Mata Hari, ataviada como bailarina exótica.

Mata Hari, ataviada como bailarina exótica.

Mata Hari espía en Vigo

A bailarina e axente secreta recalou varias veces no porto vigués, onde negociaba coa rede de espías en Galicia na Gran Guerra

Mata Hari espiou en Galicia. En concreto, en Vigo. Unha cidade que visitou en varias ocasións durante a I Guerra Mundial. E na que fixo contactos coa comunidade de espías alemáns ou aliados que operaban en Galicia, malia a neutralidade de España na Gran Guerra, polos intereses das minas de wolframio ou as continuas escalas, sempre secretas, de submarinos U-boot alemáns nos portos galegos.

Greta Garbo inmortalizou a Mata-Hari no cinema.

Greta Garbo inmortalizou a Mata-Hari no cinema.

Mata Hari é un nome que identifica á perfecta muller espía, misteriosa e sofisticada. O cine e a literatura forxaron a súa lenda. Pero a realidade é que Margaretta Gertrude Zelle, o nome real da nosa protagonista, de espía tivo pouco, aínda que foi fusilada por iso en Francia en 1917. Ao repasar a súa biografía, descubrimos unha persoa tan extremadamente frívola que, en plena Gran Guerra, se paseaba por Europa presumindo de ser axente secreta ou ofrecéndose a todos os bandos en conflito a cambio de diñeiro, a súa gran paixón. Nunca foi consciente de que a súa vida corría perigo. E a súa historia, ata ser axustizada, produce en realidade unha profunda compaixón.

A súa vida é ben coñecida. Nacida en Holanda en 1876, Margarita casa con 18 anos e trasládase a Java co seu esposo. O seu matrimonio é un desastre. Pero aproveita a súa estanza para coñecer a cultura oriental. Grazas a iso, ao seu regreso a Europa, preséntase en París como unha princesa xavanesa e alcanza grande éxito en espectáculos como bailarina exótica. As entradas esgótanse para presenciar as súas funcións de strip-tease. Mentres un amplo sector social, escandalizado, detesta a súa figura. Isto último axudaría ao seu malogrado destino.

Cando, en 1914, estoura a I Guerra Mundial, Mata Hari -o seu nome artístico, que significa “ollo do día” en malaio- ve como a súa carreira languidece. Unha vida de excesos, a proximidade dos 40 anos e a inexorable Lei da Gravidade de Newton fixeron que os encantos de Margarita xa non fosen os mesmos que cando se presentaba como unha princesa de vinte anos. De feito, está fatal de cartos. Algo que a calquera inquedaría, pero que é unha traxedia para unha desbaldidora coma ela.

Os xefes de Mata Hari, a axente H21, a describían ‘patética, mentireira e maleducada’

É entón cando idea o seu plan para facerse espía. En 1915, é captada polos alemáns. Durante 15 semanas, foi formada en Amberes como axente secreta e chegou a ter a súa clave: H21. Pero as súas aptitudes deixaban moito que desexar, por máis que conseguise filtrar a Berlín algunhas informacións menores sobre actividades francesas no protectorado de Marrocos. Posteriormente, os galos ofrecéronlle converterse en axente dobre. Mentres que os ingleses a someten a un control permanente. Pero todo resulta moi nebuloso porque ela mesma alimenta fantasías sobre a súa propia vida.

Mata Hari noutra estampa promocional do seu espectáculo.

Mata Hari noutra estampa promocional do seu espectáculo.

O único certo é que, durante cando menos dous anos, ata a súa execución en 1917, incumpre a primeira norma dun axente secreto: a discreción. Mata Hari divírtese contando a uns e a outros a súa condición de espía. Ou ofrecéndose directamente para traballar como informante.

Nestes anos tolos é cando visita Vigo. Farao, polo menos, en catro ocasións en 1916, a última só dous meses antes de ser detida. A razón da súa estanza na cidade é que, dende o porto vigués, pode trasladarse en barco a Holanda, en viaxes de ida ou de volta. Sempre elixe para aloxarse o hotel Continental, hoxe desaparecido situado no paseo das Avenidas, fronte a onde hoxe se sitúa o Real Club Náutico. Cando chega, pasa a noite e sae en tren ao día seguinte cara a Madrid, a aloxarse, facer vida social e conspirar ao seu xeito no hotel Ritz.

Nunha das súas visitas a Vigo, a súa xefa directa, a implacable espía Elisabeth Schramüller, coñecida como “Fräulein Doktor“, escribiu esta mensaxe á embaixada en Madrid e ao consulado vigués, alertando sobre Mata Hari: “Non espero gran cousa desta axente H-21 e non me formulo proporcionarlle contactos entre axentes. Ao meu xuízo, hai que deixala operar soa e, se os acontecementos se torcen, librarse dela o mellor posible antes de que gangrene a nosa rede de espías, que segue sendo nosa fonte esencial sobre as actuacións dos aliados”. Outro dos seus xefes nestes meses  describiuna con estas palabras: “Patética, mentireira, mal educada e estúpida”.

Mata Hari sempre se aloxaba no hotel Continental, con vitas á ría de Vigo

De todas as súas escalas en Galicia, hai unha especialmente interesante. Nárraa ela mesma, no segundo interrogatorio a que é sometida en Francia, en febreiro de 1917. Nel, Mata Hari conta como desembarca en Vigo o 6 de decembro de 1916. Chega a bordo do buque “Araguya“, procedente de Liverpool, tras ser retida no Reino Unido baixo a acusación de espionaxe e posteriormente liberada.

Mata Hari alóxase no Continental e, á mañá seguinte, recibe unha oferta para rizar o rizo da súa lea coa espionaxe. Supostamente, os rusos ofrécenlle converterse no súa axente. A oferta failla Martial Cazeaux, secretario do consulado holandés e de orixe francesa. En realidade, un espía que opera en Vigo.

Así o conta a propia Mata Hari: “Ao día seguinte, paseaba polo peirao cando o señor Cazeaux me abordou nestes termos: “Dígame entón, querería vostede ir a Austria para traballar para os rusos? Vimos da súa parte”.

-Por que non?

-Que pediría?

-Un millón cen mil francos de adianto (confeso que o dixen un pouco en broma).

-É moi caro.

-Se isto serve para salvar cen mil homes, ben vale dez francos por cabeza, non cre vostede?

-Paréceme que están en negociacións cos americanos, que o fan por menos diñeiro. Pero bromas á parte, falarei disto. O axente ruso virá a verme. Onde pode ir, chegado o caso, a vela en Madrid?

-No Ritz, Como o recoñecerei?

-Pola metade da miña tarxeta

E rachou unha das súas tarxetas de visita e deume un dos fragmentos. (…) Eu deixeino dicíndome que esperase ao seu enviado en Madrid. Tomei o tren en Vigo e cheguei a Madrid ao día seguinte”.

A pobre Margaretta desespera en Madrid, sen recibir novas do seu contacto en Vigo: “Esperei cinco días ou máis e non recibín nada de Vigo. Así que telegrafei ao señor Cazeaux: ‘Hai que esperar moito aínda?’. El contestoume por carta, pero a súa correspondencia atrasouse debido á avalancha de neve que cubría nesta época a rexión de Vigo. Na súa carta dicíame: “Espere un pouco máis. O ruso está agora en Suíza”.

Esta é a transcrición do interrogatorio a Mata Hari de 1917, que recolle o historiador Lionel Dumarcet. A presunta oferta rusa, dende logo, non callou. Pero o certo é que Vigo formou parte da súa historia. E Mata Hari, da historia de Vigo. O 15 de outubro de 1917, a pobre Margarida caía fusilada lanzando un bico aos seus executores.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.