O Delorean DMC-12 está á venda en Sabón por 24.500 euros.

O Delorean DMC-12 está á venda en Sabón por 24.500 euros.

O Delorean de ‘Regreso ao futuro’ está á venda en Arteixo

O mítico coche é unha rareza no mundo, só se construíu nos anos 1981 e 1982 e este modelo ten un prezo de 24.500 euros

Marty McFly (Michael J. Fox) chegará do pasado o vindeiro mércores, 21 de outubro de 2015. Así o recolle o filme ‘Regreso ao Futuro II‘, a segunda entrega da saga creada por Steven Spielberg e Robert Zemeckis. E aparecerá a bordo dun automóvil mítico, o Delorean DMC-12, un coche exclusivo que só foi construído durante dous anos: 1981 e 1982, ata que quebrou a compañía irlandesa construtora.

Marty McFly (Michael J. Fox) co seu DeLorean.

Marty McFly (Michael J. Fox) co seu DeLorean.

Grazas ao ‘condensador de fluzo‘, unha tecnoloxía que aínda non existe, Doc e McFly logran viaxar no tempo nesta película de culto. Pero calquera podería emulalos dende agora mesmo. E percorrer a autopista A-9, dende A Coruña a Vigo, a bordo dun auténtico Delorean DMC-12, que está a venda dende esta semana no concesionario XLCars Peninsular, S.L., situado no polígono de Sabón, en Arteixo. O prezo é de 24.500 euros.

O modelo, recén chegado, é do ano 1981, ten 100.000 quilómetros, un motor de 2.849 centímetros cúbicos e a clásica carrocería de aceiro inoxidable gris coas portas tipo ala de gaivota.

A compañía quebrou en 1982 tras ser acusado o propietario de tráfico de drogas

O Delorean DMC-12 é un modelo mítico pola película ‘Back to the future‘ e pola turbulenta historia da compañía fabricante. Fundada por John DeLorean en 1975, o seu único coche fabricado foi este modelo, que se converteu nun éxito de vendas, sobre todo nos Estados Unidos. Aínda que a empresa tiña a súa sede en Detroit, a fábrica estaba situada en Irlanda do Norte, grazas a axudas do goberno británico. Chegou a empregar a 2.500 traballadores. E o coche foi construído co volante á esquerda, para circular polos Estados Unidos, que eran o seu cliente principal. Agás tres modelos bañados en ouro, DeLorean sempre vendeu o DMC-12 sen pintar, coa cor natural do acero inoxidable. E empregaba pezas de fabricantes europeos como Renault ou Citroën, polo que aínda é sinxelo obter recambios para manter o coche, máis de trinta anos despois do seu lanzamento.

O DeLorean á venda na Coruña.

O DeLorean á venda na Coruña.

A compañía DeLorean quebrou en 1982, despois de que o seu fundador fora detido por tráfico de drogas, aínda que no xuízo posterior foi declarado inocente, xa que caeu nunha trampa. Sempre se sospeitou que o clúster do automóvil dos Estados Unidos estaba detrás da manobra, para eliminar a un emerxente competidor. O certo é que non houbo máis fabricación, aínda que os dereitos da marca foron comprados en 1997 por un empresario estadounidense.

Pero a sona internacional do DeLorean chegaría coa película ‘Regreso ao Futuro’. Aínda que foi producida en 1985, xa tres anos máis tarde da quebra da compañía, Steven Spielberg elixíu o DeLorean para que fora o coche co que viaxasen no tempo Doc e Marty McFly. Agora, calquera pode sentirse coma eles e conducir o mítico automóvil. Abondan 24.500 euros para ir a Arteixo, mercar o vehículo e sentirse viaxando no tempo pola Autopista do Atlántico.

6 respostas a “O Delorean de ‘Regreso ao futuro’ está á venda en Arteixo”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.