Xoves 25 Abril 2024

María Victoria Moreno, elixida para o Día das Letras Galegas 2018

A escritora María Victoria Moreno, figura da literatura infantil galega, será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, por decisión da Real Academia Galega. Mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica, onde tivo como profesores a Rafael Lapesa e Dámaso Alonso. No ano 1963 chegou a Pontevedra e quedou namorada para sempre da cidade, ainda que fixo logo estadías en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo). Xa asentada definitivamente en Pontevedra, foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación.

Aínda que publicou as súas primeiras obras en castelán -e mesmo foi finalista do Premio Café Gijón– en Galicia adquiriu o compromiso de escribir só en galego.

Publicidade

O Álbum das Mulleres do Consello da Cultura Galega fai un repaso da obra de María Victoria Moreno:

“Contaba María Victoria que soñara Mar Adiante como a singradura dunha escola ideal. O conto “Crarisca e Luceiro” levou o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho” en 1972. Leonardo e os fontaneiros (1986) era a súa obra preferida. Esta novela, que propón diferentes formas de lectura, reflicte o mundo interior dun rapaz e a súa amizade cun can da rúa. Levou o terceiro premio do concurso “O barco de vapor” en 1985. Anagnórise (1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de “road-movie”, unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade“.

Ademais de novelas e contos, María Victoria Moreno escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección “Árbore” da editorial Galaxia. “Como profesora, afanábase na procura dun método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe”, explica a súa entrada no Consello da Cultura Galega: “Fronte ás prohibicións, a censura e o medo, María Victoria ofrecía liberdade e xogos. Alimentaba os seus “cachorros” de palabras fermosas. A eles deixou en herdanza a súa biblioteca persoal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Os homes len en galego 27 palabras máis por minuto que as mulleres

A filóloga Carme Hermida cre que elas son menos veloces porque practican unha lectura máis atenta ca eles

As 10 palabras do galego que estás dicindo mal

Brote, gafas, espalda... Son palabras de uso común, pero tamén castelanismos. Cales son os termos correctos?

A ciencia, mellor en galego

Por Laura Filloy, xornalista