José Luis López Vázquez interpretou a Benito Freire, personaxe inspirada en Romasanta, no filme de Pedro Olea "El bosque del lobo" (1970).

José Luis López Vázquez interpretou a Benito Freire, personaxe inspirada en Romasanta, no filme de Pedro Olea "El bosque del lobo" (1970).

Que foi Manuel (a) Blanco Romasanta? e 3: A morte e os misterios sen resolver

Tras ingresar en prisión, a pista de Romasanta pérdese durante máis de 150 anos ata que, en 2011, investigadores ourensáns revelan cómo e onde morreu

Le o capítulo 1: O ‘home do unto’ que puido nacer muller

Le o capítulo 2: A detención, a confesión e o xuízo

Unha vez indultado, Romasanta parece terse esfumado da Terra. Toda a expectación que rodeou ao caso esmorece. Alén da reseña da causa que o seu avogado defensor, Manuel Rúa Figueroa, publica en 1859, a súa figura só pervive a través da cultura oral. Unicamente Emilia Pardo Bazán e o escritor coruñés Antonio de San Martín publican artigos sobre Manuel Blanco nos decenios seguintes ao indulto.

Non, en tanto, en 1929, Vicente Risco rescata a historia do Tendeiro no seu discurso de entrada na Real Academia Galega, que leva por título Un caso de licantropía: o home-lobo. No ano 1947, o escritor galego Carlos Martínez Barbeiro publica El bosque de Ancines, novela baseada na historia de Romasanta, e na que se inspirará en 1970 El bosque del lobo un filme no que José Luis López Vázquez interpreta a Benito Freire, personaxe inspirada de xeito claro na figura de Manuel Blanco. En 1991 edítase O home do unto. Blanco Romasanta. Historia real de una leyenda, de José Domínguez e Lino Blanco. Xa en 2004, Alfredo Conde publica o libro Romasanta: Memoria incerta do home lobo. Nese mesmo ano estreouse o filme La caza de la bestia, de Paco Plaza, baseado na novela de Conde. En 2007, o xa mencionado libro de Mariño Ferro desvela, ao fin, un dos grandes segredos do Canicha.

A morte

Pero a morte de Romasanta seguía sendo un misterio. Varias versións contrapostas sitúano, despois do indulto, nos cárceres da Coruña, Celanova ou Allariz. Na tradición oral mesmo se falaba de que fuxira da prisión e vivira en Allariz, onde deixara descendencia. Houbo que agardar ata 2011 para desvelar esta incógnita. Nese ano celébrase na Fundación Vicente Risco, en Allariz, a primeira edición das xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta. Os irmáns Félix e Cástor Castro Vicente, avogados e investigadores do patrimonio musical e cultural do país, traían debaixo do brazo un gran segredo: descubriran onde morrera Romasanta. No seu blog, Arquivo Castro Vicente, compilan unha serie de publicacións con todo o referente á historia do ‘lobishome’.

Noticia da morte de Romasanta no xornal

Noticia da morte de Romasanta no xornal “La Correspondencia de España”, no día 21-12-1863. Fonte: Biblioteca Nacional de España / Arquivo Castro Vicente.

No citado artigo de Antonio de San Martín, que Cástor e Félix atoparon no arquivo da Biblioteca Nacional de Madrid, dicíase que “conducido a Ceuta, Manuel Blanco Romasanta viviu naquel presidio durante algúns anos…”. Así que Cástor e Félix decidiron tirar dese fío e atoparon que en decembro de 1863, tres xornais madrileños deran noticia da morte do “desgrazadamente célebre Manuel Blanco Romasanta”. Finou o 14 de decembro de 1863 por mor dun cancro de estómago.

Para confirmar este feito, os irmáns Castro Vicente consultaron os arquivos parroquiais de Santa Baia de Esgos, terra natal de Romasanta. E alí atoparon unha nova proba, que deron a coñecer no 2012 con motivo das segundas xornadas sobre o Canicha que se celebraron en Allariz: “No día dezaseis de decembro de 1864, por disposición de José Blanco, veciño da Pola de Gordón, na provincia de León, tívoselle nesta igrexa de Santa Eulalia o enterro e honras de Manuel Blanco, irmán daquel, que morreu no correccional de Ceuta, con asistencia de cinco señores sacerdotes”, dicíase no arquivo parroquial de Esgos.

O home do unto

Desbotada a incrible historia do ‘lobishome’, hai máis dúbidas sobre outro dos feitos que construíron a lenda de Romasanta despois de morto: foi o home do unto? Non hai probas materiais de que lles extraera a graxa ás súas vítimas para venderlla a farmacéuticos en Portugal, mais si que existen evidencias de crimes semellantes que o Canicha tamén puido cometer.

Durante o proceso xudicial, dáse conta de que en outubro de 1852 se toma declaración a catro farmacéuticos de Chaves. Estes negan calquera vínculo con Romasanta. Non en tanto, e tal e como sinalan os irmáns Castro Vicente, aínda que non se pode desbotar a hipótese de que puideran estar mentindo para evitar ser involucrados no comercio de graxa humana.

Os investigadores ourensáns tamén se mergullaron nas obras de Medicina e Farmacia dos séculos XVIII e XIX para atopar algún indicio sobre a utilización do unto humano. E tamén atoparon. Expoñen que en 1855, no Diccionario de material mercantil e industrial, publicado en Barcelona, José Oriol Roquillo di: “A graxa humana, en particular a dos aforcados, foi considerada como emoliente, temperante, contra os nervios, eficaz sobre todo contra as dores das articulacións, as contraccións dos membros, as feridas e para borrar os sinais da varíola“. Tamén se fala noutros libros dos seus usos contra as cicatrices, a alopecia ou a epilepsia.

Recibo dun pago por unto humano. Fonte: Arquivo Castro Vicente.

Transcrición dun recibo dun pago por unto humano datado en 1753. Fonte: Arquivo Castro Vicente.

Así, por exemplo, no libro Palestra pharmacéutica Chymico-galénica de Félix Palacios, o primeiro libro de Farmacia en español e o máis importante do século XVIII, inclúese a graxa humana, o sangue humano ou o po de cranio, como compoñente de diversas receitas. Os irmáns Castro mesmo atoparon recibos coma o que acompaña estas liñas, por pagos a cambio de unto humano, emitidos pola Real Botica de Aranxuez, datado o 10-10-1753.

En Galicia houbo sucesos semellantes aos que se lle atribuíron a Romasanta. En 1857, tense constancia dun truculento caso acontecido en Pontevedra. Alí, dous veciños de Cambados andaban ofrecendo na feira ao irmán dun deles para matalo e empregar a súa graxa nas boticas. A Garda Civil soubo do caso e arrestounos.

Non en tanto, o único indicio que podería relacionar a Romasanta co tráfico de unto humano é unha cesta que o Tendeiro lle encargou levar a un mozo do pobo de Prado ata Riobóo. O rapaz foi abordado por tres descoñecidos que lle quitaron a mencionada cesta, e varios testemuños declararon que se rumoreaba que naquel canastro había tarros de graxa, mais non hai certeza sobre este punto.

Porén, nos documentos do xuízo hai constancia doutro feito inquietante. Existen testemuños que afirman que no verán de 1851, unha muller chamada Marta Blanco decidira abandonar ao seu marido e se unira a Romasanta e outros ambulantes no pobo de Naveaus. Despois subiron á montaña e chegaron a unha cova, onde, sempre segundo os testemuños, Marta viu que o Canicha e os seus compañeiros fervían un pote no que había unha man dunha crianza. Asustada, Marta fuxiu. Ao tomarlle declaración, admitiu terse unido en Naveaus a un grupo de  contrabandistas e ter ido á serra, pero negou o suceso do pote. Con todo, tal e como sinalan os irmáns Castro Vicente, naquel mesmo tempo desapareceu unha das vítimas do Tendeiro, María Dolores, filla de Antona Rúa, outra das desaparecidas. Pero non hai probas máis contundentes.

Visita o 9-10-2012 de Héctor Salgado, Cástor Castro, Félix Castro, Fernando Serrulla, e Mark Ritchie, na búsqueda de paraxes e escearios que pudieran ter relación cos crimes de Manuel Blanco Romasanta. Arquivo Castro Vicente.

Os cómplices

Falabamos ao comezo da serie da enigmática relación entre o crego de Rebordechau, Pedro Cid, e Manuel Blanco Romasanta. De feito, no xuízo, veciños da parroquia afirman que o cura lle impediu ao pedáneo denunciar a Romasanta cando empezaron a medrar as sospeitas. Noutra ocasión, aseguraron que Pedro Cid defendeu ao Tendeiro dicindo que se limita a levar de alí a “xente ruín”, en alusión á dubidosa reputación das vítimas. E incluso sosteñen que chega a dicir: ”Leva aos malos e deixa aos bos”. E diversos informantes dicían que pouco antes de fuxir Romasanta estivera agochado nunha casa que o propio párroco tiña en Golpellás. Pero as probas tampouco van máis alá.

Por outra banda, segue sendo tamén unha incógnita a identidade da persoa que falsificou, a sabendas, o documento que lle permitiu a Romasanta obter o pasaporte e fuxir a Castela. E do mesmo xeito, especúlase con que o Canicha tamén tivo algún cómplice nos asasinatos, aínda que este estremo tampouco puido ser demostrado.

Os cabos soltos

Hai máis de 150 anos que Romasanta faleceu en Ceuta, levando consigo a verdadeira historia sobre os seus crimes e a súa natureza. Porén, a súa figura segue atraendo o interese dos investigadores. As xornadas celebradas nos últimos anos en Allariz, os descubrimentos sobre o seu sexo e a súa morte e os filmes e libros sobre a súa figura manteñen viva a súa historia. Os irmáns Castro Vicente, Fernando Serrulla, Xosé Ramón Mariño Ferro e outras persoas seguen á procura de datos sobre os puntos aínda escuros da vida do Canicha.

Como non podía ser doutra forma, unha das liñas de investigación segue o rastro dos seus restos mortais. Onde está enterrado? No penal de Ceuta onde morreu non existe rexistro da súa defunción. É probable, segundo os irmáns Castro, que o Tendeiro fora enterrado nunha foxa común, o que dificultaría moito o seu achado. Pola súa parte, Fernando Serrulla comenta que sería posible saber máis sobre a condición sexual de Romasanta cunha análise xenética dos seus descendentes vivos hoxe en día. Non en tanto, estas persoas néganse a someterse a estas probas.

Así como sería interesante atopar trazos sobre Romasanta, non menos importante sería o achado dalgún resto das súas vítimas. Así, no 2012, unha expedición na que participaron os irmáns Castro e Fernando Serrulla, xunto ao fotógrafo Mark Ritchie e o guía Héctor Salgado, visitou a Pala das Cuncas, a cova que os investigadores identificaron como posible refuxio do Canicha (o vídeo pódese ver neste mesmo artigo). Mais non atoparon nada. Mentres, a lenda de Romasanta perdura.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.