil.
A data é exacta porque “20.000 leguas baixo dos mares” está escrita como un diario, no que cada pasaxe está datada. Así sabemos que a lenda do “Nautilus” comezou a forxarse en 1866, cando varios vapores avistaron unha estraña criatura ou “obxecto mariño descoñecido”. Ao ano seguinte, o leviatán cobrouse as súas primeiras vítimas. O 5 de marzo de 1867, o “Moravian”, da Montreal Ocean Company, choca contra unha rocha descoñecida nas cartas náuticas. E, o 13 de abril, o “Scotia”, da Cunard, é arremetido por un enorme narval que lle fai unha descomunal e arrepiante vía de auga.
Así que, en xuño de 1867, a fragata “Abraham Lincoln” zarpa dos peiraos de Brooklin, en Nova York, á caza do monstro. E, como asesor científico, viaxa o zoólogo Aronnax, acompañado do seu mordomo.
A busca resulta infrutuosa durante meses. O 6 de agosto dobran o Cabo de Hornos e, dúas semanas máis tarde, atravesan o Trópico de Capricornio rumbo ao Pacífico Noroeste. Cruzarán ao Ecuador o 27 de agosto e cumprirán tres meses de misión na illas Sándwich e Marquesas. Finalmente, en novembro, aparecerá a criatura. Ás 23 horas do 7 de novembro de 1867, a fragata “Abraham Lincoln” é atacada polo monstro mariño. Caen á auga Aronnax, Conseil e Ned Land. E, á mañá seguinte, cando se creen a punto de morrer, emerxe o “Nautilus” e recolle os tres.

En Vigo, Nemo finánciase cos tesouros dos galeóns da batalla de Rande

“Nautron respoc lorni virch” son as primeiras palabras que escoitarán a bordo. Pronúnciaas un tripulante nunha lingua descoñecida para os náufragos, a que fala toda a tripulación do ‘Nautilus’. Pronto coñecerán ó seu anfitrión, que os recibe na fastosa biblioteca do somerxible. Nemo (“Ninguén” en latín) é o seu nome. Dende ese momento, saberán que son prisioneiros dunha das máis grandes aventuras da historia da literatura.
Dez días despois do seu rescate, os pasaxeiros son invitados a unha cazaría submarina en augas da illa de Crespo. Alí usaranse aparatos Rouquayrol de respiración submarina e lámpadas Ruhmkorff. Ambos os dous inventos foron estreados en Vigo para o rescate dos tesouros de Rande, na época en que Verne escribiu a súa novela. É unha proba máis de que o xenio de Nantes se inspirara para o libro nas operacións de rescate dos tesouros que se desenvolvían na badía viguesa neses anos, e que estaban a empregar por vez primeira os maiores adiantes en submarinismo.

'20.000 leguas baixo dos mares' comezou a publicarse en 1869.
‘20.000 leguas baixo dos mares’ comezou a publicarse en 1869.

Nos meses sucesivos, o Nautilus cruza o Ecuador (1 de decembro), avista as illas Marquesas (4 de decembro), pasa as Novas Hébridas (25 de decembro) e ten un combate cos aborixes de Papúa (9 de xaneiro).
Tras navegar por Timor, Ceilán e o golfo de Adén, o 7 de febreiro intérnanse no Mar Vermello. A través dunha canle submarina -que adianta o milagre da enxeñaría que suporá a canle de Suez– acceden ao Mediterráneo. Finalmente, o Nautilus cruza o estreito de Xibraltar e entra na ría de Vigo o 18 de febreiro de 1868. Será unha breve escala, cun único obxectivo: acceder á auténtica caixa de caudais do capitán Nemo, o tesouro dos galeóns da Frota da Prata, afundida na batalla de Rande de 1702.
Mentres os mergulladores abren cofres cargados de metais preciosos, Nemo pronuncia as súas históricas palabras: “Nestes mesmos instantes atopámonos na baía de Vigo e só de vostede depende descubrir os misterios que nela se agochan”. Seguidamente, preguntará a Aronnax se coñece a historia de España. E rematará narrando, ao longo de varias páxinas, a batalla de Rande, con profusión de detalles, recordando o dramático combate de 1702 no que unha frota combinada anglo-holandesa esmagou á escuadra franco-española, deixando 2.500 mortos e 1.800 feridos. E, con eles, a lenda dun fabuloso tesouro mergullado.

Publicidade

Verne sitúa o continente da Atlántida a poucas millas das illas Cíes


A visita a Vigo será breve. Ao día seguinte, o 19 de febreiro, o Nautilus chega pola noite á Atlántida, o continente desaparecido, que Verne sitúa nun punto impreciso non demasiado lonxe das illas Cíes, aínda que matiza que se estendía ata as Azores, Madeira e as Canarias, que considera os últimos cumios do que foi un vasto territorio, a sexta maior porción de terra firme do planeta.
Grazas á paixón de Verne polo dato preciso, coñecemos a data exacta en que o Nautilus visitou a ría de Vigo: o martes, 18 de febreiro de 1868. Sucedeu, polo tanto, un ano antes da publicación de “20.000 leguas baixo dos mares”, que comezou a saír por entregas no “Magasin d’Éducation et de Récréation” o 20 de marzo de 1869 e rematou o 20 de xuño de 1870.
Jules Verne visitaría Galicia persoalmente anos máis tarde. En concreto, estaría en Vigo en 1878 e 1884, en dúas estancias de catro días cada unha, as únicas que fixo en España na súa vida. Pero iso xa é outra historia. Esta de hoxe vai dunha efeméride literaria, unha data máxica que une a Galicia cun dos libros máis lidos da toda a historia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mergulladores e luz para o capitán Nemo

Os respiradores Rouquayrol e as lámpadas Ruhmkorff usadas en Rande inspiraron a Verne en ”20.000 leguas”

Os planos precisos do Nautilus

O submarino do capitán Nemo foi descrito con tal exactitude por Verne que sería doado de construír

Un Verne volve a Vigo

Jean Michel Verne, tataraneto do autor francés, lembrou nunha entrevista no MARCO a relación do seu devanceiro coa cidade olívica

Os límites da imaxinación: o fantástico mundo de Verne aterra de novo en Vigo

Unha exposición amosa o vínculo entre o novelista e a cidade. Atópase no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo e durará até o día 16 de setembro