Venres 29 Marzo 2024

O Banquete de Conxo, unha revolución “poética” en pleno século XIX

A lenda baseada en feitos reais de que en Galicia todos os problemas se resolven discutindo nun xantar ten un gran precedente histórico no chamado Banquete de Conxo de 1856, un acontecemento que co tempo foi considerado un dos actos fundacionais do galeguismo. O Banquete celebrouse o 2 de marzo de 1856 e a próxima fin de semana van ter lugar unha serie de actos neste barrio compostelán (naquel momento tiña o seu propio concello) para conmemorar aquel xantar de confraternización entre obreiros, artistas, estudantes e artesáns que tería unha grande repercusión.

O Banquete celébrase nun contexto de graves crises económicas en Galicia. Especialmente dura foi a que sufriu Santiago en 1853 cando as inclemencias meteorolóxicas provocan a perda da maior parte das colleitas e unha grande carestía do gran. Deste xeito prodúcense graves motíns con grandes balbordos que levan ás autoridades a decretar o estado de sitio.

Publicidade

Eduardo Pondal. Foto: Alvarellos Editora
Eduardo Pondal. Foto: Alvarellos Editora

Pouco despois desta crise movementos liberais da cidade convocan o Banquete, que se celebra baixo a lenda “Orde e fraternidade” coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (a sublevación de militares galegos contra o dictador Narváez que terminou co fusilamento de todos eles). O anuncio do banquete causou escándalo entre as clases poderosas de cidade.

Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía Galega e investigador, explica que o Banquete é un acto “fundamentalmente político” aínda que o que máis transcendesen foran os brindes pronunciados por Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane. “O que se buscaba co Banquete era que o Partido Progresista rompese o acordo cos moderados e  se aliara co Partido Demócrata. O acto foi organizado fundamentalmente polo Partido Demócrata (republicanos) e por iso os textos de Aurelio Aguirre e Pondal teñen un marcado carácter republicano”, sinala Martínez.

As tensións que se vivían nunha cidade como Compostela, cunha marcada influencia das forzas conservadoras, fixo que o anuncio do Banquete levará a reforzar a presencia militar na cidade. O mesmo día do xantar os militares rodearon a zona na que se celebraba e, posteriormente, acompañaron aos participantes na propia marcha pacífica que fixeron ata o casco histórico de Santiago. Non houbo incidentes violentos pero Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal foron procesados polos seus brindis e mesmo foron condenados ao desterro ás Illas Marianas, aínda que finalmente non se executou o castigo.

O xantar levouse a cabo nunha carballeira situada na parte posterior do mosteiro de Santa María de Conxo. Acudiron un patrón e dous obreiros de cada oficio, invitados polos estudantes da Universidade de Santiago. Estes, vestidos de frac, serviron o xantar aos obreiros. O acto considerouse unha provocación porque naquela época os estudantes eran considerados como clase alta e non estaba ben visto que serviran aos dunha clase inferior. Eduardo Pondal saudou aos asistentes co seguinte brindis:

Brindo por quien, señores, la victoria.
Muerto mas no vencido dio al tirano;
Al ilustre varón de alta memoria,
El célebre Catón republicano:
de nuestra idea a la futura gloria,
y brindo por el pueblo soberano
y a quien acate libre como el viento
el vuelo del humano pensamiento…

No que se refire á importancia cultural que tivo o Banquete, Martínez explica que o acontecemento serviu para “galvanizar” o Rexurdimento, un movemento cultural pero tamén tecnolóxico e social que viviu Galicia neses anos.

“O feito de que se faga unha convocatoria mediante un banquete tamén ten a súa explicación”, indica Martínez, “os mitins estaban prohibidos e aproveitaban os funerais e os banquetes para facer actos políticos. Isto xa pasara en Francia da década de 1840 e a prohibición de facer banquetes foi o que levou á revolución de 1848 nese país. O Banquete de Conxo é un acontecemento semellante aínda que noutra escala”.

Do banquete ao mito

Posteriormente, o Banquete foi reivindicado polos autores da Xeración Nós e tamén polo Partido Galeguista e as Irmandades da Fala. Durante o franquismo quedou bastante esquecido e coa volta da democracia a labor da agrupación local Aurelio Aguirre serviu para reivindicalo e que a súa celebración volvese a cobrar forza. En 2016 a editorial Alvarellos editou o libro “Os últimos carballos do Banquete de Conxo”, onde se analiza o acontecemento dende diferentes perspectivas.

Dende o Concello de Santiago apostouse pola revitalización do entorno onde se celebrou o Banquete e abriuse unha senda peonil para facilitar o acceso á zona. Os días 21 e 22 de abril celebrárase un gran homenaxe no propio barrio que contará con actividades musicais, actividades para nenos, visitas guiadas e unha comida popular, que terá lugar o domingo 22, á que se invita aos cidadáns de Santiago para recuperar o espírito do Banquete de 1856.

“É unha boa nova que o Banquete sexa algo non só que quede nos libros de historia senón que se poida recuperar un espazo para a cidadanía e sobre todo para a xente de Conxo, que mantivo vivos os ideais de fraternidade e igualdade que caracterizaron aquela convocatoria”, conclúe Martínez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estamos cantando mal o himno galego? Estes son os “erros” que unha iniciativa lexislativa quere corrixir

As plataformas Vía Galega e Galiza Cultura presentan 16.000 sinaturas no Parlamento para modificar o texto recollido na Lei de Símbolos

Cal é a importancia do carballo de Conxo, candidato a Árbore do Ano en Europa?

Máis de 70.000 votos sitúano en segundo lugar, só por detrás da candidatura polaca, a tan só dez días de que remate o concurso

Non, a bandeira galega non foi deseñada polo Tsar de Rusia

Os últimos estudos apuntan a Murguía e desbotan a lenda popular de que está inspirada na enseña do porto da Coruña

Efervesciencia visita O Couto coa Fundación Eduardo Pondal

Paxaros, estrelas e ciencia cidadá centran unha nova entrega do programa de divulgación científica