Venres 29 Marzo 2024

Así ‘atraparon’ científicos galegos ao Depredador de Londres

Pode que esteamos a falar do maior violador da historia recente do Reino Unido. E non había quen o pillara. Durante 17 anos, decenas de anciás residentes no sur de Londres sufriron agresións sexuais nas súas casas. Este depredador sexual escollía a mulleres de idade avanzada (as súas vítimas tiñan entre 68 e 93 anos) que vivían soas e entraba de noite nas vivendas. Ía enmascarado e con luvas, desconectaba o teléfono e a luz. Tras asegurarse de que as vítimas non poderían pedir auxilio, cometía os crimes, dos máis “perturbadores e horribles” que tivo que afrontar Scotland Yard.

O retrato robot do depredador, feito a partir da descrición das vítimas, non foi concluínte. Fonte: The Telegraph.
O retrato robot do depredador, feito a partir da descrición das vítimas, non foi concluínte. Fonte: The Telegraph.

En todo este tempo, non deixou unha soa pegada dactilar, polo que a policía só dispoñía do seu ADN. A policía británica comparou nas súas bases de datos todas as mostras de material xenético que tiña, pero ningunha coincidía. Tratábase dunha persoa sen antecedentes. A psicose era tal que o depredador anónimo foi bautizado polos medios de comunicación co nome de ‘Night Stalker‘, “acosador nocturno”, xa que adoitaba cometer os seus crimes de noite.

Publicidade

Ningunha vítima podía achegar datos concluíntes sobre a súa identidade. Ademais de actuar ao abeiro da escuridade, bastantes das mulleres agredidas padecían problemas de saúde e discapacidades: xordeira, cegueira e ata Parkinson ou Alzheimer. Un criminal “pervertido e despiadado, que se cebaba coas persoas máis vulnerables da sociedade”, dicía a policía.

As análises de ADN realizadas polos científicos galegos reduciron en gran medida o número de sospeitosos

A investigación parecía estar en punto morto. Por máis que se recollían evidencias e testemuñas, parecía imposible cazar ao depredador. Ata que apareceu o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro de Santiago de Compostela. O equipo dirixido por Victoria Lareu, hoxe integrado no grupo de Xenómica que coordina Ángel Carracedo, é unha referencia internacional na Xenética Forense.

“Non se sabía nada del, as descricións eran contraditorias”, lembraba hai pouco nunha conferencia con estudantes o doutor Carracedo. Pero a excelencia dos investigadores de galegos acabou obtendo froitos. Grazas ás avanzadas técnicas de análise do ADN, “puidemos dicirlle que os trazos do seu ADN amosaban un 82% de orixe africana, un 12% nativa americana e un 6% europea. Son uns rasgos característicos do Caribe, e especialmente da illa de Xamaica. ‘Cravamos’ a cor da pel e dos ollos”, contaba o investigador galego.

O abano de sospeitosos reduciuse de xeito case definitivo. Antes era como buscar unha agulla nun palleiro, e agora, grazas aos datos achegados polo instituto compostelán, tiñan varios fíos claros dos que tirar. Pero os ataques do depredador non cesaban, e a psicose no sur de Londres aumentaba cada mes. A Scotland Yard, ante a alarma causada, redobrou os recursos. Púxose en marcha a chamada Operación Minstead. Estímase que gastaron millóns de libras para atopar ao depredador.

Equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Foto: USC.
Equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Foto: USC.

A policía británica elaborou unha lista con todos os residentes na zona que tiñan orixe caribeña e pediulles mostras de ADN. Unha medida non exenta de polémica, que chegou ao debate na Cámara dos Comúns, xa que algúns homes rexeitaron ceder o seu material biolóxico por consideralo discriminatorio. Debido a isto, foron incluídos como sospeitosos. Pero o depredador seguía sen ter cara. Ningunha das mostras de ADN cedidas coincidía coas atopadas nos lugares dos feitos.

Ao tempo, axentes da policía británica viaxaron a Xamaica e outras illas caribeñas para intentar atopar parentes dos posibles sospeitosos que manexaban. Querían saber cales deles podían ter algún familiar vivindo na zona na que actuaba o depredador.

Finalmente, o cerco policial acabou pechándose sobre Delroy Grant, un home nacido en Xamaica, de 52 anos no momento de ser arrestado, en 2009. Era un pai de familia numerosa e ao coidado da súa muller, que padecía esclerose múltiple. A finais de 2009, a policía arrestouno in fraganti cando fuxía do lugar dun dos seus ataques.

Erros na investigación

O tribunal que o xulgou condenouno por un total de 29 delitos: 18 roubos, tres violacións, un intento de violación e sete agresións sexuais. Porén, crese que os seus crimes foron moito máis numerosos, aínda que a falta de probas non permitiu culpalo por eles.

O caso foi moi seguido no Reino Unido, debido á alarma que xerou na área do sur de Londres onde se produciron os ataques. Despois de arrestar a Delroy Grant, a policía recoñeceu os seus erros na investigación e pediu desculpas ás vítimas e á sociedade por non telo capturado antes. A comezos da década estiveron a piques de capturalo en dúas ocasións, e chegaron a identificar o coche de Grant preto da casa dunha das vítimas, pero non se afondou no asunto. “Un simple erro pode ter consecuencias horribles. Sentímolo profundamente”, declarou un portavoz policial.

Co arresto de Grant en 2009 rematou un dos casos máis inquietantes que tivo que afrontar a policía londinense na súa historia. E gran parte do éxito residiu na ciencia, e no traballo dun equipo de investigadores galegos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Ángel Carracedo: “O Proxecto Xenoma Galicia é o máis ambicioso do mundo”

A iniciativa recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e para anticiparse ás enfermidades

Ángel Carracedo: “Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego”

O xenetista fai un repaso da súa traxectoria como líder dun laboratorio que é referencia internacional en Ciencias Legais en Forenses

Identificadas 51 rexións xenómicas responsables da severidade da covid

O catedrático da USC Ángel Carracedo participa na actualización do mapa xenético do SARS-CoV-2, que engade 28 rexións ás detectadas en 2021