Representación moderna de Margery Kempe, que se empregou para ilustrar a portada dalgunha edición do seu libro. Con todo, non se corresponde coa realidade, xa que é moi posible que non soubera ler nin escribir.

Representación moderna de Margery Kempe, que se empregou para ilustrar a portada dalgunha edición do seu libro. Con todo, non se corresponde coa realidade, xa que é moi posible que non soubera ler nin escribir.

Margery Kempe, a peregrina “revolucionaria” que visitou a Compostela de 1417

O CSIC conmemora o sexto centenario da chegada da mística británica a Santiago, cuxo libro se considera a primeira autobiografía da literatura inglesa

A Europa da segunda metade do século XIV non era un bo lugar nin un bo momento para unha muller. En plena Guerra dos Cen Anos, e co continente arrastrando aínda as consecuencias da Peste Negra, naceu Margery Kempe, unha mística inglesa autora da primeira autobiografía coñecida na literatura inglesa, The book of Margery Kempe, a pesar de que non sabía ler nin escribir. Unha tola e histérica para os seus coetáneos, un símbolo da emancipación da muller medieval para os historiadores no século XXI. Hoxe segue a ser venerada pola igrexa anglicana. Este venres, o 7-7-17, ás 7 da tarde, a delegación en Galicia do CSIC, a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), celebra un acto conmemorativo para lembrar o sexto centenario da súa peregrinación a Santiago de Compostela.

Non se coñece ningún documento sobre a súa estancia en Galicia

Por desgraza, nada se sabe da estancia de Kempe en Galicia en 1417. Non deixou nada escrito. Si se sabe que se embarcou desde o sur de Inglaterra na comitiva do obispo de Worcester, despois de varios intentos para conseguir facer unha viaxe que naquel momento era cara e complicada. Carlos Andrés González Paz, doutor en Historia Medieval e investigador do IEGPS explica que a data escollida para a homenaxe non é casual. “Decidimos poñela o 7-7-17 porque se sabe que partiu de Inglaterra despois da festividade do Corpus, que aquel ano caeu no 10 de xuño. Botando contas, calculamos que o barco saíu cara Galicia nos primeiros días de xullo. A viaxe de ida e volta durou 26 días, 7 de ida e 5 de regreso, polo que debeu estar uns 14 días aquí”. É posible, por tanto, que nestes mesmos días, 600 anos atrás, esta muller camiñase polas rúas de Compostela.

Desde hai anos, o IEGPS leva desenvolvendo dúas liñas de investigación que se unen na figura de Kempe: por unha banda, a historia das peregrinacións; e por outra, a historia social das mulleres. De aí o interese por esta figura. “Non era habitual que as mulleres realizaran peregrinacións de longa distancia”, conta González Paz. Porque a mística non só visitou Santiago, senón que tamén viaxou soa e por conta propia a outros grandes lugares da cristiandade como Xerusalén, Asís ou Roma. “Rachou con todos os tópicos do seu tempo”, sentencia o historiador. E sempre baixo unha actitude vital entregada á relixiosidade, á oración e á penitencia.

“Rachou cos tópicos do seu tempo”, sinala González Paz

Margery Kempe era filla dun acomodado comerciante de Lynn, no condado de Norfolk, que foi varias veces deputado no Parlamento. Casou aos 20 anos, tivo polo menos 14 fillos e crese que non sabía nin ler nin escribir. Con todo, “posuía unha capacidade memorística asombrosa e un gran interese por aprender. – sinala Carlos González – Lembraba todo o que lle lían e recitábao despois”. Nese tempo, despois de casar, comezan as vivencias que se plasmarían no libro. Anos despois, recitaríallas primeiro ao seu fillo maior e máis tarde a un crego, que fixeron de escribáns da súa principal obra.

Tras dar a luz ao seu primeiro fillo, posiblemente por unha depresión post-parto, comeza a ter visións malignas, nas que afirma ver ao demo. Tan grave era a situación que a súa familia decide encadeala e encerrala na casa durante varios meses. Vaise recuperando pouco a pouco, e as visións malignas transfórmase en divinas. Afirma ter conversas con Xesucristo, a Virxe e Deus, polo que decide mudar totalmente de actitude e levar unha intensa vida espiritual.

“Kempe e outros persoeiros daquel tempo deciden darlle as costas á relixiosidade institucional e asumen unha actitude de relixiosidade máis popular”. Esta actitude, sumada á súa condición de muller e á súa actitude libre, sen adscribirse ás convencións da época, trouxo consecuencias. “Custoulle grandes desgustos. Encerrárona, maltratárona e ameazaron con violala, pero a pesar de todo non retrocede”, conta González Paz.

Os seus manuscritos desapareceron desde o século XVI ata 1934

Pode considerarse, por tanto unha figura “revolucionaria, no bo sentido. Representa ás mulleres que nunha época moi difícil deciden transgredir o rol establecido. E faino a pesar de non seguir unha educación regrada, de casar moi nova e ter moitos fillos”.

A figura de Kempe permaneceu agochada durante séculos, xa que os manuscritos da súa autobiografía desapareceron no século XVI e non se atoparon de novo ata 1934. Desde esta data, son moitos os estudosos que intentan botar máis luz sobre a súa figura.

En Galicia, o IEGPS continúa á procura de documentos que poidan aportar luz sobre a estancia da mística no noso país, hai xusto agora 600 anos. González Paz é optimista. “Quedan moitas arestas da súa historia por coñecer, e quero pensar que nalgún arquivo parroquial de Galicia hai algún documento durmindo o sono dos xustos e esperando a ser descuberto”, expón.

Acto conmemorativo no IEGPS de Santiago de Compostela (19 horas).

Entrada libre e gratuita. Falarán:

María Dolores Barral Rivadulla, doutora en Historia da Arte e profesora da Universidade de Santiago de Compostela: A Coruña no século de Margery Kempe.

Carlos Andrés González Paz, doutor en Historia Medieval e investigador no IEGPS: “As peregrinacións xacobeas inglesas no século de Margery Kempe”.

Robert Swanson: doutor en Historia Medieval e profesor da Universidade de Birmingham: “Margery Kempe, viatrix”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.