María Martinón (imaxe: Cenieh) e a mandíbula atopada en Israel (imaxe: Israel Hershkovitz).

María Martinón (imaxe: Cenieh) e a mandíbula atopada en Israel (imaxe: Israel Hershkovitz).

María Martinón asina un artigo que podería cambiar a historia do Sapiens

A científica galega, directora do Cenieh, participa nun estudo internacional que descubriu os restos máis antigos de Sapiens localizados fóra de África

O Homo sapiens saíu de África bastante antes do que se cría ata agora. Así o demostra o achado dun equipo internacional de investigadores, entre os que se atopa a galega María Martinón, directora do Centro Nacional para a Investigación da Evolución Humana (Cenieh). Este grupo atopou na cova de Misliya, no monte Carmelo de Israel, os fósiles máis antigos da actual especie humana fóra do continente africano.

A investigación, publicada esta semana en Science, empregou tres métodos independentes de datación cos que determinaron que o fósil, pertencente a un maxilar esquerdo, tiña unha antigüidade de entre 200.000 e 175.000 anos. No traballo tamén participaron outros destacados investigadores españois, como Juan Luis Arsuaga e José María Bermúdez de Castro.

O achado revela que “a conquista do planeta empezou 60.000 anos antes”, di Martinón

En declaracións á Axencia Sinc, María Martinón sinala que este descubrimento suxire, por tanto, que os humanos comezaron a conquistar o mundo uns 50.000 anos antes do que se pensaba. “Nos textos clásicos sobre evolución humana recóllese que a historia da nosa especie é unha historia bastante recente e exclusivamente africana. Con todo, o achado de Misliya revela que a historia da orixe do Sapiens, e sobre todo, a da súa exitosa dispersión e conquista do planeta empezou polo menos 60.000 anos antes”.

As evidencias atopadas ao analizar o maxilar amosan semellanzas cos humanos modernos, pero tamén patróns das outras especies humanas coas que conviviron os Sapiens, como os neandertais. Así, compararon a mandíbula con unha ampla mostra de fósiles europeos, africanos e asiáticos datados desde dous millóns de anos antes de agora.

Un Sapiens moderno

A conclusión, segundo María Martinón, é que “a morfoloxía do fósil achado en Israel é claramente moderna, e está fóra da variabilidade de neandertais e outros homininos arcaicos”.

Os habitantes de Misliya, segundo as evidencias atopadas, eran cazadores de grandes animais e controlaban o lume. Tiñan tamén ferramentas de pedra semellantes ás dos primeiros humanos modernos de África. “Hai uns 180.000 anos existía unha poboación en Israel cunha anatomía e cultura similar á dos primeiros humanos modernos de África; unha poboación de cazadores de grandes presas, como uros e gacelas, con ferramentas sofisticadas e perfecto control do lume”, expón a directora do Cenieh.

Aínda que os fósiles máis antigos de Homo sapiens atopáronse no xacemento de Jebel Irhoud (Marrocos), e están datados en 300.000 anos antes de agora, para os investigadores, as rutas migratorias que os humanos modernos usaron para saír de África e o momento en que o fixeron son clave para comprender a evolución da nosa especie. Neste sentido, a rexión de Oriente Próximo representa un corredor importante para as migracións de homínidos durante o Pleistoceno. Esta zona foi ocupada en diferentes momentos tanto por humanos modernos como por neandertais.

Unha resposta a “María Martinón asina un artigo que podería cambiar a historia do Sapiens”

  1. ¿Como se pode deducir a historia do Homo sapiens a partires dun achado illado nunha soa cova de Israel¿
    ?Como se poden rexeitar ou ainda ignorar os achados mais vellos en outras covas do Norte de África tamén de Homo sapiens (Marrocos) e polarizarse por o xacemento israeli no que a data está en entredito polas alteracions producidas pola reiteración dos raios X cos que trataron de estudar a estructura dos dentes?.
    ¿Porqué Martinon, Arsuaga e Bermudez de Castro non rematan a investigación de Atapuerca dunha vez, despois de tantos anos de adiar a presentación de resultados finais?.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.