Venres 29 Marzo 2024

Microbios contra Napoleón

Mapa da batalla de Elviña entre ingleses e franceses en 1809.
Mapa da batalla de Elviña entre ingleses e franceses en 1809.

Nas guerras, adoita comparecer un exército microscópico a cotío máis letal que as propias armas. A I Guerra Mundial, por exemplo, deixou 18 millóns de mortos. Pero ao seu fin, en 1919, cando se asinou o Tratado de Versalles, o mundo xa estaba librando outra batalla: a da gripe española, que deixou case o triple: 50 millóns de falecidos. Tamén é sabido que a varíola e o sarampelo foron letais para os nativos americanos mentres Hernán Cortés ou Pizarro avanzaban polo continente. No eido da ficción, na novela “A guerra dos mundos”, de H. G. Wells, os alieníxenas que aterran nos campos comunais de Londres son aniquilados por algún tipo de bacteria terrícola, cando a súa vitoria xa parecía irreversible.
Así que os microbios son afeccionados a combater nas guerras. E fixérono tamén durante a invasión francesa de Galicia en 1809, hai pouco máis de dous séculos. De feito, os ocupantes franceses chegaron moi castigados polas enfermidades, o que contribuiría á vitoria dos paisanos contra a todopoderosa maquinaria bélica de Napoleón.
Sabemos que os soldados galos chegaban enfermos pola gran cantidade de hospitalizacións e mortes que se producen en Vigo durante os dous meses de ocupación da vila, entón convertida nun grande hospital, onde deixan aos enfermos da retagarda do mariscal Soult. O hospital militar que existía entón queda desbordado e o convento de San Francisco, no Berbés, ten que ser acondicionado como sanatorio. Nas dúas primeiras semanas de ocupación, cóntanse 22 franceses mortos por altas febres. Son enterrados no areal de Coia. E, aínda que non se coñece a súa doenza concreta, veñen de camiñar a marchas forzadas, en decembro e xaneiro, dende Madrid a Galicia, baixo a neve, nun dos máis crus invernos deses anos. A gripe é a primeira candidata a heroína desta guerra microbiana.

Vigo convértese nun gran hospital para os soldados franceses enfermos

Galicia ten tamén o seu propio “Xeneral Inverno“. Se ben non é tan estrito como o seu homólogo ruso, esnaquiza aos soldados dos mariscais Soult e Ney, desde a súa victoria na Batalla de Elviña en xaneiro de 1809 ata a súa derrota definitiva en Ponte Sampaio en xuño. En febreiro, están documentadas as penalidades do exército de Soult para cruzar o Miño cara a Portugal. De Arbo a A Guarda, os paisanos queiman todas as embarcacións dispoñibles. E a División Heudelet é enviada río arriba, ata Ourense, a buscar un paso seguro. O río chega crecido e, ademais, todo o Sur do Reino está azoutado por un temporal terrible. As crónicas falan de centos de soldados que caen enfermos e que morren no medio de altas febres.
Os microbios tamén serán protagonistas mentres os galegos van expulsando aos galos, a partires da victoria en Vigo hoxe coñecida como ‘A Reconquista‘. Cando os vigueses marchan sobre Tui para intentar recuperar a praza, os ocupantes franceses caen coma chinches, non polas balas senón polas enfermidades. Aquí algúns autores apuntan ás febres terzás, un subtipo de peste, así como o tifo, unido á gripe propia da estación.

Publicidade

Centos de soldados franceses morreron coa epidemia de febres terzás

Algúns autores afirman que en Tui se desatou unha auténtica epidemia, unha enfermidade non descrita que estaba a afectar á gornición da cidade e que “herdaron” os seus veciños á saída dos galos. Ávila y La Cueva narra deste xeito a insalubridade que deixaron os franceses en Tui: “Como Tui e outros varios pobos do Bispado quedaron infectados da epidemia que había entre os franceses, acendeuse tal contaxio neles que era innumerable a xente que morría; nesta cidade, tanto antes de marchar aqueles como despois, causaba admiración ver os moitos que falecían; e segundo resulta polas partidas de defunción estendidas no libro de defuntos, morreron na parroquia da cidade 370 persoas“.

Recreación da Reconquista de Vigo.
Recreación da Reconquista de Vigo.

O autor cre que as cifras reais serían aínda maiores: “Quen sabe os máis que morrían e que non lles estendían partidas? Porque naquela confusión e trastorno non é de estrañar quedase algún sen elas”.
O historiador relata a estampa terrible daquela epidemia, segundo varias fontes: “A maior mortaldade foi nos meses de marzo, abril, maio e xuño, pois deles houbo días de oito e dez mortos, e nunha ocasión vin traer marido e muller xuntos a enterrar. No número dos 370, non entran os moitos soldados franceses que morreron daquela epidemia, pois eran tantos os que falecían que os levaban en carros a enterrar aos campos, e a estes non os puxeron partidas de defunción”.
Así que os microbios, coitadiños, non adoitan saír nas grandes epopeas bélicas. Non hai para eles medallas nin estatuas ecuestres nas prazas principais da patria. Pero nunca se perden unha guerra. Na Guerra contra Napoleón, hai dous séculos, xogaron un papel enorme, aínda que os loureiros, en lugar do pouco fotoxénico estreptococo, os levasen seres pluricelulares como Agustina de Aragón, en Zaragoza, ou Cachamuiña en Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.